Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 20 de maio de 1999 Páx. 6.086

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 1999, do Servicio de Estructuras Rurais da Coruña, pola que se anuncia a toma de posesión provisional de predios da zona de concentración parcelaria da zona de Cando (Outes-A Coruña).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Cando (Outes-A Coruña) e non excedendo o número de recursos presentados e pendentes do seis por cento dos titulares das explotacións, nin representando os reclamantes máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisoria dos novos predios. A citada toma de posesión é obrigatoria para tódolos interesados e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei de concentración parcelaria para Galicia).

Os interesados poderán reclamar ante esta xefatura (edificio administrativo, praza Luis Seoane, s/n, 6ª planta, 15008 A Coruña) xuntando dictame pericial, sobre diferencias superiores ó dous por cento entre a cabida real dos novos predios e a que conste no expediente de concentración, dentro dos trinta días seguintes ó da publicación do presente aviso no Diario Oficial de Galicia (artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia).

Para os oportunos efectos establécense os seguintes prazos de toma de posesión:

a) Labradío sen colleita pendente, prados e pastos o día seguinte ó da publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia.

b) Os restantes predios, no momento de seren retiradas as colleitas que estiveran pendentes de recolleita no día antes citado.

c) En relación coas árbores existentes nos predios recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre contribuínte e adxudicatario; en caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de contribución dentro dos tres meses seguintes á publicación do presente aviso no Diario Oficial de Galicia, logo da petición á Xefatura de Servicio de Montes e Industrias Forestais do preceptivo permiso e o informe favorable do Servicio de Medio Ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente no caso de seren especies autóctonas protexidas. Transcorrido o referido prazo entenderase que pertencen ó propietario do novo predio.

A Coruña, 27 de abril de 1999.

Rodolfo M. Rodríguez González

Xefe do Servicio de Estructuras Rurais da Coruña

Visto e prace

Rogelio del Valle Muñoz-Cobo

Delegado provincial da Coruña