Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 19 de maio de 1999 Páx. 5.944

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 136/1999, do 7 de maio, polo que se modifica o Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, que regula o transporte sanitario.

A necesidade de regula-la certificación técnico-sanitaria acreditativa das características técnicas, equipamento sanitario e dotación de persoal con que cada vehículo concreto debe contar con carácter previo á obtención da autorización de transporte sanitario outorgado pola consellería competente nesta materia, e a consideración polo Real decreto 63/1995, do 20 de xaneiro, do transporte sanitario como prestación complementaria a cargo do Sistema Nacional de Saúde cando concorran as circunstancias e requisitos que este establece, motivaron a elaboración e publicación do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario (DOG nº 29, do 12 de febreiro).

A promulgación en data posterior (BOE nº 101, do 28 de abril de 1998) do Real decreto 619/1998, do 17 de abril, polo que se establecen as características técnicas, o equipamento sanitario e a dotación de persoal dos vehículos de transporte sanitario por estradas, o seu carácter de norma básica, salvo as excepcións sinaladas no seu articulado, e a existencia de determinadas diverxencias con respecto ó Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, motiva e fundamenta a necesidade de dictar unha nova norma que incorpore as previsións estatais básicas previstas no dito real decreto á normativa autonómica.

Consecuentemente, cómpre revisar determinados aspectos da norma autonómica; neste sentido, procede derroga-la disposición transitoria primeira e modifica-la terceira do Decreto 42/1998, para efectos da súa acomodación ás previsións e ó período de adaptación fixado pola disposición transitoria única do Real decreto 619/1998, do 17 de abril. Así mesmo, débense engadir novas características técnico-sanitarias ás sinaladas nos puntos 3º e 4º do anexo 1A do Decreto 42/1998.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Industria e Comercio e de Sanidade e Servicios Sociais, oído o Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-A disposición transitoria segunda do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, pasa a ser co

seu actual contido a disposición transitoria primeira deste.

Segundo.-Modifícase a disposición transitoria terceira do Decreto 42/1998 que pasa a ser a disposición transitoria segunda, co seguinte contido:

«Segunda.-As empresas ou institucións titulares de autorización de transporte sanitario quedan suxeitas ó disposto na disposición transitoria única do Real decreto 619/1998, do 17 de abril.

A Administración sanitaria poderá establecer nos seus pregos de contratación cláusulas de melloras de puntuación para os vehículos que cumpran coas ditas características antes do prazo establecido por esta disposición para a súa implantación obrigatoria».

Terceiro.- Modifícase o anexo 1A nos seguintes termos:

1º Substitúese o actual encabezamento do anexo 1A polo seguinte, «Condicións xerais para tódolos vehículos de transporte sanitario».

2º Inmediatamente antes de «1º Características técnico-sanitarias das ambulancias básicas (Tipo I)», engádese o seguinte encabezamento, «Características técnico-sanitarias dos equipamentos comúns».

Cuarto.-Engádense os seguintes requisitos ós puntos 3º e 4º do anexo 1A:

«3º Características técnico-sanitarias das ambulancias asistenciais (tipo III).

Persoal requirido:

Médico e ATS/DUE, ambos con capacidade demostrable en transporte asistido, técnicas de reanimación e técnicas de soporte vital avanzado».

«4º Características técnico-sanitarias dos vehículos de servicios sanitarios ( tipo IV).

Equipamento sanitario.

Dispositivo de aspiración de segregacións».

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a disposición transitoria primeira do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública