Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Martes, 01 de xuño de 1999 Páx. 6.626

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de maio de 1999 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Eulogio Gómez Franqueira.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Eulogio Gómez Franqueira, con domicilio en r/ Paseo 36-4º, 32003 Ourense.

Supostos de feito

1. Primitivo Ferro Rivadulla, en calidade de secretario da fundación, en escrito do 4 de xaneiro de 1999 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día 2 de decembro de 1998, ante o notario Antonio López-Calderón Vázquez, baixo o número 2436 de protocolo, pola entidade Cooperativas Orensanas, Sociedad Cooperativa Limitada (Coren), intervindo no seu nome e representación Antonio Sánchez Gil, sendo modificada por outra de emenda e na que se transcriben a totalidade dos artigos, do 15 de abril de 1999, perante o mesmo notario e co número 786 de protocolo.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é o impulso e desenvolvemento do cooperativismo e outras formas de economía social, impulsando a formación e a educación dos seus socios e traballadores nos principios cooperativos, así como a difusión das características do cooperativismo en Galicia, e a promoción das relacións intercooperativas. Tamén procurará a promoción cultural e profesional do seu contorno e da comunidade en xeral.

4. O padroado da fundación estará constituído por Manuel Gómez Álvarez como presidente, Antonio Sánchez Gil como vicepresidente, Primitivo Ferro Rivadulla como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Eulogio Gómez Franqueira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Xustiza , Interior e Relacións Laborais.

Fundamentos de dereito

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle

a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 10 de maio de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Eulogio Gómez Franqueira e adscribila á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública