Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 22 de abril de 1999 Páx. 4.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 100/1999, do 8 de abril, polo que se cede, a título gratuíto, o inmoble denominado As Triguerizas, situado na rúa Alameda, 1, termo municipal de Celanova (Ourense).

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 2411/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de servicios e asistencia social, posúe a titularidade do terreo situado na rúa Alameda, 1, termo municipal de Celanova (Ourense).

O Concello de Celanova solicitou á Consellería de Economía e Facenda a cesión do dito inmoble, co fin de dedicalo, entre outras actuacións, á construcción dun ximnasio-pavillón con pista polideportiva.

Mediante Decreto 372/1998, do 18 de decembro (DOG nº 4, do 8 de xaneiro de 1999), desafectouse do dominio público o antedito inmoble, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda do 17 de marzo de 1999 (DOG nº 63, do 5 de abril) declarouse a alienabilidade do antedito ben inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tramitou o expediente de cesión da titularidade do devandito ben inmoble de acordo co previsto nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Celanova, do predio situado na rúa Alameda, 1, termo municipal de Celanova (Ourense), inscrito no Rexistro da Propiedade de Celanova, no libro 83, folio 192, predio número 8.371, inscrición 3ª, e que se describe como segue:

«Soar coñecido como As Triguerizas, no lugar denominado Cercado, dunha superficie dunha hectárea, dez áreas e cincuenta centiáreas, que linda ó norte, rúa Celso Emilio Ferreiro; ó sur, Campo da Feira de Celanova; ó leste, Avda. de San Rosendo; e ó oeste, convento e horta parroquial.»

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión do inmoble descrito será a construcción dun ximnasio-pavillón soterrado con pista polideportiva descoberta por enriba e dun aparcamento soterrado e a apertura de vías e xardíns.

b) A construcción do antedito ximnasio suxeitarase ós requisitos mínimos especificados nos Real decreto 1004/1991. O programa de necesidades do proxecto técnico someterase á conformidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Durante os períodos nos que os horarios escolares así o requiran, o Instituto de Ensino Secundario de Celanova terá acceso ás ditas instalacións deportivas, así como ó uso prioritario e exclusivo delas. Así mesmo, o instituto terá dereito prioritario de uso para o desenvolvemento das actividades extraescolares que programe.

d) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de catro anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, oito de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda