A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 2 de outubro de 1998, aprobou o proxecto 80 P.O.S. 98, Castro de Rei, mellora da E.P. de Castro de Rei a Reigosa (p.k. 5,00) e a Castro de Ribeiras de Lea (p.k. 0,00) e na sesión celebrada o día 26 de outubro de 1998 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de marzo de 1999.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque as obras de referencia figuran nun programa de cooperación económica local e os terreos son necesarios para inicia-las obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.
A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa
reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído ó efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto 80 P.O.S. 98, Castro de Rei, mellora da E.P. de Castro de Rei a Reigosa (p.k. 5,00) e a Castro Ribeiras de Lea (p.k. 0,00).
Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais