Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 26 de maio de 1999 Páx. 6.364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 de maio de 1999 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para os días 26 e 28 de maio, 1, 3, 7, 9 e 11 de xuño de 1999 nas garderías infantís da provincia de Pontevedra.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios e o persoal preciso para prestalos.

O comité de folga da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra en Vigo, en escri

to presentado perante a mencionada delegación provincial (rexistro de entrada do pasado 13 de maio) comunica a convocatoria de paro que terá lugar durante as xornadas dos días 26 e 28 de maio, 1, 3, 7, 9 e 11 de xuño de 1999 e que afectará ós empregados e empregadas públicas dependentes das garderías infantís da provincia de Pontevedra.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a esta consellería a fixa-los servicios mínimos necesarios para o adecuado desenvolvemento das actividades a favor do principio constitucional de protección social da familia.

Na súa virtude, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Primeiro.-O persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais nas garderías infantís da provincia de Pontevedra:

Con carácter xeral: tódalas directoras das ditas garderías.

* Cabral: 2 técnicos especialistas en xardín de infancia, 2 camareiras-limpadoras e 1 oficial de cociña.

* Coia: 3 técnicos especialistas en xardín de infancia, 1 educador, 3 camareiras-limpadoras e 1 oficial de cociña.

* Bouzas: 3 técnicos especialistas en xardín de infancia, 2 camareiras-limpadoras e 1 oficial de cociña.

* Relfas: 2 técnicos especialistas en xardín de infancia, 1 camareira-limpadora e 1 oficial de cociña.

* Redondela: 2 técnicos especialistas en xardín de infancia, 2 camareiras-limpadoras e 1 oficial de cociña.

* Campolongo: 3 técnicos especialistas en xardín de infancia, 2 camareiras-limpadoras e 1 oficial de cociña.

* O Toxo: 3 técnicos especialistas en xardín de infancia, 2 camareiras-limpadoras e 1 oficial de cociña.

Segundo.-A designación nominal do persoal que deberá cubri-los servicios mínimos fixados será feita pola delegada provincial da consellería e publicada no taboleiro de anuncios dos referidos centros.

Terceiro.-O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente.

Cuarto.-O disposto nesta orde non suporá limitación ningunha dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude