Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 12 de maio de 1999 Páx. 5.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 135/1999, do 23 de abril, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio situado no termo municipal de Vimianzo (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de educación secundaria.

O Pleno da Corporación municipal de Vimianzo, en sesión celebrada o 27 de xuño de 1998, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 2.127 m para a construcción dun centro de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da dita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles sobrepase o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Vimianzo acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados no acordo do Pleno do Concello de Vimianzo, a cesión gratuíta feita polo dito concello a favor da Comunidade Autónoma de Galicia das seguintes parcelas:

-Parcela número 828-1 da zona de concentración parcelaria de Velle de Vimianzo, dunha superficie de sete áreas e trinta e unha centiáreas. Linda: norte, co resto do predio matriz; sur, co concello de Vimianzo; leste, con Mª Luisa Suárez Mallón e oeste, co resto do predio matriz. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Corcubión no folio 181 do tomo 785, libro 158 de Vimianzo, predio número 20.147, inscrición 1ª.

-Parcela número 25 na Avda. da Gándara, dunha superficie de seiscentos oitenta e catro metros e cinco decímetros cadrados. Linda: norte, parcela número 28 do proxecto de compensación; sur, parcela número 11; leste, vía pública e oeste, Dolores González Gándara. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Corcubión no folio 214 do tomo 796, libro 159 do Concello de Vimianzo, predio número 20.246, inscrición 1ª.

-Parcela número 28 na Avda. da Gándara, dunha superficie de setecentos doce metros e cincuenta e nove decímetros cadrados. Linda: norte, vía pública; sur, parcela número 25; leste, vía pública e oeste, Dolores González Gándara. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Corcubión no folio 223, libro 159 do tomo 796, predio número 20.252, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun centro de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no rexistro da propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda