Por esta resolución convócase a poxa para o alleamento de madeiras dos lotes que se citan no anexo, e de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, da Consellería de Medio Ambiente, e na orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro).
A celebración da mesma terá lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia, sito na Ronda da Muralla, 70 de Lugo.
Para esta poxa rexerán as ordes antes citadas e mailos pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares destas que figuran no expediente correspondente no Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo, sito na rúa Ronda da Muralla, 70 desa cidade, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no DOG da presente resolución.
As ofertas poderanse presentar -durante os vinteseis días naturais seguintes ó da publicación no DOG da presente resolución- no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Lugo ou en calquera das formas legalmente establecidas.
A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once horas do noveno día hábil que non cadre en sábado, contados a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.
Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre «A», coa documentación administrativa, e o sobre «B», coa oferta económica.
O sobre «A», que contén a documentación administrativa, poderá ser único para tódalas poxas que se celebran ante a mesa e na mesma sesión.
Deberá conte-la seguinte documentación:
1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.
2. Os xustificantes de que están constituídas as fianzas provisionais, 2% do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas.
3. Declaración responsable de non estar incursa en prohibición de contratar, consonte os artigos 15 a 20 da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas.
4. Os que acrediten a cualificación empresarial do licitador.
5. Os que acrediten encontrarse ó día do cumprimento das obrigacións tributarias e da Seguridade Social impostas nas disposicións vixentes.
No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número, e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro e os resgardos acreditativos das fianzas provisionais.
O sobre «B», recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre «B» individual.
O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 4% do prezo de adxudicación dentro dos vinte días seguintes ó da data na que regulamentariamente se lle comunique que a adxudicación é definitiva.
Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:
1. O importe total do remate ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada poxa.
2. O importe das taxas.
3. Os gastos proporcionais deste anuncio.
4. Os demais que se establezan nos pregos particulares de aproveitamento.
O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, un 4,5% sobre o importe da adxudicación en concepto de IVE.
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1999.
P.D.
José Luis Aboal García-Tuñón
Secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente