Polo Real decreto 373/1999, do 5 de marzo, traspásanse as funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asistencia e servicios sociais encomendados ó Instituto Social da Mariña (ISM).
Procede, en virtude do citado traspaso, asumir de forma expresa tales funcións e servicios nos termos e condicións especificadas no acordo da Comisión Mixta de Transferencias e asignárllelas ós órganos correspondentes da Administración autonómica galega.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Quedan asumidas as funcións e servicios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 373/1999, do 5 de marzo, en materia de asistencia e servicios sociais encomendados ó Instituto Social da Mariña (ISM), nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias publicado como anexo ó dito real decreto.
Artigo 2º
1. Asígnanselle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais as funcións e servicios asumidos de conformidade co disposto no artigo anterior.
2. Os órganos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais exercerán as atribucións que lles correspondan conforme as normas que regulan a súa estructura.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto e para adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das provisións de medios traspasados.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Pazo de Mariñán (Bergondo), vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública