Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 13 de abril de 1999 Páx. 4.239

III.6. a) Gamo macho de 2 anos: 35.000 ptas./unidade.

CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 1999 pola que se convoca a décima edición do curso superior de relacións laborais.

O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, para responder á necesidade de establecer canles institucionais de encontro e participación entre as organizacións representativas de traballadores e empregadores, ten, entre outras competencias atribuídas pola propia lei de creación e as súas normas de funcionamento interno, a de promover iniciativas que recollan estudios, debates e a difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral e a cultura do traballo.

Conscientes da demanda da sociedade galega de ensinanzas do máis alto nivel no marco das relacións laborais, así como da necesidade de promover, nun mercado cada vez máis competitivo, a adaptación da xestión das empresas ó novo estilo de dirección de persoal que marca a política de recursos humanos e, en virtude das facultades conferidas na disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro de 1995 (DOG do 2 de marzo), pola que se establece o prezo privado a satisfacer, en concepto de matrícula, polos alumnos que realicen o curso superior de relacións laborais, procédese a convoca-la décima edición do curso superior de relacións laborais que se desenvolverá segundo as seguintes bases:

1.-Obxecto.

O curso pretende ser un foro de exposición e debate sobre os profundos cambios producidos desde 1994, os que tiveron novas manifestacións durante 1997 e 1998. Tales cambios afectan non só ó mercado de traballo senón tamén á negociación colectiva, á representación dos traballadores na empresa, á seguridade

social, á seguridade e hixiene e a xestión de recursos humanos, en xeral.

2.-Destinatarios.

Diríxese o curso a cantos están interesados en adquirir unha especialización, perfeccionamento e/ou actualización profesional nas materias laborais e na xestión de recursos humanos e, en especial, ós licenciados en ciencias económicas, empresariais e dereito; a diplomados en relacións laborais; a cadros das organizacións empresariais e sindicais e a quen desempeñe tarefas de xestión de recursos humanos ou xefes de relacións laborais da Administración e das empresas, etc.

3.-Contido e horas lectivas.

O curso contará cun total de 170 horas lectivas distribuídas nos seguintes módulos formativos:

Módulo I. Política e xestión integrada dos recursos humanos: 28 horas.

Módulo II. Relación individual de traballo: 44 horas.

Módulo III. Relacións colectivas de traballo: 36 horas.

Módulo IV. Dereito administrativo do traballo. Saúde laboral. Dereito penal do traballo: 24 horas.

Módulo V. Seguridade Social: 18 horas.

Módulo VI. Dereito social comunitario: 8 horas.

Para as sesións de inauguración e clausura, así como para as mesas redondas está previsto un total de 12 horas.

4.-Calendario.

A inauguración do curso terá lugar o 18 de maio e rematará o 17 de decembro de 1999. Os días lectivos, normalmente 2 -excepcionalmente 3- por semana, figuran detallados no programa que se entregará ós alumnos. O curso suspenderase desde o 1 de xullo ata o 8 de setembro.

As clases impartiranse nas aulas da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela e o horario normal de actividades será en sesión de tarde, desde as 16.30 ata ás 20.30 horas.

A dirección do curso poderá modifica-lo programa de desenvolvemento por circunstancias eventuais que afecten a súa organización. Estas variacións será anunciadas ós asistentes con suficiente antelación. Cada mes natural entregarase unha relación dos temas que se vaian impartir e dos seus correspondentes relatores.

5.-Inscrición e solicitudes.

a) Información. Os alumnos que desexen matricularse no curso deberán poñerse en contacto coa secretaría técnica do curso, no Consello Galego de Relacións Laborais, Algalia de Abaixo, 24. 15704 Santiago de Compostela. Telf. 981 54 16 02. Telefax 981 54 16 10. E-Mail: cgrl*ctv.es, que lles facilitará a información necesaria, o programa do curso e os modelos oficiais de solicitude.

b) Prezo. O prezo que satisfarán os alumnos en concepto de matrícula será de duascentas quince mil (215.000) pesetas, segundo o establecido na orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro (DOG do 2 de marzo) que poderá ser aboado en calquera das entidades bancarias que figuran no impreso de pagamento de prezos privados que se facilita co programa do curso.

O importe da matrícula poderá ser satisfeito nos prazos e contías que a continuación se dispón:

1º prazo: 115.000 ptas, antes do 18 de maio, día sinalado para a inauguración oficial do curso;

2º prazo: 100.000 ptas., antes do 24 de setembro de 1999.

c) Número de prazas. O número de prazas que se convocan pola presente resolución é de 50.

d) Forma. As solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que se facilita co programa do curso, que deberán ser remitidas ó Consello Galego de Relacións Laborais, acompañadas do xustificante de ter efectuado o pagamento total ou parcial do correspondente importe da matrícula.

e) Prazo. O prazo de admisión de solicitudes de matrícula comeza o 15 de abril e rematará o 17 de maio de 1999 ou na data en que se cubra a totalidade das prazas ofertadas.

6.-Asistencia e diploma.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A asistencia quedará reflectida no correspondente parte, asinado polo alumno ó comezo e ó remate de cada sesión.

A asistencia regular ás ensinanzas programadas dá dereito á expedición do oportuno diploma pola Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Galego de Relacións Laborais.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, en máis do 20% das sesións académicas privará do dereito á obtención do diploma, sen prexuízo de que poida emitirse a correspondente certificación das sesións ás que concorrese.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1999.

Teresa Pedrosa Silva

Presidenta do Consello Galego de Relacións

Laborais