Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Martes, 01 de xuño de 1999 Páx. 6.696

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 157/1999, do 20 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto 236 P.O.L. 98, O Saviñao, acceso ó Club Náutico de Belesar, p.k. 0,875 ó 1,540.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión que tivo lugar o día 2 de outubro de 1998, aprobou o proxecto 236 P.O.L. 98, O Saviñao, acceso ó Club Náutico de Belesar, p.k. 0,875 ó 1,540 e na sesión que tivo lugar o día 22 de febreiro de 1999 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia figuran nun programa de cooperación económica local e os terreos son necesarios para inicia-las obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reuniron do día vinte de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo

instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto 236 P.O.L. 98 O Saviñao, acceso ó Club Náutico de Belesar p.k. 0,875 ó 1,540.

Santiago de Compostela, vinte de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais