Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Luns, 24 de maio de 1999 Páx. 6.217

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Cerámica da Moura, S.L., no municipio de Tui (Pontevedra) e se aproba o seu proxecto de execución. (Expediente 98/024).

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Cerámica da Moura, S.L., con enderezo para efectos de notificacións na Gándara s/n, Guillarei, Tui (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Con data do 27 de novembro de 1997, esta dirección xeral resolveu inclui-la planta de coxeración de 1.400 kW, no municipio de Tui, no réxime especial creado polo R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables.

Segundo.-Con data do 19 de novembro de 1998, a empresa Cerámica da Moura, S.L. solicita a autorización administrativa da citada planta de coxeración e a aprobación do seu proxecto de execución, coas seguintes características básicas:

-Un motor Deutz de potencia 1.050 kWM, que empregue gas natural como combustible e un alternador de 1.018 kW.

-Un transformador de 1.250 kVA.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra dictou Resolución do 18 de xaneiro de 1999 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 23-2-1999 e no BOP de Pontevedra do 17-2-1999, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-O proxecto está informado favorablemente pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Cerámica da Moura, S.L. que se situará nas súas instalacións do termo municipal de Tui, na provincia de Pontevedra.

Aproba-lo proxecto de execución da citada planta de coxeración.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria