Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 05 de abril de 1999 Páx. 3.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de marzo de 1999 pola que se declara a alienabilidade do inmoble denominado As Triguerizas, situado na rúa Alameda, 1, termo municipal de Celanova (Ourense).

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 2411/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de servicios e asistencia social, ten a titularidade do terreo situado na rúa Alameda, 1, termo municipal de Celanova (Ourense).

O Concello de Celanova solicitou á Consellería de Economía e Facenda a cesión do dito inmoble, co fin de dedicalo, entre outras actuacións, á construcción dun ximnasio-pavillón con pista polideportiva.

Mediante Decreto 372/1998, do 18 de decembro (DOG nº 4, do 8 de xaneiro de 1999), desafectouse do domicilio público o antedito inmoble, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Co obxecto de posibilita-la cesión do dito inmoble, requírese a previa declaración da súa alienabilidade, segundo o disposto nos artigos 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da antedita lei.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alienabilidade do predio situado na rúa Alameda, 1, termo municipal de Celanova (Ourense), que se describe como segue:

Soar coñecido como As Triguerizas, no lugar denominado Cercado, dunha superficie dunha hectárea, dez áreas e cincuenta centiáreas, que linda ó norte, rúa Celso Emilio Ferreiro; ó sur, campo da Feira de Celanova; ó leste, Avda. de San rosendo; e ó oeste, convento e horta parroquial.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Celanova, no libro 83 de Celanova, folio 192, predio número 8.371, inscrición 3ª.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1999.

P.D. (Orde 13-12-1993)

Emilio Álvarez Rey

Secretario xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda