Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 28 de abril de 1999 Páx. 5.043

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa La Lactaria Española, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa La Lactaria Española, S.A. (código 2700582), da provincia de Lugo, asinado o día 3 de marzo de 1999 pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 16 de marzo de 1999.

P.D. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

Rafael Díaz Iglesias

Secretario

Convenio colectivo de ámbito empresarial

La Lactaria Española, S.A.

Anos 1997 e 1998

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio ten carácter empresarial e afecta ó centro de traballo que, rexéndose pola lexis

lación laboral vixente, ten La Lactaria Española, S.A., en Nadela (Lugo), ou calquera outro que, no futuro, puidera ter nesta provincia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Comprende a todo o persoal do cadro nas súas distintas categorías profesionais, excepto os cargos directivos de director xeral, xerente, directores de departamento e directores de planta.

Artigo 3º.-Duración.

Estipúlase un prazo de duración de dous anos, ou sexa, ata o 31 de decembro de 1998, pactándose de común acordo que, con antelación de tres meses á data de expiración, se considera automaticamente denunciado.

Artigo 4º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1997, calquera que sexa o día da súa sinatura, estendendo esa vixencia ata o 31-12-1998, salvo naqueles artigos en que expresamente se estableza unha vixencia superior.

Artigo 5º.-Incrementos pactados no convenio.

O presente convenio ten pactadas unhas melloras económicas e sociais, do 4,244%, que se aplicarán con efectos do 1-1-1999, independentemente da data na que se produza a sinatura do convenio colectivo, sobre os seguintes conceptos salariais:

-Salario base.

-Complemento convenio de orixe.

-Plus convenio.

-Complemento persoal.

-Axuda escolar.

-Quebranto moeda.

-Plus domingos e festivos.

-Complemento nocturnidade.

-Prima festivos.

-Plus sábados.

-Complemento festivos.

-Complemento sábados.

-Plus nocturnidade.

Artigo 6º.-Facultade de compensación.

Tódalas condicións superiores ás mínimas legais ou regulamentarias de carácter individual e colectivo, calquera que fóra a súa orixe, que estean vixentes na empresa na data de iniciarse a aplicación do presente convenio, poderán ser compensadas coas melloras que nel se establecen.

Artigo 7º.-Facultade de absorción.

As melloras económicas e de traballo que se implantan en virtude do presente convenio serán absorbibles ata onde alcance, cos aumentos ou melloras que poidan establecerse mediante disposicións legais, regulamentarias ou pactos de carácter xeral.

Capítulo II

Clasificación profesional e réxime retributivo

Artigo 8º.-Clasificación profesional.

Co obxecto de adecua-la clasificación profesional do persoal da empresa á que afecta o presente convenio, establécese a clasificación por grupos profesionais, segundo a táboa correspondente. As categorías profesionais consignadas son puramente enunciativas e non obrigan a ter cubertas tódalas categorías enumeradas se a necesidade non o require.

Artigo 9º.-Estructura salarial.

Está constituída polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Complemento convenio de orixe.

c) Plus convenio.

d) Complemento persoal.

Artigo 10º.-Salario base.

Establécese un salario base por categorías, do que se indican os importes no anexo I.

Artigo 11º.-Plus convenio.

Establécese un plus de convenio por categorías, do que se indican os importes no anexo II.

Artigo 12º.-Complemento persoal.

Establécese un complemento persoal, do que figuran os importes en cadro á parte.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Percibiranse tres gratificacións extraordinarias anuais, as cales se farán efectivas os meses de marzo (día 31), xullo (día 20) e decembro (día 20), consistentes cada unha en trinta días de salario base (táboa correspondente anexo I), máis o complemento convenio de orixe que cada traballador posúa, de acordo co establecido no artigo seguinte.

Con carácter excepcional, a empresa aboará, coincidindo co aboamento das pagas ordinaria e extraordinaria de marzo, unha cantidade en concepto de gratificación voluntaria, na contía que figura en cadro á parte a este convenio, e pola que cotizará os correspondentes atrasos, en tres tercios, nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 1999.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Acórdase a supresión do sistema de antigüidade ata o momento vixente de xeito que, a partir do 20-2-1999, non se xerarán novos trienios. Para o persoal en alta na empresa o 31-12-1998 establécese, para non prexudica-los seus lelxítimos dereitos económicos devengados, o seguinte:

1. Os traballadores consolidarán a cantidade que, en concepto de antigüidade, viñan percibindo o 31-12-1998.

2. A cantidade anterior engadirase á que cada traballador tivera devengada do seguinte trienio, cómputo que se fará por anos, meses e días devengados.

3. A Cantidade resultante incrementarase no 1,24% do salario base de cada traballador.

4. A cantidade que finalmente resulte, que o traballador percibirá en concepto de complemento convenio de orixe, incrementarase tódolos anos, ademais do incremento xeral que se pacte nos sucesivos convenios colectivos nun 1,65% adicional.

5. Os traballadores que fixeran efectivo un novo trienio entre o 1-1-1999 e o 20-2-1999 non terán dereito ó devengo que prevé o punto 2 deste artigo.

6. Dado o carácter persoal e transitorio do pactado neste artigo, os traballadores de novo ingreso na empresa non terán dereito a percibir cantidade ningunha en concepto de complemento convenio de orixe.

7. O importe do complemento convenio de orixe de cada traballador figura en cadro á parte.

Artigo 15º.-Quebranto de moeda.

O caixeiro e o auxiliar de caixa percibirán mensualmente, en concepto de quebranto de moeda, a cantidade de 2.624 pesetas, a partir do 1 de xaneiro de 1999.

Artigo 16º

A empresa complementará, para os tres primeiros días de cada baixa de enfermidade, o importe ata o 75% do salario correspondente ós ditos días.

As baixas no traballo por incapacidade laboral transitoria causadas por enfermidade común ou accidente non laboral serán complementadas por conta da empresa ata alcanza-lo 100% do salario real de:

-Salario base.

-Complemento convenio de orixe.

-Plus convenio.

-Complemento persoal (nos casos en que proceda).

Que teña devengado no mesmo mes a que corresponda ó pagamento.

A devandita prestación causarase con suxeición ás seguintes regras:

1ª Percibirase logo da confirmación da baixa e alta nos modelos oficiais estendidos pola asistencia médica da Seguridade Social, ata o paso a invalidez permanente e depender do INSS.

2ª A empresa aboaralles ós operarios incluídos no ámbito de aplicación deste convenio, desde o día décimo quinto da baixa o mencionado complemento e ata o paso a invalidez permanente e depender do INSS.

En caso de que o índice de absentismo da planta supere o 3% no mes anterior, este complemento aboarase a partir do día 18.

3ª No caso de hospitalización ou accidente laboral, este complemento percibirase desde o primeiro día da baixa.

4ª Os traballadores que teñan estado durante o transcurso do ano na situación de incapacidade temporal percibirán a parte proporcional das pagas extras que lles correspondan.

Capítulo III

Xornada. Horas extras. Vacacións. Excedencias

Artigo 17º.-Xornada.

A duración da semana ordinaria de traballo será de 40 horas.

Na xornada continuada acórdase efectuar un descanso intermedio de 20 minutos, que se aboará como tempo de traballo, pero que en ningún caso se sumará para o cómputo de horas extraordinarias para os efectos dos límites máximos legais.

O momento de desfruta-lo descanso intermedio referido sinalarano os encargados ou xefes de sección consonte as necesidades do servicio, debendo iniciarse dentro do tercio central da xornada.

Artigo 18º.-Quendas.

A quenda de noite realizarse sempre que a dirección da empresa, por razóns de producción ou forza maior, o considere necesario, logo de acordo co comité de empresa, indicando as razóns para a súa realización, seccións afectadas e tempo de implantación.

Sempre que a quenda de noite se prorrogue por máis dunha semana, a dita quenda será rotativa e ningún operario estará nela máis de dúas semanas consecutivas, salvo adscrición voluntaria. O traballador que estea en quenda de noite, cando esta sexa suprimida, incorporarase a súa queda habitual o día seguinte, computando 40 horas semanais.

Establécese como quenda de noite as horas traballadas entre as 10 da noite e as 6 da mañá.

O disposto neste artigo enténdese sen prexuízo dos acordos existentes (do 23 de novembro de 1993), ou que se poidan establecer en materia de cadro horario e quendas de traballo.

Artigo 18º Bis

Nos casos en que, dentro dunha mesma semana, coincidan dous días festivos consecutivos ou festivo ou venres (sen que un deles coincida en sábado), traballarase as quendas que propoña a empresa nun dos días, sempre e cando a empresa non teña capacidade de recepción da recollida propia ou de terceiros habituais nese momento, designándose o dito día de acordo co comité de empresa.

Para os efectos deste artigo, terán a consideración de festivos, ademais dos domingos, os días que sexan decretados como tales polo Estado, a Comunidade Autónoma ou respectivo concello.

Nos restantes casos de festivos, o comité de empresa prestará a súa colaboración para consegui-la boa marcha da producción.

Artigo 19º.-Quendas de sábados, domingos e festivos.

Terán un complemento económico de 480 ptas./hora, dentro da súa xornada habitual, máis o descanso compensatorio na semana seguinte. No caso de prolongación de xornada ou por imposibilidade de descansalas, computaranse como horas extraordinarias.

Así mesmo, terán un complemento de 480 ptas./hora durante a quenda de noite.

Artigo 19 bis.-Complemento sábados.

Aboaráselle unha prima ó persoal que traballe os sábados no horario de 10 a 18 horas (e mantemento de 9 a 17 horas). Con independencia do descanso compensatorio, o seu importe será de 1.795 ptas. por día traballado.

Artigo 20º.-Horas extras.

Con obxecto de fomentar unha política social para a creación de emprego, acórdase a supresión das horas extraordinarias habituais.

Establécese a posibilidade de realizar horas extraordinarias estructurais para atender necesidades urxentes ou imprevistas de producción ou mantemento.

Semanalmente, informarase o comité de empresa sobre as horas extraordinarias realizadas na semana anterior.

As horas extraordinarias que propoña a empresa serán de libre aceptación polos traballadores, salvo nos casos de forza maios.

O traballador poderá optar entre cobra-las horas extraordinarias ou compensalas por tempo de descanso, a razón de 1,75 por hora extraordinaria. A prolongación da xornada será computada como hora extraordinaria.

As horas extraordinarias aboaranse calculadas co 75% de incremento sobre o salario hora individual (SHI) que se determinará con base na seguinte fórmula:

SHI=S.B.+complemento convenio de orixe

1.793

O salario base e o complemento convenio de orixe calcularanse en valores anuais.

Artigo 21º.-Complemento festivos.

Aboarase unha prima de domingos e festivos, cando amaior parte da xornada se desenvolva entre as seis horas do domingo ou festivo e as seis horas do día seguinte. Con independencia do descanso compensatorio correspondente, o seu importe será de 2.634 ptas. por día traballado, a partir do 1 de xaneiro de 1999.

Artigo 21º bis.-Prima festivos.

Aboaráselle unha prima ó persoal que traballe en domingos e festivos, no horario de 10 a 18 horas. Con independencia do descanso compensatorio correspondente, o seu importe será de 6.369 ptas. por día traballado.

Artigo 22º.-Vacacións.

Todo o persoal da empresa, sen distinción de categoría profesional, desfrutará de 30 días laborables de vacacións, considerándose os sábados como días laborables sen que se computen como tales os festivos intersemanais.

As vacacións desfrutaranse nun só período continuado; nembargantes, poderase pacta-lo desfrute das vacacións en dous períodos, quedando á discreción da dirección atender peticións para distribuílas en fraccións inferiores a dúas semanas.

Considerarase como período para o desfrute das vacacións os doce meses do ano, confeccionándose os correspondentes calendarios. A asignación terá carácter rotatorio, co fin de que cada traballador, de ano en ano, poida desfrutalas correlativamente nas quendas que se establezan.

Durante os días de vacacións percibirase:

a) Salario base.

b) Complemento convenio de orixe.

c) Plus convenio.

d) Complemento persoal (nos casos en que proceda).

Cando o concreto período de desfrute de vacacións non coincida coas datas do 1 de xuño ó 30 de setembro, 21 ó 31 de decembro e 1 ó 6 de xaneiro, todos eles inclusive, así como a Semana Santa e a seguinte posterior, o importe do plus convenio que lle corresponda percibir ó traballador incrementarase nun 40% máis, durante os días de vacacións que non coincidan coas citadas datas.

Dirección e comité acordan formular como tema prioritario para debater na negociación do próximo convenio colectivo, o da conversión dos días laborables de desfrute en días naturais.

Artigo 23º.-Permisos regulamentarios.

O traballador, logo de aviso e xustificación en legal forma, terá dereito a licencia, con remuneración salarial, por algún dos motivos e coa duración máxima seguinte:

a) Por contraer matrimonio: 15 días naturais.

b) Por nacemento de fillos: 3 días laborables.

c) Por falecemento ou enfermidade moi grave de parente ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días naturais. Se o feito tivera lugar en distinta provincia á de residencia do traballador, a licencia ampliarase a 5 días naturais.

Este punto tamén lles será aplicado ás persoas que convivan co traballador como parella estable nun tempo non inferior a dous anos e sempre que, previamente, o teña comunicado á empresa.

d) Por traslado de domicilio habitual: 1 día natural.

e) Por necesidade de atender persoalmente asuntos propios de xustificada urxencia: 3 días naturais.

f) Polo tempo indispensable que precise o traballador para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando este se determine nunha norma legal, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

g) Exames. Polo tempo estrictamente indispensable, cando curse estudios e deba someterse a exames, logo de xustificación escrita ante a empresa.

h) Falecemento do cónxuxe: 5 días naturais.

Artigo 24º.-Excedencias.

Nesta materia aplicarase todo o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e a Ley orgánica de liberdade sindical, no seu artigo 9.b).

A excedencia por maternidade, de 1 a 3 anos, dará dereito á reserva do posto de traballo.

Artigo 25º.-Vivendas.

a) Con obxecto de axudar ós seus traballadores á adquisición de vienda en propiedade, a empresa ten asignado un fondo económico de dous millóns duascentas cincuenta mil pesetas, para a prestación de anticipos persoais na contía de seiscentas mil pesetas por traballador, sin percepción de xuros con devolucións mensuais e consecutivas equivalentes ó dez por cento do importe neto percibido por tódolos conceptos, tomando como base a media dos seis meses anteriores á data da concesión e engadíndose, de se-lo caso, os descontos que se tivesen aplicado por anticipos persoais, faltas inxustificadas, suspensión de emprego e soldo ou falta de liquidación. En todo caso, os préstamos de vivenda deberán ser cancelados no prazo máximo de corenta e seis meses.

b) Sempre que o fondo teña unha cantidade superior a 1.000.000 de ptas., poderanse conceder axudas de ata cincocentas mil pesetas para amaño da vivenda, para devolver en dezaoito meses.

Artigo 26º.-Axudas a diminuídos.

Como prestación complementaria da Seguridade Social, a empresa aboará unha axuda de 8.673 ptas. mensuais ós traballadores, a partir do 1 de xaneiro de 1999, por cada fillo ó seu cargo que sexa diminuído físico, psíquico ou sensorial. A cualificación de tales incapacidades será automática nos casos nos que así teñan sido recoñecidos pola Seguridade Social. Noutro suposto deberá acreditarse suficientemente mediante as oportunas certificacións ou recoñecementos médicos.

Artigo 27º.-Seguro de vida colectivo.

Co fin de beneficiar a tódolos seus traballadores cunha medida de previsión a favor dos familiares a cargo daqueles, a empresa ten concertado un seguro de vida colectivo no que quedan obrigatoriamente integrados tódolos seus traballadores. O devandito seguro rexerase polas seguintes normas:

a) Os traballadores de novo ingreso causarán alta como asegurados o mesmo día da incorporación á empresa, con carácter fixo de cadro de persoal.

b) Quedan exceptuados da súa integración no seguro, os traballadores que expresamente sexan contratados con carácter de eventuais, temporeiros ou interinos.

c) Os productores que se incorporen ó servicio militar causarán baixa no seguro transitoriamente mentres non se produza a súa reincorporación na empresa unha vez licenciados, momento no que, automaticamente, volverán a estar en activo como asegurados.

d) Non existirá recoñecemento médico previo, nin haberá limitacións de idade.

e) No caso de invalidez permanente absoluta por accidente ou enfermidade, ou falecemento por calquera causa, os afectados poderán cobra-lo capital asegurado.

f) En caso de morte por accidente, pagaráselle ó beneficiario o dobre do capital asegurado.

g) En caso de morte por accidente de circulación, pagaráselle ó beneficiario o triple do capital asegurado.

h) O capital asegurado para todo o persoal fixo ascende a 1.250.000 ptas.

i) Causarase baixa ó producirse o cesamento definitivo na empresa.

Artigo 28º.-Axuda escolar.

Establécese unha axuda para a formación escolar dos fillos dos traballadores con idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos, ámbalas dúas incluídas, coa excepción dos que estean traballando.

Por conseguinte, será indispensable, para os que teñan 16 e 17 anos, acreditar documentalmente que se encontran matriculados nun centro escolar.

A súa contía será de 1.740 ptas. mensuais por fillo, a partir do 1 de xaneiro de 1999, durante os meses de setembro a xuño, ambos inclusive.

Capítulo IV

Formación profesional. Promoción

Artigo 29º.-Formación profesional.

A dirección da empresa establecerá un plan de formación, co obxectivo de proporcionarlle ó persoal, en tódolos seus niveis e na medida do posible, de forma paulatina, os coñecementos adecuados para a realización das súas funcións e o seu desenvolvemento profesional.

Decididos os plans de formación e previamente á súa implantación, solicitarase dos correspondentes comités de empresa o informe que se determina no artigo 64.1.3.c do Estatuto dos traballadores.

Para o persoal da empresa que faga cursos, non incluídos nos plans de formación en centros oficiais, para a obtención de coñecementos profesionais que teñan relación directa coas actividades da empresa e teñan unha aplicación efectiva, a medio ou longo prazo, nela establécese unha axuda económica con

sistente no pagamento do 50% dos gastos da matrícula e textos, debidamente xustificados. No caso de repetición do curso ou materia, esta axuda será do 25% do curso ou materia repetidos.

Esta axuda solicitarase a través do xefe de organización e recursos humanos da planta presentando xustificación da formalización da matrícula do centro de que se trate.

Artigo 30º.-Selección e promoción.

A selección de persoal de novo ingreso e a promoción serán competencia exclusiva da dirección da empresa, logo de comunicacion motivada ó comite de empresa.

A dirección de empresa fara pública a convocatoria das vacantes para os efectos de que calquera traballador poida optar a elas.

Capítulo V

Saúde laboral

Artigo 31º

1. A dirección da empresa e os representantes dos traballadores coinciden en afirma-la importancia que ten o estricto cumprimento do conxunto da normativa en materia de prevención, hoxe articulada en torno á Lei de prevención de riscos laborais do 8-11-1995, sobre a base de considerar que a integridade física do traballador é un ben supremo e irrenunciable.

Por iso, manifesta a súa total disposición a colaborar lealmente na procura deste obxectivo común, no ámbito das súas respectivas responsabilidades.

2. O centro de traballo de Nadela contará con dous delegados de prevención, que serán designados de entre os membros do comité de empresa, e a quen corresponderá:

-Colaborar coa dirección da empresa na mellora da acción preventiva.

-Promover e fomenta-la cooperación dos traballadores na execución da normativa sobre prevención de riscos laborais.

-Ser consultados pola dirección da empresa, con carácter previa á súa execución, sobre das decisións ás que se refire o artigo 33 da Lei de prevención de riscos laborais.

-Exercer un labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais podendo, para tal efecto, inspeccionar tódolos lugares de traballo, emitir informes e propoñer solucións, podendo contar, para tal fin, con asesores expertos alleos á empresa.

-Os delegados de prevención disporán dun crédito de 40 horas retribuídas anuais para asistiren a cursos de formación en materia de saúde laboral. A dirección da empresa esixirá, en todo caso, os oportunos xustificantes de asistencia.

3. No centro de traballo de Nadela exisitirá un comité de seguridade e saúde, integrado polos dous delegados de prevención, dunha parte, e por dous representantes da dirección, designados polo director de organización e recursos humanos da empresa.

Nas xuntanzas do comité de seguridade e saúde participarán, con voz pero sen voto, os responsables técnicos de prevención na empresa que non estean incluídos na composición do comité de seguridade e saúde.

Este comité terá as seguintes competencias:

-Participar na elaboración, posta en práctica, avaliación dos plans e programas de prevención de riscos na empresa.

-Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos, propoñéndolle á empresa a mellora das condicións ou a corrección das deficiencias existentes.

O comité reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das súas representacións.

Capítulo VI

Representación dos traballadores

Artigo 32º.-Comité de empresa e delegados de persoal.

Nesta materia, aplicarase todo o disposto no título segundo do Estatuto dos traballadores.

A empresa pagará as viaxes e as axudas de custo, na forma que ten establecida, cando algún membro do comité e delegados sindicais, en representación del, teña que desprazarse do seu lugar habitual de residencia, para asistir a xuntanzas, sobre temas relacionados coa propia empresa e convocadas polos sindicatos máis representativos a nivel estatal ou autonómico ou con representación no comité, dirección da empresa ou administración.

Acórdase a posibilidade de acumula-lo crédito de horas mensuais que concede o artigo 68 e) do Estatuto dos traballadores ós representantes legais destes, podéndose ceder entre representantes dunha mesma planta e que se presentaron ás eleccións cunhas mesmas siglas ou candidaturas, de se-lo caso.

Para iso, os cedentes comunicaránlle ó xefe de organización e recursos humanos de cada centro o nome do representante u representantes ós que ceden as súas horas no mes seguinte e vindeiros, sendo esta cesión de carácter permanente ata que o propio cedente revoge ou modifique, mediante comunicación dirixida ó xefe de organización e recursos humanos do seu centro, con cinco días de antelación mínima á data dos seus efectos.

O comité de empresa poderá solicitar para temas concretos e específicos, en que precise asesoramento técnico dunha central sindical, que dela poidan ser representantes acceder ós locais e dependencias dese centro, sen entorpecemento da producción, res

ponsabilizándose da obrigada reserva e sixilo profesional por parte da central sindical.

Artigo 33º.-Seccións sindicais.

O funcionamento das seccións sindicais no ámbito da empresa axustarase ó disposto no artigo 10 da Lei 11/1985, do 2 de agosto, Lei orgánica da liberdade sindical. Recoñécese o delegado sindical nos centros de traballo a partir de 100 traballadores.

Son dereitos dos indicados delegados sindicais os seguintes:

a) Asistir ás xuntanzas do comité de empresa e asembleas dos traballadores.

b) Dereito de publicación e información, nos espacios dedicados para iso, dos asuntos propios do sindicato ou central sindical.

c) Dereito á libre promoción da afiliación e recollida de cotas dos seus afiliados, mediante a retención destas pola propia empresa, co requisito previo de que o solicite así por escrito cada afiliado.

A deducción, en todo caso, efectuarase mentres non exista comunicación escrita en contrario do afiliado e/ou o sindicato.

d) Dereito a ser informado previamente sobre as reestructuracións do cadro de persoal, peche da empresa ou suspensións temporais de contratos, reduccións de xornadas, traslado de instalacións da empresa e, en xeral, sobre todo proxecto ou acción empresarial que poida afectar substancialmente ós intereses dos traballadores. Igualmente, deberá ser informado sobre a implantación ou revisión de sistemas da organización do traballo e de calquera das súas posibles consecuencias.

e) No caso de non coincidi-la súa condición coa de membro do comité de empresa, disporá dun crédito de horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións, igual ó asignado a cada un dos membros do comité.

Por cesión doutros membros do comité de empresa, afiliados a unha mesma central sindical na planta a que pertence, poderá acumular ó seu favor do crédito de horas mensuais que tivesen asignadas aqueles coa mesma facultade que estes respecto á acumulación de horas.

Gozará de idénticas garantías sindicais que as asignadas pola lei ós membros do comité de empresa.

Artigo 34º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados a un sindicato debidamente implantado, a empresa descontará na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente para tal mester; o traballador dirixirá á dirección da empresa un escrito, no que expresará con claridade a orde de desconto, o sindicato ó que pertence, a contía da cota, así como o número da conta ou libreta de aforros a que debe ser transferida.

Capítulo VII

Normas supletorias

Artigo 35º.-Comisión paritaria.

Co alcance e funcións previstas no artigo 85.2º e) do Estatuto dos traballadores, desígnase a comisión paritaria, composta por 6 membros titulares e outros 6 suplentes, 3 titulares e 3 suplentes por designación da dirección da empresa, e 3 titulares e 3 suplentes por decisión dos traballadores.

En caso de conflicto colectivo de traballo, as partes deciden, expresamente, someterse ós procedementos do Acordo Interprofesional Galego de Solución Extraxudicial de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA), que xestiona o Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 36º

Para todo aquilo que, en materia da regulación das condicións de traballo, non se prevea expresamente no presente convenio, as partes conveñen en aplicar, supletoriamente as disposicións do convenio colectivo estatal de industrias lácteas e derivados, naquelas das súas disposicións que non sexan incompatibles coa propia actividade desenvolvida por La Lactaria Española, S.A. -planta de Lugo-. En todo caso, será de aplicación directa ou supletoria o Estatuto dos traballadores.

Táboa de clasificación según funcións.

Categorías e definicións

O persoal de tódalas sociedades que forman o grupo LESA clasificarase, en atención á función que desenvolve nalgún dos seguintes grupos profesionais.

1. Persoal directivo.

2. Persoal técnico.

3. Persoal administrativo.

4. Persoal comercial.

5. Persoal subalterno.

6. Persoal obreiro.

1. Persoal directivo.

Defínese como persoal directivo as persoas que realizan funcións de dirección na empresa cos cargos de presidente, xerente, directores, subdirectores e xefes de planta, non regulados polos convenios colectivos da sociedade correspondente.

2. Persoal técnico.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

-Titulado superior.-Titulado medio.-Xefe de fabricación.-Xefe de sección.-Encargado.-Capataz.-Inspector distrito leiteiro.-Oficial de laboratorio.-Auxiliar de laboratorio.

Definicións:

a) Titulados superiores.

Son os que, estando en posesión dun título profesional oficial, de carácter universitario, de escola técnica de grao superior, ou coñecementos equivalentes na materia, recoñecidos pola empresa, realizan nela funcións propias da súa titulación ou coñecementos.

b) Titulados medios.

Son os que, estando en posesión dun título facultativo de escola de grao medio, de escola universitaria ou coñecementos equivalentes na materia recoñecidos pola empresa, desenvolven as funcións propias deses títulos ou coñecementos, baixo supervisión directa da dirección ou titulados superiores.

c) Xefes de fabricación.

Son os que, baixo a supervisión directa do director de producción, teñen a responsabilidade da planificación, dirección, coordinación e control dos procesos de producción e de mantemento de máquinas e instalacións, establecendo a forma na que ten que realizarse o traballo, dirixindo e coordinando ó persoal técnico e encargado da producción e mantemento.

d) Xefes de sección.

Son os que baixo a supervisión directa do director correspondente teñen a responsabilidade da sección, exercendo as funcións de dirección, coordinación e control dos encargados, capataces e operarios da sección, así como das distintas tarefas da sección, observando o funcionamento dos distintos órganos que comprenden, respondendo da disciplina do persoal, da distribución do traballo, boa execución deste e conservación dos utensilios e instalacións.

e) Encargados.

Son os que, con coñecementos e experiencia amplos, tanto teóricos como prácticos, sobre os procesos productivos, dirixen, coordinan e controlan os traballos de varias liñas de producción, baixo a supervisión directa do xefe de fabricación ou do xefe de sección, sendo responsables da forma de execución disciplina do persoal e conservación dos utensilios e instalacións ó seu cargo.

f) Capataces.

Son ós que, con coñecementos e experiencia amplos sobre procesos de almacén de productos terminados e materias auxiliares, baixo a supervisión do seu inmediato superior, e polas súas especiais condicións selles confía a dirección dun grupo de traballadores.

g) Inspector de distrito leiteiro.

Son os que realizan funcións de vixilancia e control do servicio de recollida e transporte, estatísticas de producción, toma de mostras, control e asesoramento de gandeiros no mantemento e mellora dos seus medios de producción, gando e cortes, instalacións, etc., e outras funcións que lles poidan confia-los seus superiores en relación coa modificación, lim

peza, comprobacións de calidades nos distritos leiteiros, como calquera outra específica do seu labor de control e asesoramento.

Colabora cos seus xefes nas funcións de liquidación e pagamento a gandeiros.

h) Oficial de laboratorio.

Son os que, cun coñecemento técnico e práctico, a nivel de formación profesional de 1º ou 2º grao ou coñecementos similares recoñecidos pola empresa, das normas, instrumentos e procesos de análise de laboratorio, realizan toda clase de análises físicas, químicas ou bacteriolóxicas na empresa e/ou verifican os procesos de elaboración, producción e de producto terminado, con responsabilidade técnica sobre as análises e verificacións realizadas, baixo a supervisión directa do responsable do laboratorio ou departamento de calidade.

i) Auxiliar de laboratorio.

Son os que, con coñecementos técnicos e prácticos mínimos, realizan análises físico-químicas de maneira instrumental e axudan ós oficiais de laboratorio en tarefas sinxelas que poidan ter unha rápida comprobación.

3. Persoal administrativo.

Comprende este grupo as seguintes categorías:

-Xefe de primeira.-Xefe de segunda.-Oficial de primeira.-Oficial de segunda.-Auxiliares.-Telefonista.

a) Xefes de primeira.

Son os empregados que, provistos ou non de poderes, baixo a supervisión do director correspondente, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controlar unha ou varias seccións administrativas, imprimíndolles unidade e distribuíndo o traballo.

b) Xefes de segunda.

Son os empregados que, provistos ou non de poderes limitados e supervisados por un director ou xefe de primeira, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controlar unha sección ou grupos de traballo administrativos, imprimíndolles unidade e distribuíndo o traballo entre o persoal que del depende.

Queda incluído nesta categoría o tesoureiro, responsable da caixa.

c) Oficiais de primeira.

Son os empregados que, baixo a supervisión dun xefe de 1ª ou dun xefe de 2ª, teñen a responsabilidade dun servicio ou función determinada, dentro do cal exercen iniciativa e posúen responsabilidade, con ou sen persoal ó seu cargo, para o que se precisan coñecementos xerais de administración a nivel de FP1 ou similar e coñecementos específicos amplos do servicio ou función correspondente.

Inclúense nesta categoría as funcións de secretaria de dirección, caixeiro, cobros e pagamentos sen sinaturas nin fianza, transcrición de libros oficiais contables, programadores e operadores de informática.

d) Oficiais de segunda.

Son os empregados que teñen iniciativa e responsabilidade restrinxida sobre un servicio ou conxunto de tarefas administrativas, para as que se precisan coñecementos xerais de administración a nivel de FP1 ou similar e coñecementos básicos sobre as tarefas ou servicio que realizan.

Inclúense nesta categoría profesional os perforistas.

e) Auxiliares.

Son os empregados que realizan tarefas e operacións elementais administrativas, para as que precisan coñecementos básicos administrativos. Poderán, así mesmo, realizar outras tarefas non burocráticas, tales como pesar, anotar pesos, comprobar existencias, etc.

f) Telefonista.

Son os empregados que teñen como funcións atende-la central telefónica da empresa e recibi-las chamadas e visitas que cheguen a ela, de acordo coa política que estableza a empresa para estes temas.

4. Persoal comercial.

Este grupo comprende as categorías profesionais seguintes:

-Xefes de vendas.-Supervisores de vendas.-Promotor de vendas.

a) Xefe de vendas.

Son os que, baixo a supervisión directa do director de vendas ou comercial, teñen a responsabilidade de dirixir, coordinar e controla-la acción comercial da empresa nunha ampla zona de mercado, dándolle sentido de unidade, planificando, distribuíndo o traballo ó persoal de vendas que estea ó seu cargo, e animando a xestión de vendas.

Participa co seu xefe inmediato na negociación e establecemento de condicións de vendas con clientes.

Responde da disciplina do persoal ó seu cargo e da boa execución dos traballos que lles asigne.

b) Supervisores de vendas.

Son os empregados que, baixo a supervisión do xefe de vendas, teñen a responsabilidade de coordinar, animar e controla-la acción comercial dun grupo de promotores de vendas, ou área de mercado.

Así mesmo, realizan as funcións de visitar clientes, promover e cerrar vendas, xestionar cobramentos e operacións morosas para clientes que, pola súa importancia ou por decisión do xefe de vendas, se lles asigne.

Responde da disciplina do persoal e da boa execución dos traballos que lles asigne.

c) Inspectores ou promotores de vendas.

Son os empregados que, baixo a supervisión directa do xefe de vendas ou supervisor, percorren as zonas, rexións ou rutas que se lles asigna co obxecto de realizar visitas a clientes, promover vendas, ofrecer artigos, vixia-la colocación dos artigos nos puntos de venda, así como para controlar e anima-la acción comercial dos repartidores e autovendas, xestionar cobramentos de operacións morosas ou calquera outra misión que se lles encomende relacionada coa venda e distribución dos productos.

Cando permanezan no centro de traballo, poderán empregarse en tarefas estatísticas, controis diversos ou traballos similares.

5. Persoal subalterno.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

-Almaceneiro.-Controlador.-Vixilante.

a) Almaceneiro.

Son os operarios que teñen a responsabilidade da recepción de mercadorías e despacho de productos, coas operacións complementarias de medición, pesaxe, colocación en andeis, etc., así como o rexistro e control de existencias permanente e movemento diario de mercadorías e productos.

b) Controlador.

Son os opearrios que teñen a responsabilidade de controlar e vixia-la carga e descarga de productos terminados que diariamente se realiza ó persoal de reparto e distribución, así como de rexistrar e controla-las existencias permanentes e movemento diario do almacén de productos terminados e cámara de frío.

c) Vixilante.

Son os traballadores que teñen a responsabilidade de vixia-las instalacións da empresa, coida-los accesos a ela, controlando as entradas e saídas de persoas, materias primas, logo da pesaxe destas, realizando as tarefas de custodia e vixilancia, de acordo coas instruccións recibidas dos seus superiores.

6. Persoal obreiro.

Este grupo comprende as seguintes categorías:

-Peóns.-Peóns especializados.-Especialistas de terceira.-Especialistas de segunda.-Especialistas de primeira.-Oficiais de terceira oficios varios.-Oficiais de segunda de oficios varios.-Oficiais de primeira de oficios varios.

a) Peóns.

Son os operarios que realizan labores para a execución das cales soamente se require a práctica operatoria previa.

b) Peóns especializados.

Son os operarios que realizan traballos concretos e determinados, para os que se require capacidade de atención, aptitudes físicas adecuadas e certa destreza operatoria, pero sen constituí-lo coñecemento dun oficio.

Entres estes postos poden comprenderse: embalar, preparar lotes e palés de productos, pesar mercadorías, etc.

c) Especialistas.

Comprende esta categoría nas súas tres clasificacións de primeira, segunda e terceira, aqueles operarios que, despois dun determinado período de práctica e adestramento, realizan as tarefas e operacións do proceso industrial de producción.

A clasificación de primeira, segunda e terceira establécese en función do nivel de coñecementos necesarios, complexidade, dificultade e responsabilidade das operacións que realice, así como do número de tarefas diferentes que teña que realizar dentro do proceso productivo.

Neste sentido, a clasificación corresponderase coas definicións seguintes:

Especialista de terceira. Son os operarios que coñecen e realizan unha operación de proceso industrial e están á fronte dunha máquina, respondendo do seu funcionamento. Considérase dentro desta categoría os seguintes postos:

-Lavadora de cestiño.-Control visual de vidro.

Especialista de segunda. Son os operarios que coñecen e realizan varias operacións de procesos e están á fronte de máquinas con certa complexidade (axustes, verificacións, envases, montaxes, etc.), respondendo do seu funcionamento. Considéranse dentro desta categoría os seguintes postos:

-Encaixonadora e paletizadora automática.-Elaboración (primeiro tratamento).-Conductores de carreta.-Carga, descarga e limpeza de cisternas.

Especialista de primeira. Son os operarios que coñecen e realizan as operacións e tarefas de maior complexidade e que requiren maior destreza en todo o proceso productivo. Considéranse dentro desta categoría:

-Elaboración (segundo tratamento).-Elaboracións de iogur, pasterizado, aséptico, queixo fresco, sobremesa, nata, manteiga, etc.-Envasado dos productos anteriores.-Caldeiras e compresores (sección de vapor e frío).-Esterilización vidro.-Desecados (torre).

d) Oficiais.

Son os operarios que, tendo realizado nas condicións legais establecidas, a aprendizaxe dun oficio determinado, desenvolven as funcións propias deste.

Quedan comprendidos neste grupo os conductores de recollida, distribución e turismo, mecánicos, electricistas, carpinteiros, albaneis, soldadores, etc.

Os operarios encadrados neste grupo de oficios varios clasifícanse nas seguintes categorías:

Oficiais de terceira. Son os operarios que teñen realizado a aprendizaxe dun oficio sen acada-los coñecementos e experiencia necesarios para executa-los traballos coa corrección esixida a un oficial de segunda.

Oficiais de segunda. Son os operarios que realizan con adecuada corrección os traballos do seu oficio, pero sen posuír unha especialización que lles permita realiza-los traballos máis complexos con perfección.

Atópanse nesta categoría os conductores de distribución e recollida con menos de tres toneladas e media de carga.

Oficiais de primeira. Son os operarios que, posuíndo un oficio, o practican e aplican con alto grao de perfección, realizando traballos de carácter xeral e de carácter especializado no seu oficio.

Considéranse encadrados nesta categoría os conductores de distribución e recollida con tres e media ou máis toneladas de carga.

Se algún posto non estivese recollido no presente documento por ser de nova creación ou modificación, clasificaríao, de acordo cos criterios aquí establecidos, o comité coordinador estatal e a dirección do grupo, logo de informe dos representantes dos traballadores e dirección da empresa correspondente.

Acta complementaria única ó convenio

colectivo para 1997 e 1998

1. Acórdase realizar unha subvención na compra de productos que elabora a empresa, para tódolos seus traballadores fixos incluídos no presente convenio, por unha cantidade equivalente a 33.358 pesetas anuais, a partir do 1-1-1999.

2. A cesta de Nadal, que se lle entregará a cada traballador, terá un importe de 17.346 pesetas.

3. A empresa entregaralles un reloxo de ouro e unha placa conmemorativa ós traballadores que acaden unha permanencia ininterrompida de 25 anos de servicio na empresa.

4. As quendas nocturnas dos días 24 e 31 de decembro, nos que se tivese que traballar por ser día laborable, consideraranse como de descanso non

recuperable. Así mesmo, a quenda de tarde dos mencionados días terá un horario desde as 14 ata as 20 horas.

5. A empresa entregaralles ós empregados roupa de traballo en tipos, cantidades e prazos seguintes:

SecciónTipos

de roupa

CantidadeColorPrazo

renovación

Produc. (Oper.)Pantalón3BrancoAnual
Camisa3BrancoAnual
Xersei1BrancoBianual
Cazadora1BrancoBianual

Produ. (Encarg.)Pantalón3BrancoAnual
Camisa3BrancoAnual
Bata2BrancoBianual

A.P.T. (Almac.)Pantalón3GrisAnual
Batas3AzulBianual

VaporPantalón3AzulAnual
Camisa3AzulAnual
Xersei1AzulBianual
Chaqueta1AzulBianual

CámaraPantalón3BrancoAnual
Camisa3BrancoAnual
Xersei1BrancoBianual
Anorak1Branco(*)
Luvas1-(*)
Cazadora1BrancoBianual

CarreteirosPantalón3GrisAnual
Camisa3GrisAnual
Xersei1GrisBianual
Luvas1-(*)
Cazadora1GrisBianual
Anorak1Azul(*)

AlmacénBata3AzulinaBianual

LaboratorioPantalón3BrancoAnual
Bata3BrancoBianual

MantementoPantalón3AzulAnual
Camisa3AzulAnual
Xersei1AzulBianual
Cazadora1AzulBianual

Calzado.

Ós operarios que traballen nas seccións de producción, vapor, cámara, carreteiros, almacén e mantemento entregaráselles un par de botas (chirucas ou similar).

Ós encargados de fábrica e empregados de laboratorio entregaráselles un par de zapatos brancos ou botas.

A renovación do calzado e da roupa marcada con asterisco (*) efectuarase cando se presenten deterioradas ou desgastadas as que se entregaron.

É obriga de cada empregado e operario da empresa mante-lo seu uniforme de traballo en condicións adecuadas de presentación e limpeza.

O incumprimento reiterado desta obriga será considerado como falta leve, podendo alcanza-la cualificación de falta grave nos casos de manifesto desinterese e abandono no seu cumprimento.

ANEXO I

Táboa indicativa do salario base

GrupoPtas./mes

Técnico
Técnico superior169.570
Técnico Titu. medio154.324
Xefe de sección142.024
Encargado132.297
Capataz130.709
Inspector distrito leiteiro124.247
Oficial de laboratorio121.628
Auxiliar de laboratorio108.350

Administrativo
Xefe 1ª de Administ.154.324
Xefe 2ª Administ.146.810
Oficial 1ª de Administ.130.709
Oficial 2ª de Administ.121.628
Auxiliar administrativo108.350
Telefonista108.350

Comercial
Xefe de vendas142.024
Inspector Rex. de vendas130.709

Subalterno
Almaceneiro114.184
Vixilante108.350

Obreiro
Especialista 1ª113.789
Especialista 2ª112.189
Especialista 3ª110.797
Peón especialista109.149
Peón101.347
Oficial 1ª O.V.113.789
Oficial 2ª O.V.112.189
Oficial 3ª O.V.110.797

ANEXO II

Táboa indicativa do plus convenio

GrupoPtas./mes

Técnico
Técnico superior61.376
Técnico Titu. medio55.847
Xefe de sección55.847
Encargado49.462
Capataz43.035
Inspector distrito leiteiro38.668
Oficial de laboratorio37.084
Auxiliar de laboratorio20.100

Administrativo
Xefe 1ª de Administ.55.847
Xefe 2ª Administ.45.038
Oficial 1ª de Administ.40.072
Oficial 2ª de Administ.36.906
Auxiliar administrativo20.100
Telefonista33.736

Comercial
Xefe de vendas42.210
Inspector Rex. de vendas37.084

Subalterno
Almaceneiro40.072
Vixilante23.270

Obreiro
Especialista 1ª40.072
Especialista 2ª36.906
Especialista 3ª33.718
Peón especialista31.001
Peón12.181
Oficial 1ª O.V.40.072
Oficial 2ª O.V.23.270
Oficial 3ª O.V.20.101