Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 29 de abril de 1999 Páx. 5.109

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 21 de abril de 1999 pola que se convoca o Premio Medio Ambiente na modalidade de debuxo escolar.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º,15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais, de conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro, no artigo 7, punto 2.1, realizará as funcións relativas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a formación permanente en materia ambiental. Estas funcións desenvólvense mediante diversos plans, entre os que destaca o Plan de Difusión Ambiental.

A expresión plástica constitúe un medio axeitado para os escolares co que comunica-la súa actitude cara ó ambiente, ó tempo que propicia a súa relación co contorno. Por outra banda, é un importante medio de difusión dos valores ambientais pola repercusión que tales premios teñen nos medios de comunicación e sobre a opinión pública.

Para tal efecto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en

relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la segunda edición do Premio Ambiente de Galicia na modalidade de debuxo entre os estudiantes de educación infantil, primaria e secundaria de Galicia.

Artigo 2º.-Premios e categorías.

1. Concederanse os seguintes premios para cada unha das categorías:

a) Primeiro Premio Medio Ambiente de Galicia modalidade de debuxo.

b) Segundo Premio Medio Ambiente de Galicia modalidade de debuxo.

c) Premio especial Medio Ambiente de Galicia para obra global, que será concedido ó centro educativo que presente o mellor conxunto.

2. Os premios están dotados con libros e material escolar por importe de 25.000 pesetas (150,25 euros) cada un. Ademais, o primeiro recibirá 50.000 pesetas (300,51 euros) e o segundo 25.000 pesetas (150,25 euros) en metálico.

O premio especial estará dotado con 200.000 pesetas (1.202,02 euros).

O pagamento dos premios farase con cargo ó concepto 15.04.342A.640.1 do orzamento vixente.

Tódolos premiados recibirán diploma acreditativo.

3. Os participantes farano por unha das seguintes categorías:

A. Educación infantil.

B. Educación primaria. Primeiro ciclo.

C. Educación primaria. Segundo ciclo.

D. Educación primaria. Terceiro ciclo.

E. Educación secundaria obrigatoria. Primeiro ciclo.

F. Educación secundaria. Segundo ciclo.

G. Bacharelato e ciclos formativos.

Artigo 3º.-Participación.

1. Poderán participar tódolos estudiantes de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional e educación especial de centros públicos ou privados da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os traballos serán individuais e serán seleccionados e remitidos polo centro onde curse estudios o/a participante.

3. Deberán tratar sobre un tema relacionado co ambiente.

4. Presentaranse en tamaño DIN A4 e estarán realizados mediante algunhas das seguintes técnicas: lapis, carbón, tinta chinesa, rotulador, acuarela ou gouache. Excluiranse os traballos que non se axusten a estas características.

5. Cada un dos traballos levará escrito, no seu reverso, o pseudónimo da/do autora/autor e a categoría na que participa. Non irán asinados nin debe figurar neles o nome ou datos identificativos, agás o referido pseudónimo.

6. Cada centro educativo poderá participar cun máximo de cinco debuxos en cada unha das categorías.

7. Cada centro participante enviará tódolos traballos conxuntamente nun único envío, xunto cunha lista de acordo co anexo I desta convocatoria, na que se recolla o pseudónimo, nome da alumna ou alumno, curso e idade.

Artigo 4º.-Presentación e prazos.

O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de maio de 1999. Remitiranse á Consellería de Medio Ambiente, Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, Departamento de Educación e Información Ambiental. R/ Basquiños, 2. 15071 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O xurado estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental ou persoal en quen delegue.

Catro especialistas en artes plásticas designados polo director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

Secretario, con voz e sen voto: un membro do departamento de Educación e Información Ambiental.

2. Os premios poderán declararse desertos e o xurado estará facultado para establecer un accésit en cada categoría, que recibiría diploma acreditativo.

3. A Consellería de Medio Ambiente comunicará o acordo de concesión dos premios a cada un dos centros educativos ós que pertencen os premiados.

4. Os traballos presentados non lles serán devoltos ós seus autores. A Consellería de Medio Ambiente reserva para si o dereito a proceder á súa publicación e exposición pública sen ánimo de lucro.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente