Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 27 de abril de 1999 Páx. 4.993

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 4/1999, do 9 de abril, de declaración de servicio público de titularidade da Xunta de Galicia do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo.

O artigo 38 da nosa Constitución consagra o principio da liberdade de empresa no marco dunha economía de mercado.

Non obstante, o pronunciamento categórico que contén o artigo 1.1.1 da Carta Magna ó proclamar que «España constitúese nun Estado social e democrático de dereito» determina limitacións e empecementos ó principio enunciado no artigo 38. Así, o artigo 128.2 determina: «Recoñécese a iniciativa pública na actividade económica. Mediante lei poderanse reservar para o sector público recursos ou servicios esenciais, especialmente no caso de monopolio...». Deste modo, os criterios de intervención pública na economía constitúen o contrapunto á liberdade de empresa, o outro gran elemento definidor do modelo de constitución económica trazada polo constituínte.

A doutrina constitucional precisou que o elemento determinante para xustifica-la reserva ó sector público dunha actividade económica non é combater unha práctica monopolística, senón a esencialidade da dita actividade para a economía nacional ou para a comunidade.

Neste sentido cabe identificar dentro da nosa Comunidade un servicio de transporte que, sen ser de titularidade pública, podería en determinadas circunstancias cualificarse como de esencial para a comunidade: o transporte marítimo en augas interiores, sobre o que a Xunta de Galicia ten competencias en virtude da transferencia que delas se fixo pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro.

Esta esencialidade en potencia convértese, no caso do transporte marítimo realizado na ría de Vigo, en suposto paradigmático de servicio esencial para a comunidade.

As circunstancias concorrentes na ría de Vigo, basicamente a dependencia funcional da península do Morrazo respecto de Vigo para efectos de actividades culturais, educativas e laborais e para a atención de necesidades sanitarias e o fluxo inverso por motivos turísticos, determinan un continxente importantísimo de desprazamentos en ámbolos dous sentidos da ría.

Os ditos desprazamentos, ademais da súa importancia cuantitativa, teñen unha especial relevancia desde o punto de vista cualitativo, xa que o servicio de transporte marítimo da ría de Vigo constitúe un elemento básico do sistema colectivo de transporte na península do Morrazo que non é doado substituír por outros medios alternativos, tendo en conta os problemas que presenta a conxestión do tráfico urbano e as peculiaridades do transporte marítimo en

canto a prezos, tempos de percorrido e consideracións medioambientais.

É por isto polo que, vistas as disfuncionalidades que se veñen producindo na ría de Vigo nos últimos anos, resulta preciso definir un novo marco normativo para este servicio que garanta:

-Un servicio de calidade e cun nivel de oferta axeitada ás necesidades presentes e futuras da demanda.

-Unhas tarifas acordes co servicio prestado e axeitadas á realidade social do contorno.

-A vinculación dos servicios de temporada ás Cíes á prestación do servicio regular da ría, adxudicando conxuntamente e baixo un mesmo título concesional os dous tipos de servicios e garantindo a tutela dos intereses medioambientais que a Xunta de Galicia debe preservar.

-A articulación dun proceso selectivo presidido polo principio de igualdade, transparencia e concorrencia, para garanti-la adxudicación ó prestatario que garanta o mellor servicio público baixo os principios de continuidade, regularidade, capacidade e calidade.

-A consideración dentro do proceso selectivo dos méritos adquiridos na prestación do transporte, así como a situación dos traballadores que prestasen servicios nas empresas operadoras da ría.

Todos estes obxectivos só poden ser garantidos mediante a reserva da titularidade pública do servicio, de modo que a administración conserve a facultade de control dos aspectos básicos da prestación do transporte.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.21 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de declaración de servicio público de titularidade da Xunta de Galicia do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo.

Artigo 1

1. Declárase servicio público de titularidade da Xunta de Galicia o transporte marítimo de viaxeiros na ría de Vigo.

2. A titularidade pública abrangue tanto o servicio regular entre as ribeiras da ría coma o transporte estacional de carácter turístico con orixe ou destino nas illas Cíes, desde calquera punto da ría de Vigo.

Artigo 2

1. A administración xestionará indirectamente o servicio público de transporte ó que se refire o artigo anterior.

2. A dita xestión indirecta adoptará a modalidade de concesión administrativa, cun prazo máximo de duración de vinte anos.

3. O contrato poderá ser prorrogado por un prazo máximo de dez anos.

Para os efectos de concede-la prórroga, terase en consideración o interese público e o grao de satisfacción dos usuarios do servicio.

Artigo 3

A adxudicación da concesión efectuarase mediante concurso, no que se deberán valorar, entre outras, as seguintes cuestións:

-Calidade do servicio ofertado.

-Tarifas del.

-Experiencia demostrable no transporte da ría.

-Compromiso de asunción de traballadores do transporte da ría cos criterios de antigüidade acreditada e profesionalidade.

-Garantías de preservación do espacio natural das illas Cíes na forma en que o departamento responsable da Xunta de Galicia determine.

Artigo 4

O transporte obxecto desta lei rexerase polas disposicións autonómicas que se dicten en materia de navegación interior e, supletoriamente, pola normativa estatal no que lle resulte aplicable.

Disposición transitoria

As autorizacións para o transporte interior da ría de Vigo que se atopen vixentes á entrada en vigor desta lei manterán a súa validez ata o 31 de decembro deste ano, rexéndose polas disposicións nas que se fundamentou a súa autorización.

Emporiso, as referidas autorizacións serán prorrogadas ata o momento no que o adxudicatario da concesión do transporte da ría inicie a explotación do servicio, cando o dito inicio non se produza co comezo do ano.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou menor rango se opoñan ó disposto nesta lei.

Santiago de Compostela, nove de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente