Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 06 de abril de 1999 Páx. 3.831

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

MANCOMUNIDADE INTERMUNICIPAL DO BAIXO MIÑO

EDICTO: bases da convocatoria para cubrir tres postos de traballo de conductores, vacantes no cadro de persoal laboral da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño.

Primeira.-Postos de traballo convocados e sistema de selección: o obxecto da presente convocatoria é a provisión dos postos de traballo vacantes no cadro de persoal laboral da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño (MIBM), incluídos na oferta de emprego público do ano 1998 e que a continuación se citan:

-Tres postos de traballo de conductores, coa retribución bruta que figura no orzamento da MIBM.

O sistema de selección é de concurso-oposición para tódolos postos de traballo.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes: serán con referencia á data na que remate o prazo de presentación de solicitudes, os seguintes:

-Ser nacional, maior de 18 anos de idade, dos estados membros da Unión Europea ou daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación dos traballos nos termos en que esta está definida no tratado constitutivo da Comunidade Económica Europea.

-Non padecer enfermidade nin eiva física que impida o desenvolvemento das correspondentes funcións.

-Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario do servicio das administracións públicas, nin encontrarse inhabilitado para contratar con aquelas.

-Estar en posesión do certificado de escolaridade e do carné de conducir B-1.

Terceira.-Presentación de solicitudes: as solicitudes deberán presentarse no Rexistro de Entrada da MIBM, sito no Concello de Tui ou no de calquera dos concellos integrantes daquela, durante o prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación destas bases, coa convocatoria, noDiario Oficial de Galicia. As instancias dirixiranse ó presidente da MIBM, e os aspirantes farán constar nelas que reúnen os requisitos necesarios para tomar parte no proceso selectivo. O horario de presentación de solicitudes será de 8 a 15 horas tódolos días hábiles, agás o sábado, que será de 9 a 13 horas. Tamén poderán presentarse na forma establecida no Art. 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXAP).

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

-Sobre pechado, co nome do aspirante escrito naquel, que contería a documentación acreditativa dos méritos presentados.

-No caso de que se queira facer proba de galego porque non se dispón de título acreditativo, terá que consignarse tal circunstancia na solicitide.

Cuarta.-Admisión de aspirantes e orde de actuación destes: rematado o prazo de presentación de instancias o presidente dictará un decreto, no prazo máximo dun

mes desde a data de expiración do prazo citado, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos dos cinco concellos integrantes da MIBM no cal se resolverá sobre o seguinte:

-Aprobación da lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, así como as causas, se é o caso, da exclusión.

-Orde de actuación dos aspirantes para aquelas probas que non poidan realizarse conxuntamente, a cal se determinará previamente mediante sorteo público que se celebrará na alcaldía entre as 11 e 12 horas do primeiro día hábil seguinte ó de remate do prazo de presentación de instancias.

-Data de comezo da primeira proba.

-Designación dos membros do tribunal cualificador conforme o sinalado na base 5ª.

A publicación desta resolución será determinante dos prazos para efectos de impugnacións e recursos, facéndose referencia naquela ó prazo de emenda que a LRXAP concede ós aspirantes excluídos.

A lista provisional elevarase a definitiva polo transcurso do prazo para reclamacións, se non as houbese; no caso contrario exporase de novo a lista definitiva, na mesma forma que a provisional.

Quinta.-Tribunal cualificador: estará composto polos seguintes membros:

Presidente: o presidente da MIBM ou membro da Xunta de Goberno en que delegue.

Secretario: o secretario da MIBM ou funcionario de calquera dos concellos integrantes daquela en quen delegue.

Vocais: dous representantes das organizacións sindicais. No suposto de que aquelas non designen representante mediante escrito conxunto dentro do prazo que se lles sinale para efecto, será o presidente os que os nomee:

Un experto no traballo propio da praza designado polo presidente.

Un representante da Xunta de Galicia designado por este organismo.

Catro membros da Xunta de Goberno, designado polo presidente, no sentido de que no tribunal estean representados os cinco concellos integrantes da MIBM.

O tribunal poderá incorporar asesores especilistas para os exercicios que o consideren necesario. Os citados asesores terán voz, pero non voto, e a súa intervención limitarase a da-la súa opinión sobre a súa especialidade técnica en exclusiva, colaborando, desta maneira, co órgano de selección.

Ningún membro do tribunal poderá ter titulación inferior á esixida para ser admitido ó proceso selectivo, debendo presentar, para estes efectos no acto de constitución, ou, se é o caso, no momento de incorporación unha declaración xurada na que se indique a posesión da titulación esixida.

Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándollo así o alcalde, cando concorran as circunstancias previstas no Art. 28 da LRXAP.

O tribunal quedará integrado ademais polos respectivos suplentes, necesitando para actuar validamente a presencia da maioría dos seus membros, xa sexan titulares ou suplentes.

Sexta.-Sistema de selección: será o de concurso-oposición para tódolos postos de traballo e constará dunha primeira fase, previa á oposición, na que se valorán os seguintes méritos, da forma que a continuación se sinala, agás as excepcións que se describirán nas bases específicas de cada proba.

1. Experiencia profesional:

1.1. Por traballos na Administración similares ós da praza á que se aspira, 0,5 puntos por ano.

Acreditaranse con certificación da Administración pública.

Os períodos menores dun ano ratearanse segundo o baremo sinalado; de tódolos xeitos a puntuación total por este epígrafe non superará os 1,5 puntos.

2. Coñecementos de galego.

2.1. Curso de iniciación de galego, 0,25 puntos.

2.2. Curso de perfeccionamento, 0,25 puntos.

Acreditarase mediante copia compulsada do correspondente título. A presentación do curso de perfeccionamento levará aparellada tamén a obtención da puntuación prevista para o curso de iniciación.

Ós aspirantes que non teñan título e declaren a súa instancia o coñecemento do idoma galego, faráselles unha proba que terá unha puntuación máxima de 0,50 puntos, sempre que así o soliciten na instancia.

3. Situación de desemprego.

Valorarase con 0,25 puntos os aspirantes que se atopen en situación de desemprego, acreditado pola documentación correspondente da entidade oficial empregadora.

As puntuacións obtidas na fase de concurso non poderán supera-lo 25% da puntuación final, publicándose no taboleiro de edictos dos concellos integrantes da MIBM, con anterioridade á celebración do primeiro exercicio da oposición, así mesmo non terán carácter eliminatorio nin contarán para supera-las probas da fase de oposición.

A oposición constará dunha soa proba práctica de conducción de vehículos.

A proba será eliminatoria, cunha puntuación de cero a dez puntos. A puntuación obterase pola suma dos puntos outorgados polos membros do tribunal que, pola súa vez, puntuarán individualmente da mesma forma que para a proba, dividida polo número de membros.

Para estes efectos faise constar que o secretario do tribunal non terá dereito a puntuar, eliminándose os aspirantes que non alcanzaran na proba cinco puntos.

As cualificacións da proba faranse públicas o mesmo día en que se concedan no taboleiro de edictos dos concellos integrantes da MIBM.

A puntuación final será a suma das obtidas nas fases de concurso e oposición.

O tribunal publicará no taboleiro de edictos dos concellos integrantes da MIBM un anuncio no que se fará consta-la relación de aspirantes que se presentaron ó concurso e superaron a proba eliminatoria por orde de puntuación final, sinalando seguidamente os aprobados,

que serán os que encabecen a relación sinalada e que non poderán ser máis que postos de traballo vacantes existentes, os cales se proporán ó presidente para a súa contratación laboral indefinida. Calquera proposta que non se axuste ó sinalado nesta base será nula de pleno dereito.

Séptima.-Os aspirantes propostos presentarán na secretaría da MIBM, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da proposta, no taboleiro de edictos dos concellos integrantes da MIBM, os documentos acreditativos das condicións que para tomar parte no concurso-oposición se esixen na base 2ª. Quen dentro do prazo sinalado, agás os casos de forza maior, non presentara a documentación necesaria, decaerá nos seus dereitos, sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer por falsidade na instancia.

Presentada a documentación, e no prazo máximo dun mes formalizaranse os contratos laborais fixos correspondientes.

A Guarda, 1 de marzo de 1999.

Purificación Álvarez Álvarez

Presidenta da Mancomunidade Intermunicipal

do Baixo Miño