Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Xoves, 27 de maio de 1999 Páx. 6.408

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 1999, da División de Recursos Humanos, pola que se publican as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos para participar no concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde convocado por Resolución do 28 de decembro de 1998.

Por resolución deste centro directivo do 23 de marzo de 1999 (DOG nº 62, do 31 de marzo), decláranse con carácter provisional os aspirantes admitidos e excluídos para participaren no concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde convocado por Resolución do 28 de decembro de 1998.

Rematado o prazo previsto na dita resolución para emendar, se fose o caso, o defecto que motivou a exclusión dos aspirantes, procede agora, de conformidade co disposto nos números 4 e 6 da base cuarta da convocatoria, dictar resolución na que se publican as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos para cada unha das categorías convocadas, sinalando os lugares onde estas poden ser examinadas e incorporando ás ditas listas definitivas a sede asignada a cada aspirante pola Administración para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición, salvo na categoría do grupo técnico da función administrativa e de matrona, nas que o dito exercicio se realizará de xeito unitario, nunha soa sede. Por todo isto, esta división

ACORDA:

Primeiro.-Publica-las listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos para participaren no concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde convocado por Resolución do 28 de decembro de 1998.

Segundo.-De conformidade co disposto no número 6 da dita base cuarta, na lista definitiva de aspirantes admitidos inclúese a sede asignada pola Administración para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición naquelas categorías nas que, en atención ó número de aspirantes e á dispoñibilidade de lugares para a súa realización, resulta necesario establece-la oportuna distribución territorial.

Terceiro.-Contra a dita asignación de sede non caberá reclamación ningunha de conformidade co establecido na convocatoria.

Cuarto.-As listas coa relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos e as sedes asignadas

para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición poderán examinarse nos seguintes lugares:

a) Na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Na División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.

c) Na oficina de información ó cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

d) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

e) Nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

f) Nos servicios de persoal dos centros ou complexos hospitalarios da rede pública do Servicio Galego de Saúde.

g) Nos servicios de persoal das administracións das xerencias de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde.

h) Na Casa de Galicia en Madrid sita na rúa Casado de Alisal, número 8.

Quinto.-Esta resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos no número 3 da base décima da convocatoria.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 1999.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos