Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 16 de abril de 1999 Páx. 4.414

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 5 de abril de 1999 pola que se regulan as autorizacións de transporte público de mercadorías de ámbito local e limitado ó territorio da Comunidade Autónoma en vehículos de ata 3,5 t de peso máximo autorizado.

A Xunta de Galicia ten competencias exclusivas sobre as autorizacións administrativas que habilitan para a prestación de servicios de transporte nun ámbito limitado á Comunidade Autónoma. O dito carácter exclusivo vén recoñecido no artigo 27.8º do Estatuto de autonomía, en canto fundamento legal e competencial necesario para aborda-las particularidades que en cada momento se presentan na nosa comunidade e regular normativamente o sector do transporte en Galicia.

Neste orde de cousas, a presente orde, dentro, así mesmo, do marco establecido pola Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres nos seus artigos 47 e seguintes que posibilitan a adopción por vía regulamentaria das solucións mais convenientes para os distintos supostos xerais que se chegasen a presentar, vén regula-la obtención por parte daqueles titulares de vehículos dedicados ó transporte público de mercadorías que tivesen un peso máximo autorizado de ata 6.000 kg, dunha autorización administrativa habilitante para a prestación de servicios de transporte de ámbito local, cun radio de 100 km contados en liña recta e sen que en ningún caso poida exceder dos límites territoriais da Comunidade Autónoma.

A normativa vixente supuxo un endurecemento das condicións de acceso ó mercado do transporte que, polo que se refire ó requisito da capacitación profesional, supón a esixencia deste requisito para vehículos lixeiros que anteriormente estaban exentos dela.

Nembargantes, a directiva comunitaria que determinou este cambio de réxime prevé (D.96/26 CE, modificada pola D.98/76/CE-DOC 14/10/98) a posibilidade, no seu artigo 2, apartado 2º b), de prescindir do devandito requisito ós vehículos de ata 6.000 kg de P.M. que efectúen transporte de ámbito local.

Con isto a propia directiva recoñece que dentro da categoría dos vehículos lixeiros poderían diferenciarse dous subgrupos en función da súa maior ou menor incidencia no mercado do transporte.

Así, os vehículos de ata 6.000 kg de peso cunha actividade que non se desenvolva máis alá dun círculo de 100 km medidos desde o seu punto de residencia teñen unha incidencia tan marxinal no mercado do transporte público, que o acceso sen ningún tipo de restriccións ó mesmo non supón un factor distorsionante para a competencia.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 27.8º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e visto o informe do Consello Galego de Transportes

DISPOÑO:

Artigo 1º

Queda suxeito ó disposto nesta orde o outorgamento, modificación e extinción das autorizacións de transporte público discrecional de mercadorías de ámbito territorial local cun raio de acción de 100 km medidos en liña recta desde a localidade de residencia do vehículo, ás que estiveran adscritos vehículos cun peso máximo autorizado de ata 6 toneladas. As ditas autorizacións en ningún caso poderán habilitar para a realización de servicios de transporte fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

O outorgamento das autorizacións reguladas na presente orde será realizado polo Servicio Provincial de Transportes competente por razón do domicilio no que estean residenciadas éstas, e documentaranse mediante a expedición da correspondente tarxeta de transporte da clase MDL e ámbito local.

Artigo 3º

No que atinxe as prescricións relativas á forma de presentación da solicitude, documentación que deberá entregar, réxime de outorgamento, visado e modificación da autorización de transporte será de aplicación o disposto pola normativa estatal vixente en cada momento relativa ó transporte público de mercadorías en vehículos lixeiros, agás no que se refire ó título de capacitación profesional, que non será esixible.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1999.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda