Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 02 de xuño de 1999 Páx. 6.798

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de maio de 1999 pola que se declaran de reserva exclusiva determinadas cuadrículas do polígono de viveiros Noia-A.

Por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, do 31 de outubro do 1989 (Diario Oficial de Galicia nº 236) apróbase a reordenación do polígono de bateas denominado A do distrito marítimo de Noia constitúese e delimítase o novo polígono A que substitúe o antigo.

No anexo da dita orde sinálase a situación xeográfica dos vértices do novo polígono A indícase que consta de 31 puntos de fondeo, dos que 20 se ocupan con viveiros procedentes do antigo polígono.

Os artigos 63 e 64 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e o artigo 21 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, facultan a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para reservar en exlusiva zonas concretas e para o outorgamento de autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos, sempre que se trate de proxectos que impliquen o desenvolvemento de novos programas, experiencias ou estudios.

Tendo en conta as graves repercusións que a proliferación de dinoflaxelados tóxicos están causando nos últimos anos sobre a producción da maior parte dos viveiros situados en polígonos desta Comunidad Autónoma, as peticións do sector en demanda de zonas de reparqueo para autodepuración, e vistos os estudios realizados por técnicos da Dirección Xeral de Recursos Mariños, resulta de interese dispoñer de cuadrículas en zonas reservadas en exclusiva que presenten niveis baixos de toxicidad por fenómenos de floración fitoplanctónica, para levar a cabo programas experimentais, en relación co establecemento de novos procesos de comercialización dos moluscos bivalvos cultivados en zonas afectadas pola marea vermella.

Por todo o que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Decláranse reservadas en exlcusiva as cuadrículas números 4, 5, 12 e 13, do polígono A o distrito marítimo de Noia.

Artigo 2º

O destino e condicións de outorgamento das ditas cuadrículas serán os sinalados na Orde do 22 de marzo de 1994 (Diario Oficial de Galicia nº 80) pola que se declaran de reserva exclusiva determinadas cuadrículas de diversos polígonos de viveiros flotantes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións que foran precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura