Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 10 de maio de 1999 Páx. 5.553

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 122/1999, do 23 de abril, polo que se modifica o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

A estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente estableceuse polo Decreto 482/1997, do 26 de decembro, incluíndo a existencia, dentro da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, da Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, á que se lle encomendan, entre outras, as funcións de programación, execución, seguimento e avaliación das actuacións encamiñadas á conservación, restauración e xestión dos espacios naturais, da flora e da fauna silvestre; a aplicación da normativa sobre protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, o fomento e ordenación dos recursos cinexéticos e piscícolas de auga doce e a utilización socio-recreativa do medio natural. A crecente demanda de servicios para prestar pola consellería, no ámbito do relativo ó fomento e á ordenación dos recursos cinexéticos e piscícolas, fan necesario modifica-la súa estructura orgánica creando unha nova unidade administrativa co nivel orgánico de servicio, dependente da

Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, á que se lle encomendan as funcións de xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas, a xestión das granxas cinexéticas, dos centros ictioxénicos e dos centros de recuperación da fauna salvaxe, denominado Servicio de Caza e Pesca Fluvial. A creación desa unidade administrativa comporta a modificación das funcións do xa existente Servicio de Conservación de Recursos Naturais, que conservaría a realización das relativas á ordenación do uso socio-recreativo do medio natural, e engádenselle as derivadas da aplicación da normativa de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade e as de elaboración de proxectos e informes de protección do ambiente natural, tamén afectadas pola crecente demanda da actuacións administrativas nestas áreas.

Pola súa vez, o xa citado Decreto 482/1997 recolle as competencias e funcións encomendadas á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en relación co control e a avaliación da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, así como a súa posta en marcha, para o logro dun desenvolvemento sostible. O titular da citada dirección xeral foi designado autoridade ambiental da Xunta de Galicia, e como tal forma parte da rede de autoridades ambientais da Unión Europea para a integración e o seguimento do ambiente nos fondos estructurais. Para o exercicio

das funcións que como autoridade ambiental ten encomendadas, considérase preciso que a dirección xeral conte cunha unidade denominada Área de Apoio a Autoridade Ambiental que, con rango de servicio e baixo a súa dependencia directa, realice funcións de apoio técnico en relación coas ditas competencias, que comprenderán o estudio, informe, proposta, coordinación e seguimento en relación coa lexislación en materia de ambiente e participación nos comités de xestión de subprogramas rexionais, sectoriais e do marco comunitario de apoio.

Así mesmo, nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra tíñase en conta polo Decreto 482/1997 a existencia dos servicios denominados de costas, considerándose necesario que, tanto en coherencia coa denominación establecida para o Servicio de Conservación do Litoral, dependente da Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, como en evitación de confusións con servicios dependentes da Administración central, a denominación destes servicios sexa tamén a de servicios de conservación do litoral.

As disposicións adicionais do devandito Decreto 482/1997 recollen as competencias e funcións que ata ese momento viñan exercendo outras consellerías, e que son transferidas á Consellería de Medio Ambiente, o que implicou que as delegacións provinciais asumisen unhas funcións en virtude do ámbito competencial da nova consellería, que demandan a creación duns servicios de apoio xurídico en cada unha delas, dada a complexidade e trascendencia das ditas competencias e funcións e o volume de traballo que se vai desenvolver que fan necesario contar con persoal cualificado no eido xurídico para efectos de poder cumpri-los obxectivos marcados polos principios de eficacia, desconcentración e racionalización de organización administrativa por parte da Consellería de Medio Ambiente.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, co informe favorable das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase, dentro da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e dependendo da Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, o Servicio de Caza e Pesca Fluvial, que realizará as funcións de xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas, a xestión das granxas cinexéticas, dos centros ictioxénicos e dos centros de recuperación da fauna salvaxe.

Artigo 2º

Modifícanse as funcións do Servicio de Conservación de Recursos Naturais dependente da Sub-

dirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, que serán as derivadas da aplicación da normativa de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, da ordenación do uso socio-recreativo do medio natural e a elaboración de proxectos e informes de protección do ambiente natural.

Artigo 3º

Baixo a dependencia orgánica e funcional da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, crease a seguinte unidade con nivel orgánico de servicio:

-Área de Apoio á Autoridade Ambiental, que realizará as funcións de estudio, proposta, informe, seguimento e coordinación que lle sexan encomendadas en relación coas funcións do titular da dirección xeral como autoridade ambiental da Xunta de Galicia.

Artigo 4º

Modifícase a denominación dos servicios de costas existentes nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente, nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, que pasan a denominarse Servicios de Conservación do Litoral.

Artigo 5º

Créase, dentro de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente a seguinte unidade co nivel orgánico de servicio:

-Servicio Técnico Xurídico, coas funcións de estudio, tramitación e formulación, se é o caso, de propostas de resolución de expedientes sancionadores, elaboración de informes e dictames sobre os actos administrativos emanados da delegación provincial e, en xeral, tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo delegado provincial.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, do vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente