Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 19 de abril de 1999 Páx. 4.528

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de marzo de 1999 pola que se inclúe o sarampelo na relación de enfermidades de declaración obrigatoria urxente.

A Orde do 14 de xullo de 1998, pola que se desenvolve o sistema básico da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, atopa a súa xustificación na necesidade de sintonizar cos avances na creación dunha rede europea de vixilancia epidemiolóxica e de control das enfermidades transmisibles, e de facer fronte á crecente importancia das enfermidades emerxentes e reemerxentes.

No marco da iniciativa europea de elimina-lo sarampelo o antes posible, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais vai poñer en marcha durante este ano un programa de eliminación do sarampelo en Galicia, para o que a Rexión Europea propón, entre outros, o seguinte obxectivo: «Fortalece-la vixilancia do sarampelo, que contará cun sistema de notificación obrigatoria, cunha definición estándar do caso, coa colaboración de laboratorios de microbioloxía e cun sistema de retroalimentación informativa dos datos sobre a enfermidade e a cobertura vacinal».

Isto significa que, a diferencia do que viña ocorrendo na etapa de reducción da incidencia, para acada-la eliminación do sarampelo vai ser necesario detectar rapidamente cada un dos casos nos que se teña sospeita, co fin de confirma-la súa orixe sarampelosa e recoller información sobre as circunstancias que aínda estean a permiti-la transmisión da infección.

Consecuentemente con todo o anterior, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reforma da pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

Incluí-lo sarampelo na relación de enfermidades que requiren declaración obrigatoria urxente, recollida no anexo III da Orde do 14 de xullo de 1998, pola que se desenvolve o sistema básico da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais