Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Venres, 07 de maio de 1999 Páx. 5.449

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de abril de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas para a realización de proxectos de investigación e de bolsas correspondentes ó programa de apoio á innovación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998 aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001).

O Plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas xerais figura o programa de apoio á innovación. A innovación tecnolóxica é crucial para a competitividade industrial, o desenvolvemento económico e social sostido e a creación de emprego; por iso é o branco ó que apunta o plan no seu conxunto e determina, en grande medida, as súas características.

A xestión e o financiamento deste programa está encomendada á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvememento.

En consecuencia e co fin de pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas e, neste caso concreto, para a execución do programa de apoio á innovación

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse as axudas e bolsas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do programa de apoio á innovación e apróbanse as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos a esta orde:

1. Axudas para a realización de proxectos de investigación de innovación. (Anexo I).

2. Axudas para a realización de proxectos de innovación empresariais. (Anexo II).

3. Bolsas para incorporación de titulados superiores a centros tecnolóxicos de Galicia. (Anexo III).

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I desta orde destinarase ata un máximo de 75.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999, 2000 e 2001 de acordo coas seguintes anualidades: 50 millóns de pesetas en 1999, 20 millóns de pesetas no ano 2000 e 5 millóns de pesetas no ano 2001.

Para as axudas convocadas no anexo II destinaranse ata un máximo de 130.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999 e 2000 de acordo coas seguintes anualidades: 80 millóns de pesetas en 1999 e 50 millóns de pesetas no ano 2000.

Para as bolsas convocadas no anexo III destinarase ata un máximo de 6.750.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Tendo en conta que o novidoso desta acción dificulta facer previsión das posibles solicitudes, as cantidades previstas para os anexos I e II poderanse incrementar ata un máximo dun 40% en función das dispoñibilidades orzamentarias e sen supera-los límites establecidos no artigo 58.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime xurídico e presupostario de Galicia, modificado pola Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, réxime orzamentario, función pública e xestión.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

De acordo co establecido no artigo 42 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses, contados a partir do día seguinte ó da data de peche da respectiva convocatoria.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

ANEXO I

Axudas para a realización de proxectos

de investigación de innovación

Estas axudas teñen como finalidade incentiva-la realización, por parte de equipos consolidados, de proxectos de investigación aplicada en temas de

innovación, fundamentalmente tecnolóxica co fin de promove-lo uso positivo de novas tecnoloxías e métodos.

1. Duración e contía máxima da axuda.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto de investigación por un período máximo de 3 anualidades e, en todo caso, o proxecto deberá estar rematado antes do 31 de decembro do ano 2001. A contía das axudas durante o citado período, agás circunstancias excepcionais que o aconsellen, non superará os 16.000.000 de ptas.

2. Requisitos e solicitudes.

2.1. Requisitos xerais.

As axudas poderán ser solicitadas polo persoal docente e investigador das universidades de Galicia ou por outros investigadores do cadro de persoal de centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que se atopen en situación administrativa de servicio activo e prestando servicios nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia ou nun centro público de investigación radicado na Comunidade Autónoma, e poidan acreditar unha vinculación laboral estable co correspondente organismo durante o período de execución do proxecto.

2. Que teñan subscrito un acordo de colaboración para a realización do proxecto cun centro tecnolóxico de Galicia alleo ós organismos públicos de I+D da Comunidade Autónoma.

3. Que dispoñan de horas libres para investigación descontadas as que dedican a outros proxectos vixentes (non se computarán aqueles proxectos que rematen antes do 1 de setembro de 1999), financiados pola Xunta de Galicia ou por outros organismos públicos ou privados (exceptúanse os proxectos financiados con fondos europeos), tendo en conta o seguinte:

a) O número máximo de horas que poden dedicarse á investigación, cando esta actividade se realiza de forma exclusiva, é de 40 semanais.

b) Os investigadores que sexan profesores de universidade poderán asignarse ata un máximo de 32 horas semanais para actividade investigadora. Aqueles profesores de universidade que se atopan en situación de dedicación a tempo parcial por estaren realizando outro tipo de actividade profesional, non poderán figurar con máis de 16 horas semanais.

c) Cada investigador poderá participar só nun proxecto dos que se presenten a esta convocatoria.

d) Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal, terán que acredita-la autorización do seu organismo para participaren no proxecto.

e) Poderanse presentar proxectos coordinados entre diferentes grupos; neste caso actuará como coordinador do proxecto un dos investigadores principais dos subproxectos.

f) O equipo deberá estar formado polo menos por dous doutores e os restantes investigadores deberán ter acadada a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de postgrado. O equivalente xornada completa (EXC) do proxecto non poderá ter valor inferior a 2,5 (no caso de proxectos coordinados este EXC enténdese referido ó proxecto global e, en todo caso, cada un dos subproxectos deberá ter un EXC mínimo de 1,25). Poderanse incorporar tamén como colaboradores os licenciados, enxeñeiros ou arquitectos por unha facultade ou escola técnica superior que como mínimo estean matriculados, neste curso, nos estudios de terceiro ciclo ou que acrediten vinculación co correspondente organismo, pero estes non computarán para os efectos de acada-lo requisito mínimo de EXC antes citado.

Xuntarase, ó modelo de solicitude, fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

g) Para os investigadores que sexan doutores requírese unha dedicación mínima de 16 horas semanais. Os restantes investigadores deberán dedicar un mínimo de 25 horas semanais ó proxecto. Excepcionalmente admitiranse tamén aquelas solicitudes nas que o investigador principal, por causas xustificadas que deberá expor nunha breve memoria explicativa, teña unha dedicación inferior a 16 horas pero superior a 12 horas.

h) Xuntarase declaración de todo o financiamento vixente de que dispón cada un dos membros do grupo investigador segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento número 1 do modelo de solicitude.

2.2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial número 24 (do que a caranta externa se publica como anexo IV a esta orde e á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm), presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992. Este modelo número 24 consta de 3 documentos:

-Documento nº 1: datos xerais do proxecto e do equipo investigador. Na páxina 4 indicarase se algún membro do equipo foi investigador principal dalgún proxecto financiado no ano 1995 ou en convocatorias anteriores. En caso afirmativo relacionaranse as publicacións derivadas do dito proxecto; no caso de ter máis de un indicaranse só os datos relativos ó último. Xuntarase, así mesmo, o acordo de cola

boración co centro tecnolóxico ó que se fixo referencia no punto 2.1.2).

-Documento nº 2: memoria do proxecto de investigación.

-Documento nº 3: modelo oficial de currículum vitae.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de xuño de 1999.

As axudas solicitadas deberanse referir a algún dos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal relativos a persoal auxiliar de investigación (técnicos de FP-2 en prácticas), que poderá incorporarse ó proxecto, sempre que se xustifique a súa necesidade para a realización del. Por este concepto poderán asignarse ata un máximo de 1.400.000 ptas./ano.

-Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificados. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo executor.

-Material funxible.

-Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

-Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

3. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase ó solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

Cando a temática do proxecto o aconselle, e logo de audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá determina-lo transvasamento de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento.

4. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de expertos designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que forman o equipo, en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos e prioridades do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

d) O interese dos obxectivos do proxecto cara á resolución de problemas relevantes para a Comunidade Autónoma.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

5. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente. Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que o organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso del, xunto cos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houber.

6. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados.

Ó finaliza-lo proxecto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ós investigadores principais un impreso normalizado, para

que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento, quedan os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito informe, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, non obstante, quedan obrigados a transferirllos á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do correspondente rexistro xeral un exemplar das correspondentes publicacións.

7. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

ANEXO II

Proxectos de innovación empresarial

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, de acordo cos obxectivos xerais establecidos no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), dirixidos ó estímulo do sector empresarial co fin de incrementar tanto a súa competitividade coma as posibilidades de creación de emprego e o desenvolvemento económico e social, considera do maior interese incentiva-la capacidade de innovación, fundamentalmente tecnolóxica, das empresas galegas mediante a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de innovación empresarial.

As actuacións derivadas do proxecto para o que se solicita financiamento poderán ser realizadas directamente pola propia empresa solicitante ou ben coa colaboración de grupos de investigación de centros de investigación da Comunidade Autónoma.

1. Obxecto.

Nestas bases regúlase o procedemento de concesión, en réxime de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, das axudas a empresas, asociacións ou agrupacións destas para a realización de proxectos de innovación, de acordo cos seguintes fins:

a) Fomenta-la innovación nas empresas.

b) Estimular a medio prazo a participación das empresas de Galicia, sobre todo pequenas e media

nas empresas, nos programas nacionais e europeos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

2. Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas e asociacións ou agrupacións desta, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Exerce-la súa actividade e realiza-lo proxecto obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

d) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

e) As demais esixibles en virtude de normas de dereito necesario.

3. Ámbito temporal.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto que en todo caso deberá estar rematado antes do 31 de decembro do ano 2000.

4. Contía das axudas.

A contía das axudas concedidas poderá acadar como máximo ata un 70% do importe total do proxecto. Para tal efecto poderanse incluí-los custos seguintes:

-Gastos de persoal adicional imprescindible para a realización do proxecto (técnicos de FP-2 e demais persoal auxiliar, en prácticas, alleo ó cadro de persoal da empresa). Por este concepto poderán asignarse ata un máximo de 1.400.000 ptas./ano.

-Custos de adquisición e utilización de instalacións, equipos, instrumentos, aparellos e demais material inventariable, na medida en que os ditos bens se destinen á actividade proposta.

-Outros gastos de funcionamento (materiais, subministracións e productos similares), directamente derivados da actividade que se vai realizar.

5. Presentación de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial número 25 (que se publica como anexo V a esta orde e que estará á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm), presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

Á solicitude xuntaránselle os seguintes documentos:

1. Memoria que debe conter unha proposta técnica detallada así como o orzamento pormenorizado de custos e calquera outra información que poida contribuír á mellor avaliación científico-técnica e económica da proposta. No caso de que o proxecto teña en conta a participación de investigadores de centros de investigación da Comunidade Autónoma xuntarase compromiso de convenio asinado polo responsable da institución á que pertence o dito grupo.

2. Investimentos realizados en Galicia en I+D nos últimos tres anos, especificando se recibiron axudas ou subvencións dalgunha Administración pública.

3. Copia cotexada da tarxeta de persoas xurídicas e entidades en xeral ou tarxeta de identificación fiscal.

4. Poderes suficientes do solicitante e copia compulsada da escritura de constitución e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

5. Declaración expresa de non ter contraída débeda ningunha, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

6. Declaración expresa de estar ó día de pagamento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

7. Fotocopia compulsada do imposto sobre sociedades correspondente ó último ano.

8. Declaración doutras axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade nacional ou estranxeira, relacionadas co proxecto. Utilizarase o modelo que se publica no anexo V.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de xuño de 1999.

6. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou subsane as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1092, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

9. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión designada polo

secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, quen tamén designará o seu presidente. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos e prioridades do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

c) O impacto das actuacións que hai que realizar cara á resolución de problemas relevantes para a empresa.

d) Capacidade da empresa para a execución do proxecto.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Libramento da subvención.

Para poder percibi-las axudas correspondentes será necesario presentar, antes do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:

-Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

-Memoria xustificativa das actividades realizadas e do custo dos traballos executados, así como os xustificantes debidamente acreditados do investimento efectuado.

-Certificación acreditativa de encontrarse ó día das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de encontrarse ó día no pagamento das cotas de Seguridade Social.

-Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

No caso de proxectos plurianuais ou para os efectos de anticipos ou pagamentos, naqueles casos en que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de ptas., os pagamentos estarán garantidos con aval bancario ou de entidade aseguradora que se considere suficiente segundo o establecido no artigo 35.B letra e) da Lei 6/1998, do 29 de decembro, e orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Poderán realizarse pagamentos parciais a conta da liquidación nas condicións establecidas na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

10. Seguimento dos proxectos.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda,

sempre que conxuntamente non superen o 70% do custo total do proxecto. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da innovación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados.

Ó finaliza-lo proxecto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ás empresas beneficiarias destas axudas un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento; queda a empresa obrigada a presenta-lo dito informe, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

11. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

ANEXO III

Bolsas para a incorporación de titulados superiores a centros tecnolóxicos de Galicia

O obxecto desta convocatoria é a concesión de cinco bolsas dun ano de duración, prorrogables por un máximo doutros dezaoito meses, logo de solicitude, de acordo coa normativa que se elabore para o efecto, destinadas a titulados superiores, co fin de que se incoroporen ós centros tecnolóxicos da Comunidade Autónoma non vinculados a organismos públicos de I+D, colaborando nas actividades de investigación que neles se desenvolvan.

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, de enxeñeiro ou de arquitecto por unha escola técnica superior, incluído o proxecto se o houber, no ano 1995 ou en data posterior.

2. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

2.1. Unha asignación mensual de 110.000 ptas. brutas mensuais. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2000, no caso de existir crédito adecuado e suficiente, co fin de consegui-la total homologación destas bolsas coas de formación de persoal investigador que convoque o Ministerio de Educación e Cultura para o ano 2000 e coas propias bolsas de predoutoramento da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

2.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria cas bolsas.

3. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre xullo de 1999 e xuño do ano 2000.

4. Centros de realización.

As bolsas serán de realización nos centros tecnolóxicos de Galicia; concederase unha bolsa para cada un dos seguintes centros tecnolóxicos:

Centro Técnico Nacional de Conservación de Productos da Pesca (Cecopesca).

Centro Tecnolóxico Armando Priegue.

Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira).

Centro de Innovación e Servicios de Deseño e Tecnoloxía (CIS-Deseño-Tecnoloxía).

5. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 26 (que se publica como anexo VI a esta orde e á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm), presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

5.1. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados, deberá presentarse así mesmo certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico deberán xuntar ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese de licenciatura e o título dela.

5.2. Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados. Utilizarase o modelo oficial de currículo da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento dispoñible nos mesmos puntos có modelo oficial de solicitude.

No impreso de solicitude o solicitante deberá facer consta-lo/los centro/s que solicita. No caso de solicitar máis dun, deberá consignalos por orde de preferencia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 7 de xuño de 1999.

6. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

7. Selección de candidatos.

7.1. Comisión de selección

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión de expertos designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. Para a adxudicación de cada unha das bolsas a comisión contará co asesoramento dun representante do centro tecnolóxico ó que se adscribirá a correspondente bolsa co fin de valora-la adecuación do solicitante á actividade investigadora do centro.

7.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase fundamentalmente en función dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

Expediente académico: ata catro puntos.

Adecuación do perfil do solicitante á actividade do centro tecnolóxico solicitado: ata 4 puntos.

A comisión poderalles realizar unha entrevista a aqueles aspirantes que resulten preseleccionados; o resultado da entrevista poderá ser valorada cun máximo de 2 puntos.

8. Resolución do concurso.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante poida necesitar realizar, de acordo co centro ó que se incorpore, (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

No momento en que se produza algunha circunstancia que determine a incompatibilidade no desfrute da bolsa, o bolseiro deberallo comunicar á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, procedéndose á suspensión da bolsa correspondente e adxudicarlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houber. Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior á súa renuncia deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director do correspondente centro tecnolóxico.

10. Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases.

11. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a axustarse ás normas propias do centro tecnolóxico ó que se incorporen.

Antes de finaliza-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitir á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, un informe do labor realizado ata o momento. Nos 15 días seguintes ó da finalización da bolsa remitirán un informe final (máximo 5 páxinas), que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. Nos informes, asinados polo bolseiro, deberá figura-lo visto e prace do director do centro.