Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 19 de maio de 1999 Páx. 5.967

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de abril de 1999 pola que se convocan actividades formativas para o curso 1999-2000, destinadas a profesorado de inglés e de francés, e se aproban as súas bases de concesión.

O artigo 55 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que os poderes públicos prestarán unha atención prioritaria ó conxunto de factores que favorecen a calidade e mellora do ensino, citando entre estes factores a cualificación e formación do profesorado.

Pola súa vez, a citada lei, no seu artigo 56, determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros e, na súa disposición adicional terceira, sinala que as administracións educativas proverán os recursos necesarios para garantir, no proceso de aplicación da lei, a inclusión de plans institucionais de formación permanente do profesorado, de actividades de formación ou outras actividades para asegurarlles a tódolos profesores, ó longo da súa vida profesional, a posibilidade de accederen a períodos formativos fóra do centro escolar, polo que un dos obxectivos desta consellería é a actualización metodolóxica do profesorado de linguas estranxeiras así como a mellora do nivel de com

petencia comunicativa en contacto coa cultura dos países nos que se falan as ditas linguas, coa intención de que todo iso repercuta positivamente no proceso de aprendizaxe do alumnado.

Na súa virtude, facendo uso das competencias que lle están atribuídas, esta consellería

DISPÓN:

Convocatoria.

Primeiro.-Convocar actividades de formación para o curso 1999-2000, dirixidas a profesorado de inglés e de francés que pertenza ós corpos de mestres, profesorado de ensino secundario ou de escolas oficiais de idiomas, destinado actualmente e durante o próximo curso 1999-2000 en centros públicos dependentes desta Comunidade Autónoma.

As actividades convocadas son as seguintes:

-Un curso de inglés para profesorado de primaria, cunha duración de 4 semanas, que se impartirá en Gran Bretaña, desenvolvido nas seguintes quendas:

-Un primeiro grupo de 25 profesores, do 11 de outubro ó 5 de novembro de 1999.

-Un segundo grupo de 25 profesores, do 8 de novembro ó 3 de decembro de 1999.

-Un terceiro grupo de 25 profesores, do 10 de xaneiro ó 4 de febreiro do 2000.

-Un curso de francés para 20 profesores de primaria, cunha duración de 4 semanas, que se impartirá en Francia, desenvolvido do 11 de outubro ó 5 de novembro de 1999.

-Un intercambio posto a posto para 15 profesores de francés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 3 semanas, con docentes de español en Francia, desenvolvido do 15 de novembro ó 3 de decembro de 1999.

-Para os profesores de inglés de ensino secundario e de inglés de escolas oficiais de idiomas convócanse dúas actividades:

-Un curso de inglés para 30 profesores, cunha duración de 4 semanas, que se impartirá en Gran Bretaña, desenvolvido do 8 de novembro ó 3 de decembro de 1999. O 10% destas prazas reservarase para o profesorado que imparte docencia nas escolas oficiais de idiomas; no caso de quedaren vacantes desta reserva, as prazas serán cubertas polo resto do profesorado solicitante desta actividade.

-Un intercambio posto a posto para 5 profesores, cunha duración de 2 semanas, con docentes de español en Gran Bretaña, desenvolvido do 8 ó 19 de novembro de 1999. O profesorado seleccionado para esta actividade deberá impartir clases de castelán e de francés.

Os profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, especialidade de inglés, poderán solicita-las dúas actividades, indicando na folla de solicitude do anexo I a súa prioridade.

Nas actividades de intercambio posto a posto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá reduci-lo número de prazas ofertadas naqueles casos en que, debido a causas de forza maior, as administracións educativas colaboradoras do país correspondente non poidan dispoñer do profesorado necesario para o emparellamento dos docentes.

Organización e características dos cursos.

Segundo.-A organización dos cursos e do intercambio correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen poderá establece-los convenios necesarios para levar a cabo estas actividades.

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, co obxecto de asegurar un mellor desenvolvemento, nomeará unha das persoas seleccionadas para coordinar cada unha destas actividades.

Os cursos e os intercambios estarán orientados á mellora do nivel de competencia lingüística e á actualización metodolóxica no ensino das linguas estranxeiras e no ensino precoz delas.

Condicións e requisitos de participación.

Terceiro.-Os solicitantes destas actividades deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Ser profesor especialista na lingua estranxeira para a que solicita a actividade.

2. Estar en situación de servicio activo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Ter, como mínimo, tres anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos de primaria, de secundaria ou de escolas oficiais de idiomas, segundo corresponda.

4. Non estar destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita a actividade de formación, é dicir, durante o curso 1999-2000.

Terán preferencia na adxudicación das prazas convocadas:

-Os profesores que estean impartindo a lingua estranxeira correspondente durante o curso 1998/1999.

-Os profesores que non desfrutasen de licencia por estudios ou de reintegros individuais na convocatoria do curso 1997-1998 ou anteriores.

Cuarto.-Profesorado con condicións especiais de participación:

-O profesorado de linguas estranxeiras participante en actividades de ensino precoz delas, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado de linguas estranxeiras dos IES participante en ensino de idiomas que conducen á obtención do certificado elemental das escolas oficiais de idiomas, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado de escolas oficiais de idiomas, de acordo co especificado no punto primeiro desta orde.

Quinto.-Profesorado excluído desta convocatoria:

-O profesorado que obtivera unha praza nestas actividades nas convocatorias dos cursos 1997-1998 e 1998-1999, agás para a actividade de intercambio posto a posto, na que poderá participar, no caso de quedaren prazas vacantes, o profesorado que obtivo praza na convocatoria do curso 1997-1998.

-O profesorado que estea desfrutando ou que teña concedida para o curso 1999-2000 licencia por estudios outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Os funcionarios do corpo de mestres que teñan concedido para o curso 1999-2000 un curso de especialización convocado por esta consellería.

-O profesorado de linguas estranxeiras que obtivera unha axuda do programa Sócrates, Lingua B, nas convocatorias do curso 1997-1998, do 1998-1999 ou para o vindeiro curso 1999-2000.

-O profesorado ó que se lle concedera un reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de perfeccionamento do tipo III nas convocatorias do curso 1997-1998, do 1998-1999 ou para o vindeiro curso 1999-2000.

Solicitudes de participación.

Sexto.-Os interesados nas actividades de formación que se convocan deberán presenta-la súa solicitude segundo o modelo do anexo I e segundo o procedemento establecido no punto sétimo.

Sétimo.-Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Folla de servicios, segundo o modelo do anexo II, certificada pola delegación provincial correspondente e pechada o 31 de agosto ou o 30 de setembro de 1999, segundo o corpo ó que se pertenza.

2. Certificado, se é o caso, expedido polo director ou directora do centro, no que conste que durante o curso 1998-1999 o solicitante imparte a lingua estranxeira correspondente.

3. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo III desta orde.

4. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III.

5. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ó que se refire a base oitava desta convocatoria.

Prazo de presentación.

Oitavo.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo de 15 días naturais contados a partir do día

seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se en uso deste dereito o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Noveno.-Unha vez rematada cada unha das actividades, os profesores participantes terán prazo dun mes, contado desde a data de remate, para remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional un informe da actividade realizada.

Durante o mes de febreiro de 2000 os concursantes, seleccionados ou non, poderán retira-la súa documentación do Servicio de Formación do Profesorado (rúa San Lázaro 107. Santiago de Compostela), ben directamente ou a través de persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdéndose todo dereito sobre ela.

Procedemento para a adxudicación das prazas.

Décimo.-A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue, que será o presidente.

-O xefe de servicio de Formación do Profesorado.

-Dous membros da Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión, con voz e sen voto. O nome do representante sindical será comunicado ó presidente da comisión de selección coa debida antelación.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1, 2 e 3 do baremo do anexo III. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Décimo primeiro.-A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo III desta convocatoria.

1. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente ós seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1.1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2.1 do baremo.

c) A continuación, desempatará o número de rexistro persoal máis baixo (cando proceda) e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

2. A relación dos preseleccionados farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos edificios administrativos de San Caetano e San Lázaro e nos das delegacións provinciais, abríndose un prazo de sete días naturais para efectuar reclamacións. Transcorrido este prazo, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a comisión seleccionadora remitiralle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución desta convocatoria, xunto coa acta ou actas definitivas con expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia.

No mesmo prazo establecido no parágrafo anterior, poderán presentarse renuncias á concesión das actividades de formación perante a mencionada comisión seleccionadora.

Décimo segundo.-Unha vez resolta esta convocatoria, soamente se admitirán renuncias ás actividades concedidas en casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado que non participe na actividade para a que foi seleccionado perderá a súa preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade, agás nos casos excepcionais autorizados.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de tres meses, desde a data do remate da súa presentación.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Condicións económicas.

Décimo terceiro.-As condicións económicas de participación son as seguintes:

A) Os gastos de docencia dos cursos en Gran Bretaña, así como os de aloxamento en familias e mantenza, agás o lunch, serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Establécese unha axuda compensatoria para gastos de desprazamento por importe de 50.000 ptas. por profesor/alumno.

B) Os gastos de docencia do curso para mestres en Francia serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado de francés de primaria que sexa seleccionado recibirá unha axuda compensatoria para os gastos de aloxamento en familias, mantenza e desprazamento de 175.000 ptas. por profesor/alumno.

C) O profesorado de francés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio posto a posto con Francia recibirá unha axuda compensatoria para gastos de aloxamento, mantenza e desprazamento de 200.000 ptas. por profesor/alumno.

D) O profesorado de inglés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio posto a posto con Gran Bretaña recibirá unha axuda compensatoria para gastos de aloxamento, mantenza e desprazamento de 150.000 ptas. por profesor/alumno.

Estas cantidades faranse efectivas despois de rematadas as actividades e logo de verificación da asistencia a estas.

O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 por importe de 11.250.000 ptas. no exercicio orzamentario de 1999 e por importe de 1.250.000 ptas. no exercicio orzamentaria do ano 2000.

Décimo cuarto.-Durante o tempo de duración das actividades de formación, os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, ademais da axuda compensatoria de gastos mencionada no punto décimo terceiro.

Décimo quinto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria