Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 09 de abril de 1999 Páx. 4.023

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de marzo de 1999 sobre legalización de documentos académicos de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que deben producir efectos no estranxeiro.

O Decreto 57/1997, do 6 de marzo (DOG do 20), polo que se crea o Rexistro de Títulos Académicos e Profesionais Non Universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o procedemento de expedición dos títulos correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no artigo 1 que estes títulos, expedidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, terán validez en todo o territorio español e recoñecemento internacional. Para que este recoñecemento internacional sexa efectivo teñen que ser legalizados previamente.

A legalización de documentos que deben producir efectos noutros estados é un proceso acordado con carácter internacional. Estes documentos deben ser legalizados polo Ministerio de Asuntos Exteriores, sen prexuízo de que outras instancias participen nas seguintes fases do proceso. Non obstante, o Convenio da Haia, do 5 de outubro de 1961, ratificado por España o 10 de abril de 1978 (BOE do 25 de setembro), establece unha dispensa da legalización por vía ordinaria, que se substitúe por un procedemento simplificado para os países que o subscribiron. A apostila ou legalización única prevista no citado convenio é realizada en España polo Ministerio de Xustiza, en virtude do disposto no Real decreto 2433/1978, do 2 de outubro (BOE do 17).

En calquera dos supostos mencionados, os documentos acreditativos de estudios cursados en España deben cumprir un trámite previo de recoñecemento de sinaturas por parte das correspondentes autoridades educativas españolas, para efectos da súa posterior legalización. Todo o exposto anteriormente refírese sempre a documentos académicos que teñen carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, mentres que os documentos académicos que non teñen ese carácter poden ser lexitimados por vía notarial.

Debido á transferencia a esta Comunidade Autónoma da función de expedición de títulos das novas ensinanzas da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, é necesario establece-lo proceso que se seguirá na

legalización dos documentos académicos correspondentes á dita lei, que deben producir efectos no estranxeiro.

Consonte o anteriormente exposto e en virtude da disposición derradeira primeira do Decreto 57/1997, do 6 de marzo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-O trámite de recoñecemento de sinaturas de documentos académicos da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes á Lei 1/1990, do 3 de outubro, que deben producir efectos no estranxeiro, na fase previa ó proceso de legalización por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores e, se é o caso, do Ministerio de Xustiza, realizarase de acordo co que esta orde establece.

Segundo.-Poderán ser obxecto de recoñecemento as sinaturas que subscriban os documentos académicos seguintes:

a) Títulos expedidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondentes ós estudios de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional específica e ensinanzas artísticas, así como certificados de aptitude do ciclo superior das escolas oficiais de idiomas.

b) Certificacións académicas oficiais de estudios conducentes á obtención dos títulos mencionados na alínea anterior, así como informes de avaliación individualizados, se é o caso.

c) Libros de escolaridade de ensinanza básica (educación primaria e educación secundaria obrigatoria) e libros de cualificacións de bacharelato, formación profesional específica e de ensinanzas artísticas.

Terceiro.-O recoñecemento de sinaturas dos documentos ós que se refire a alínea a) será realizado polo Servicio de Centros da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Cuarto.-O recoñecemento de sinaturas das certificacións académicas oficiais de estudios e/ou informes de avaliación individualizados, se é o caso, así como dos libros de escolaridade e de cualificacións sinalados na alínea c), será realizado polas seguintes autoridades:

a) Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no ámbito das súas respectivas provincias.

b) No caso de ausencia, vacante ou enfermidade, polo secretario da delegación provincial correspondente.

Quinto.-O recoñecemento de sinaturas ó que se refire esta orde realizarase mediante a inserción, ó dorso do título ou do documento de que se trate, dunha dilixencia co seguinte texto:

«Visto e prace: na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, para legaliza-la sinatura de don/dona ... (nome, apelidos e cargo), por ser, ó parecer, a súa».

«Visto bueno: en la Consellería de Educación y Ordenación Universitaria de la Xunta de Galicia, para legalizar la firma de don/doña ... (nombre, apellidos y cargo), por ser, al parecer, la suya».

Engadirase a mención da cidade, data e sinatura da autoridade que asine a dilixencia.

Sexto.-Para os efectos previstos no punto cuarto desta orde, os delegados provinciais solicitaranlles ós centros docentes o envío dos facsímiles das sinaturas correspondentes ás autoridades académicas, das que deben recoñece-las sinaturas.

Sétimo.-1. Os diferentes órganos responsables do trámite de recoñecemento de sinaturas que se regula nesta orde farán chegar á Dirección Xeral de Asuntos Xurídicos e Consulares do Ministerio de Asuntos Exteriores e á Subsecretaría do Ministerio de Xustiza o facsímile das sinaturas seguintes: as das autoridades responsables da legalización e maila dos funcionarios en quen se delega tal función en ausencia da dita autoridade e que poderán subscribir igualmente as dilixencias de legalización.

2. Sempre que se produzan cambios das persoas responsables do trámite de recoñecemento de sinaturas, este extremo seralles comunicado ás direccións xerais mencionadas no parágrafo anterior, ás que se lles remitirán os facsímiles correspondentes.

Oitavo.-O Servicio de Centros da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa disporá dos facsímiles das sinaturas correspondentes ás autoridades académicas das que ten que recoñece-las sinaturas en aplicación do disposto no punto terceiro desta orde.

Disposicións adicionais

Para a legalización de documentos académicos españois que deben producir efectos no estranxeiro, correspondentes á Lei 14/1970, do 4 de agosto (BOE do 6), seralles de aplicación o establecido na orde do Ministerio de Educación e Ciencia do 16 de abril de 1990 (BOE do 19), e na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de maio de 1990 (DOG do 30).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento do previsto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria