Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 13 de abril de 1999 Páx. 4.224

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 89/1999, do 11 de marzo, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Baltar (Ourense).

O Concello de Baltar (Ourense) considerou adoptar unhas armas ou brasón propio no que, coa simboloxía adecuada e conforme ás tradicionais pautas de presentación dos emblemas heráldicos, se represente e perpetúe a súa propia peculiaridade. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e outras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/92, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e outras entidades locais, e no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, que derroga o anterior.

Visto o informe favorable emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, á proposta do Concello de Baltar, segundo a cal a proposta de escudo incorpora como motivo fundamental destas armas a figura dunha montaña, que alude á Serra de Larouco, destacado accidente natural que concede singular fisonomía ó territorio municipal. Resáltase a figura dun cabalo, en lembranza da tradicional presencia desta especie en estado salvaxe,

así como unhas espigas, como representación da riqueza agrícola. Como complemento disponse en bordura unha cadea de ouro sobre negro que lembra a presencia xurisdiccional e o influxo histórico da Casa de Monterrey.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único

Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Baltar (Ourense), que quedará organizado do seguinte xeito: de prata (branco), unha montaña de sinople (verde), resaltada dun cabalo de prata e acompañada no xefe de dúas espigas de ouro (amarelo). Bordura de sable (negro) cunha cadea de ouro. Ó timbre coroa real pechada.

Santiago de Compostela, once de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais