Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 12 de maio de 1999 Páx. 5.688

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 3 de maio de 1999 pola que se regula o procedemento para lle librar ó Consello de Contas de Galicia as dotacións ás que se refire a disposición adicional oitava da Lei 11/1996, do 30 de decembro, e o procedemento de remisión á Facenda autonómica de determinados ingresos.

A Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, estableceu na súa disposición adicional oitava que as dotacións orzamentarias do Consello de Contas se librarán en firme e periodicamente ó seu nome a medida que sexan solicitadas, e non estarán suxeitas a ningún tipo de xustificación ante o Goberno galego. Os documentos contables que se expidan para facer efectivas as dotacións referidas serán propostos e autorizados pola Consellería de Economía e Facenda. Esta disposicióin ten carácter de vixencia permanente, segundo a disposición derradeira segunda desta lei.

A tramitación práctica dos libramentos de fondos a favor do Consello de Contas de Galicia vén realizando a Consellería de Economía e Facenda mediante os documentos contables oportunos, que se aplican directamente ó orzamento de gastos, cunha periodicidade trimestral.

A adopción dun novo sistema de libramentos periódicos de fondos ó Consello de Contas de Galicia ten que estar presidido pola consecución de varios obxectivos:

-Manter un fluxo de tesourería suficiente, para que o Consello de Contas poida desenvolve-la súa actividade de xestión orzamentaria, sen sufrir déficits nin estreitamentos temporais, que lle impidan atende-los pagamentos.

-Garanti-la xestión contable propia do Consello de Contas, dentro da necesaria harmonización que leva a Consellería de Economía e Facenda, de xeito que ámbalas dúas contabilidades presenten idénticos resultados de xestión ó final de cada exercicio.

-Dar cumprimento estricto ó disposto na disposición adicional oitava da Lei 11/1996, do 30 de decembro, sen que se produzan problemas que dificulten os actos de xestión orzamentaria.

Noutra orde de cousas, é preciso dar unha resposta a cuestións daqueles ingresos que sendo claramente propios dos orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma (como é o caso dos xuros das contas correntes, e os reintegros de exercicios pechados, entre outros), son ingresados na contabilidade non orzamentaria do Consello de Contas, e deben, por tanto, ser remitidos á Facenda autonómica para a súa correcta contabilización.

Na súa virtude, e tendo en conta as competencias que a esta consellería lle confire o artigo 7 na súa alínea e, da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. As dotacións orzamentarias que se libran periodicamente ó Consello de Contas de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 11/1996, do 30 de decembro, na súa disposición adicional oitava, terán inicialmente carácter non orzamentario sendo posteriormente aplicadas ó orzamento de gastos da sección correspondente ó Consello de Contas dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, co procedemento establecido na presente orde.

2. A petición do Consello de Contas de Galicia, os fondos correspondentes ás súas dotacións orzamentarias, libraranse con cargo ó concepto non orzamentario da agrupación de Debedores 310007 «Fondos librados ó Consello de Contas pendentes de imputación ó orzamento». Os documentos contables que se expidan para facer efectivos os libramentos serán propostos e autorizados pola Consellería de Economía e Facenda.

3. O Consello de Contas solicitará coa periodicidade que sexa necesaria o libramento das dotacións orzamentarias, sen que en ningún caso poida supera-lo 25% dos créditos totais da sección.

4. Os libramentos aplicaranse ó orzamento de gastos, en formalización, pola Intervención Delegada da Consellería de Economía e Facenda, con base nos datos da execución orzamentaria que aporte o Consello de Contas, por medio da intervención do dito órgano estatutario, que deberá acompañar a cada solicitude de fondos.

4.1. A información que servirá para face-la imputación consistirá nun estado de execución do orzamento de gastos do Consello de Contas de Galicia, a nivel de subconcepto, e correspondente ó período comprendido entre a petición de fondos inmediatamente anterior e a data da nova petición.

4.2. Xunto co estado de execución, o Consello de Contas remitirá os documentos contables de imputación ó orzamento dos gastos correspondentes ó período sinalado, autorizados polos órganos competentes do Consello de Contas de Galicia.

4.3. Os documentos contables de imputación ó orzamento, contabilizaranse en formalización cun desconto no concepto 310007, polo total do seu importe.

5. O saldo de fondos dispoñibles co fin do exercicio que non resulte afectado ó pagamento de obrigas recoñecidas tanto orzamentarias como non orzamentarias, que coincidirá co saldo do concepto 31007, constituirá un remanente líquido non afectado, que se reintegrará á Consellería de Economía e Facenda, mediante compensación no exercicio seguinte.

6. O Consello de Contas de Galicia transferirá á Consellería de Economía e Facenda os importes daqueles ingresos que deban contabilizarse como ingresos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, tales como os xuros das contas operativas e restrinxidas ou os reintegros procedentes de exercicios pechados.

Disposición adicional

Polo que se refire ás cantidades de exercicios anteriores pendentes de libramento ó Consello de Contas de Galicia anteriores á entrada en vigor desta orde, constituirase unha comisión de traballo, entre a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e a do Consello de Contas para determina-lo saldo neto do remanente líquido actual e, a continuación realizaranse os axustes e compensacións necesarios.

Disposición derradeira

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia dictará cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda