Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 14 de maio de 1999 Páx. 5.838

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1999 pola que se convoca o II Certame Galego de Xoves Concertistas Xuventude 99.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa «Fomento da actividade xuvenil», que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 99.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co obxetivo de promove-las formacións musicais no campo da música clásica, abrindo ó mesmo tempo un cauce para axudarlles na vía do perfeccionamento nesta disciplina, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o II Certame Galego de Xoves Concertistas Xuventude 99, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos rela

tivos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

II Certame Galego de Xoves Concertistas

Xuventude 99

I. Participantes.

Poderán participar neste certame tódolos xoves galegos ou residentes en Galicia, de ata 30 anos de idade, cumpridos no ano 1999, tendo en conta as seguintes circunstancias:

1. Poden intervi-los alumnos de conservatorios de música matriculados no presente curso escolar 98-99.

2. Tódolos xoves que, non estando matriculados nun conservatorio, non sexan profesionales no campo da música.

II. Condicións xerais.

1. Cada formación presentará un currículum dos seus estudios ou actividades musicais, e unha gravación coas obras presentadas ó concurso, nunha cinta cassette ou CD.

2. O grupo empregará os instrumentos musicais que precisen, que levarán eles mesmos, agás o piano que, se é o caso, o porá a organización, para a fase previa e final.

3. Cada grupo cubrirá e presentará o boletín de inscrición que se indica no anexo II, xunto cunha fotocopia do DNI de tódolos compoñentes do grupo, por ámbolos dous lados ou da folla correspondente do libro de familia, e segundo o caso, fotocopia do resgardo de estar matriculado no curso 1998-99 nun conservatorio de música ou a declaración xurada dos interesados conforme non están desenvolvendo actividades profesionais ou remuneradas no campo da música.

III. Inscricións.

Os participantes deberán envia-la documentación referenciada ó Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde residan habitualmente, que poderá ser en:

r/ Ronda da Muralla, 70-27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo-32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º-15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20-entreplanta-36203 Vigo.

r/ Benito Corbal, 47-2º-36001 Pontevedra.

Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será ata o día 15 de xuño de 1999 incluido.

IV. Organización.

A Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña supervisará o certame.

V. Desenvolvemento.

1. O xurado seleccionará para a fase previa as formacións que considere de máis calidade, de acordo cos datos curriculares e a cinta cassette ou CD.

2. A fase previa consistirá nunha audición no Conservatorio Superior de Música da Coruña e desenvolverase no mes de outubro, en data por determinar, ofrecendo a posibilidade de aloxamento no Complexo de Albergues Xuvenís de Bergondo.

Antes da realización da fase previa, poderase solicitar por escrito, ó Servicio Provincial de Xuventude da Coruña, a substitución dalgún membro do grupo,

sempre que se respecten as condicións xerais do certame e se achegue a documentación pertinente.

3. O xurado elixirá de entre os participantes da fase previa, as formacións que tomarán parte na fase final, que terá lugar nun prazo non superior a 20 días despois da fase previa, na cidade da Coruña.

Os participantes disporán dun tempo máximo de 45 minutos de execución, na fase final.

VI. Premios.

Establécense os seguintes premios e axudas:

1º premio: 200.000 ptas.

2º premio: 150.000 ptas.

A organización gravará en directo a fase final do certame co obxecto de editar un CD.

Neste sentido, os autores do CD (participantes na fase final) ceden en exclusividade á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os dereitos de autor relativos ás obras que se graven, que serán as interpretadas na fase final, para a edición e distribución do dito CD. En ningún caso as copias que se editen dese CD poderán destinarse á venda.

O xurado poderá, ata un máximo de 100.000 ptas, conceder accésit ou incrementa-la cuantía dos dous premios, tendo en conta a categoría das obras presentadas.

Cada formación seleccionada para participar na fase final do certame terá unha axuda de 30.000 pesetas.

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

VII. Xurado.

O xurado será nomeado pola delegada provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña, e estará composto por persoas cualificadas no campo da música, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña.

O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas, e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

A decisión do xurado será inimpugnable.