Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 03 de maio de 1999 Páx. 5.247

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de abril de 1999 pola que se declara extinguido o permiso de actividade da granxa mariña sita en Chapela, Redondela, titularidade de Pescanova, S.A.

Visto o expediente de caducidade instruído, en relación co permiso de actividade da granxa mariña sita en Chapela, Redondela (Pontevedra), da que é titular Pescanova, S.A.

Resultando que con data do 28-11-1997, Enrique de Llano Monelos, en representación de Pescanova, S.A., confirma, por escrito, á Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de Pontevedra en Vigo o peche da granxa mariña para o cultivo de camarón en Chapela, Redondela.

Considerando que, con data do 27-11-1997, o biólogo da zona I desta delegación territorial informa do peche da devandita granxa, desde o ano 1993.

Considerando que a Lei 6/1993, de pesca de Galicia, establece no seu artigo 72, letra b: «as concesións, as autorizacións e permisos de actividade para establecementos de acuicultura extinguiranse por renuncia do interesado».

Considerando que, en virtude das facultades que lle confire a Lei 6/1993, de pesca de Galicia, é competencia da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a adopción da resolución axeitada.

Resultando que o expediente foi tramitado conforme a dereito, segundo informe emitido pola xefa do Servicio Técnico-Xurídico.

Vistas a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas; Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia e demais disposicións de pertinente aplicación.

Esta consellería, á vista da proposta de resolución emitida polo instructor do expediente, acorda no exercicio das súas atribucións e competencias, extingui-lo permiso de actividade por renuncia do interesado do seguinte establecemento:

Establecemento: granxa mariña.

Localización: Chapela, Redondela (Pontevedra).

Especie: camarón.

Orde de outorgamento: 13-2-1987 (DOG nº 39, do 26-2-1987).

Fin da vixencia: 26-2-1997.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na forma e prazos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 1999.

P.D. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22-12-1997)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura