Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 15 de abril de 1999 Páx. 4.362

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 6 de abril de 1999 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da oferta balneoterápica de Galicia.

O establecemento balneario foi un dos primeiros elementos xeradores de actividade turística na nosa Comunidade Autónoma, sendo claro exemplo disto o grande número deste tipo de establecementos existentes en Galicia, pero é a mediados deste século cando este tipo de turismo cede terreo claramente ó turismo denominado de «sol e praia», producíndose nalgúns casos o peche de establecementos ou nos casos máis favorables unha existencia de mera supervivencia.

Pero desde non hai moitos anos estase a producir un rexurdimento desta modalidade de turismo e Galicia non é allea a este fenómeno, de feito, a nosa oferta turística balnearia, está producindo uns máis que esperanzadores resultados aínda que os niveis de calidade deben de ser mellorados para seren acordes coas demandas dos usuarios.

Por outro lado estase a producir, no eido da demanda turística, unha serie de necesidades terapéuticas distintas ás ofertadas polos balnearios tradicionais e que están vencelladas a outros usos curativos tales, como entre outros, a utilización da auga do mar. Tendo en conta que esta demanda vai incidir, tal como xa o fai o balneario tradicional, no noso turismo e considerando que un dos principais obxectivos da política turística da Xunta de Galicia é o de potencia-la oferta balneoterápica en tódalas súas expresións, é polo que, con

cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ó establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 de dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por medio da súa Dirección Xeral de Turismo, poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 10.05.751A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1999, ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil):

1. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias en funcionamento.

2. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias pechadas pola deterioriación das súas instalacións sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1 c).1º desta orde se procure a recuperación de todo o conxunto.

3. De instalacións balnearias que carezan de establecementos de aloxamento e restauración, sempre e cando no proxecto que se sinala no artigo 5º.1 c).1º desta orde se procure a creación, formando un conxunto co balneario, de establecementos de aloxamento e restauración.

4. Tamén poderán ser destinatarios das subvencións obxecto desta orde aqueles promotores de establecementos balnearios non tradicionais que inclúan no establecemento, oferta de aloxamento e restauración.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón, nos seus números 1, 2 e 3, o artigo 35.dous.B) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1999, se é o caso, as do 2000 e/ou 2001.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á creación, modernización e posta en valor turística dos balnearios. Abarca o obxecto da subvención a creación, remodelación e recuperación de establecementos turísticos dirixidos á utilización terapéutica das augas, incluídas as de mar, así como a substitución dos seus equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

2. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cincuenta millóns (50.000.000) de pesetas, non considerándose investimento subvencionable os gastos xerais nin o beneficio industrial; tampouco forma parte del a adquisición de terreos nin os honorarios de técnicos así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

3. Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, agás os que se atopen nalgún dos casos determinados nos apartados números 2, 3 e 4 do artigo 1º desta orde.

4. Os proxectos que se subvencionen terán que:

a) Comezarse durante o ano 1999 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

b) Facer pública a colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Solicita-la autorización de apertura diante da Administración turística ou, se é o caso reemprende-la actividade, nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

b) Os beneficiarios das subvencións adquiren o compromiso de crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola administración turística ou, se é o caso, dende cando se reemprenda a actividade ou se teña xustificado correctamente o investimento subvencionado.

c) Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de xustificación total do investimento subvencionado.

No caso de non cumprirse en tempo e forma estes compromisos e, consonte o sinalado no artigo 78.5º c) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos xerais do Estado do exercicio correspondente.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se consideran nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 35% sobre o investimento subvencionable. Á dita cantidade engadiráselle 1.000.000 de ptas. por posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe míni

ma de contratación estable que para ser beneficiario de subvención se esixe nesta orde. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Turismo, e a documentación que a seguir se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Consellería de Industria e Comercio, de acordo co sinalado no Decreto 400/1996, do 31 de outubro, polo que se crea o portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial (DOG nº 226, do 19 de novembro), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) 1º.-Proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras.

2º.-Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala 1:50 cando o investimento afectara a distribución ou uso das instalacións existentes.

d) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non precisa licencia urbanística.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

f) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita subvención.

g) Anexo II asinado e debidamante cuberto.

h) Certificado de autorización de aproveitamento de augas outorgada pola Consellería de Industria e Comercio ou, se é o caso, de ter presentado a súa solicitude e certificado de inscrición no rexistro de centros, servicios ou establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou, se é o caso, a súa solicitude de inscrición nel.

i) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa

concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a inesixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que no se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito, se fose o caso, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia así como se cumpre os demais requisitos administrativos esixibles para ser obxecto de subvención, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de turismo e os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da

comisión o antedito xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-Os valores de localización, contorno, historia, etc.

-As características do proxecto canto á oferta que se propón (incorporación de tecnoloxía avanzada, mellora ambiental, valor engadido que xere o proxecto así como o seu carácter dinamizador,...).

-A creación de postos de traballo.

-A oferta de servicios.

-Carácter innovador do proxecto.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará, unha vez informados pola comisión creada ó abeiro do decreto da Xunta

de Galicia 401/1996, do 31 de outubro, ó director xeral de Turismo, proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencions.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, 2000, 2001 e 2002 en función das disposicións orzamentarias e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde o remate de presentación do prazo de solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as concedidas.

A) Da aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación (utilícese o modelo do anexo II da orde) ou renuncia a elas. Se, transcorridos os sinalados dez días, non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

B) Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo de dous meses desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberá ser informado favorablemente polo xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vista a proposta que lle formule a comisión técnica, o director xeral de Turismo poderá conceder subvencións ós expe

dientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos da sinalada comisión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1999: 1 de novembro de 1999.

Fase de 2000: 30 de xuño do 2000, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres ou máis, 15 de outubro do 2000.

Fase de 2001: 30 de xuño do 2001, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de terse imputado a catro, 15 de outubro do 2001.

Fase de 2002: 30 de xuño do 2002

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 1999, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 1999.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustifica-lo antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, ésta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado ejemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do ane-

xo III.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, no caso de que o investimento subvencionable se referira á realización das obras e/ou instalacións determinadas no artigo 5º.1 c).1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións determinadas no artigo 5º.1 c).2º da presente orde deberase remitir ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado, deberá especificar a que concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3 Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisara e non se achegase anteriormente por causas excepcionalmente autorizadas.

3.4. Certificados de estar ó día nas suas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fan referencia no artigo 3º.5 e anexo II da presente orde. Será obrigatorio presentar este documento coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demáis casos.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida supere a cifra de 5.000.000 de ptas. e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1999 ou, se é o caso, a do 2000 ou a do 2001, ademais da documentación indicada no número 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 35.dous.B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º e 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos.

-Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, polo xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado o organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificulades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a inesixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de benficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orede, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1, terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos nos poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño do 2000. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Sexta.-As subvencións que co mesmo obxecto que a presente foron concedidas con anterioridade e aínda non lles rematase o prazo de xustificación da derradeira anualidade poderán solicitar, en escrito debidamente motivado asinado polo solicitante e polo técnico-director de obra, unha ampliación do prazo de xustificación e, se procedese, un reaxuste de anualidades, cando existiran causas técnicas derivadas da execución do investimento subvencionado que fagan imposible a execución deste nos prazos inicialmente previstos. En todo caso, o total do prazo de execución non poderá ser superior ó determinado no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo