Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 16 de abril de 1999 Páx. 4.471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de aparcamentos, garaxes e parkings.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de aparcamentos, garaxes e parkings, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-2-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Aparcamentos, Garaxes e Parkings, e da parte social, polas centrais sindicais UGT e CC.OO, con data do 10-2-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de marzo de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de aparcamentos, garaxes e parkings da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas dedicadas á actividade de aparcamentos, garaxes e parkings que estean situadas na provincia de Pontevedra, e que aínda residindo fóra dela teñan establecemento dentro desta no que respecta ó seu persoal.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración dun ano, contado desde o 1 de abril de 1998 e ata o 31 de marzo de 1999. Entrará en vigor ós dez días da sinatura, se ben os efectos económicos se retrotraerán ó 1 de abril de 1998.

Entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes, con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. Esta denuncia deberá facerse por escrito dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan á totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó presente convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberá conservalas.

Artigo 5º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, deberá rexerse pola táboa salarial anexa a el.

Artigo 6º.-Quebranto de moeda.

Ó persoal que preste servicios en caixa e ó que se lle esixa responsabilidade para o arqueo da caixa aboaráselle, en concepto de quebranto de moeda, as cantidades previstas na ordenanza laboral ou as superiores que por este concepto viñesen percibindo, agás no caso de expendedores de billetes e gardas.

Os expendedores de billetes percibirán en concepto de quebranto de moeda a cantidade de 122 pesetas por día efectivo de traballo; e os gardas terán dereito por este concepto ó 0,20% dos cobros realizados por estacionamento por horas ou por servicios prestados ó cliente dentro do garaxe, quedando excluídos os cobros exteriores.

Artigo 7º.-Gratificación de transporte.

A partir da entrada en vigor do presente convenio, tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito a unha gratificación de transporte, que consistirá na contía de 81 pesetas por día efectivo de traballo.

Artigo 8º.-Antigüidade.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa, consistente, como máximo, en dous bienios ó 5% cada un e cinco quinquenios ó 10%, calculados sobre os salarios base do convenio, e coas limitacións establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios, e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais, convíndose a súa división en dous períodos de 15 días, un dos cales deberá desfrutarse entre os meses de maio a setembro, ámbolos dous incluídos, e o outro período no resto do ano, sendo ambos períodos rotativos. Todo isto sen prexuízo doutro acordo entre empresario e traballador.

Artigo 11º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguintes:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e personal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo, debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o seu importe do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 12º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada, como mínimo, nun 25% sobre o salario base. Exclúese do cobro do expresado suplemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado para esta clase de traballo.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias estructurais: considéranse horas extraordinarias estructurais as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios, urxentes, así como no caso de riscos de perda de materias primas ou derivadas de circunstancias de períodos punta de producción, ausencias imprevistas ou cambios de quenda.

Artigo 15º.-Contrato de traballo.

Os contratos de traballo formalizaranse por escrito naqueles casos en que así o determine a lexislación vixente.

Artigo 16º.-Baixas por accidente de traballo.

Nos casos de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo que teña lugar dentro das horas de traballo, a empresa virá obrigada a completa-las prestacións económicas correspondentes da Seguridade Social ata o 100% do salario mensual, durante un prazo máximo de 90 días.

Artigo 17º.-Seguro de accidente de traballo.

As empresas contratarán totalmente ó seu cargo un seguro de accidente a favor dos seus traballadores que cubra a indemnización de dous millóns de pesetas en caso de morte e dous millóns de pesetas en caso de invalidez permanente, derivadas de accidente de traballo, incluído o accidente de traballo in itinere.

A partir do 1 de agosto de 1999 o capital asegurado pasará a ser de dous millóns vinteoito mil pesetas.

Artigo 18º.-Premio de xubilación.

O persoal que con 15 anos de antigüidade na empresa se xubile no prazo de tres meses, contados desde o cumprimento da idade de 65 anos, terá dereito ó aboamento dunha gratificación especial na contía de 101.400 pesetas. Igual dereito terán os xubilados antes desta idade e que cumpran os quince anos de antigüidade na empresa.

Artigo 19º.-Días 24 e 31 de decembro.

Nos días 24 e 31 de decembro e con obxecto de celebra-las tradicionais festas de Noiteboa e Ano Vello, a xornada de traballo rematará ás 14 horas para o persoal de servicios de lavado, engraxamento e pneumáticos, e ás 21 horas para o de servicios de parkings e aparcamentos.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

Ós traballadores que teñan que presta-lo seu traballo en medios húmidos, a empresa facilitaralles calzado adecuado. A duración desta roupa será de seis meses a un ano, segundo os casos, sen prexuízo do establecido no artigo 146 da ordenanza vixente.

Artigo 21º.-Recoñecementos médicos.

As partes asinantes do convenio recomendan ás empresas que faciliten un recoñecemento médico anual ós seus traballadores, a través de mutuas patronais de accidente de traballo, ou por outros medios que a empresa considere máis oportunos.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e, en xeral, para entender en cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais signatarias do convenio, a razón dun membro por cada central.

Artigo 22º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade.

Artigo 24º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio aplicarase o disposto na lexislación laboral vixente.

Artigo 25º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores: as centrais sindicais UGT e CC.OO.

En representación dos empresarios: a Asociación Provincial de Empresarios de Aparcamentos, Garaxes e Parkings de Pontevedra.

Disposición adicional

As partes comprométense a constituí-la mesa negociadora durante a segunda semana do mes de abril de 1999 para negocia-lo convenio colectivo que rexerá, se é o caso, a partir do 1 de abril de 1999.

Vigo, 10 de febreiro de 1999

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-1998 a 31-3-1999)

Pesetas

Persoal administrativo:

Oficial de 1ª85.605 mes

Oficial de 2ª82.245 mes

Auxiliar administrativo78.616 mes

Aspirante 16-17 anosSalario mínimo

segundo a idade

Persoal de garaxes e lavados:

Encargado xeral93.804 mes

Encargado almacén76.829 mes

Engraxador e lavacoches76.829 mes

Garda de día76.829 mes

Garda nocturno76.829 mes

Expendedor de billetes76.616 mes

Mozo de garaxe76.829 mes

Especialista pneumáticos76.829 mes

Aprendiz de 16-17 anosSalario mínimo

segundo a idade

Limpadora76.829 mes