Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 26 de abril de 1999 Páx. 4.940

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural con categoría de sitio histórico, a favor das illas de San Simón e Santo Antonio, no concello de Redondela, provincia de Pontevedra.

Por proposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, iníciase expediente para a declaración de ben de interese cultural, con categoría de sitio histórico, a favor das illas de San Simón e Santo Antonio, no concello de Redondela, provincia de Pontevedra.

En consecuencia, vistos os informes dos servicios técnicos desta dirección xeral, e órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, en materia de bens de interese cultural, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración de ben de interese cultural con categoría de sitio histórico a favor das illas de San Simón e Santo Antonio, no concello de Redondela, provincia de Pontevedra.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola citada incoación de xeito que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II da presente resolución.

Terceiro.-Notificarlle a presente resolución ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia , e ós demais interesados.

Cuarto.-Por tratarse dun ben inmoble, e de conformidade co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de

outubro, do patrimonio cultural de Galicia, quedan en suspenso as correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como os efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, debesen realizarse con carácter inaprazable, precisarán, en todo caso, autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Quinto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no BOE, abríndose un período de información pública dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 1999.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

O contorno de protección das illas de San Simón e Santo Antonio queda delimitada pola liña que une os puntos A-B-C-D. sendo:

A-B: tramo da envolvente equidistante 500 m do contorno das illas, desde o punto norte ata o punto surdeste.

B-C: liña que une este último punto coa punta Cantoira.

C-D: liña que discorre paralela, terra adentro, á liña de preamar máxima viva equicional, definindo unha franxa de 100 m que une a punta Cantoira e a punta Sobreira.

D-A: liña que une a punta Sobreira co punto A e pecha a delimitación.