Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 05 de abril de 1999 Páx. 3.701

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión.

A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental e unha das bases esenciais da convivencia democrática, valores que os poderes públicos deben garantir, non só removendo os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude, senón promovendo a participación de tódolos cidadáns na vida política, económica e social.

Tales obxectivos son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes que cheguen, na súa virtualidade de información e incidencia na conformación de opinións e posturas, a tódolos galegos.

Por tales razóns, faise preciso que o Goberno galego poña os adecuados instrumentos de financiamento ó servicio da potenciación e difusión dos medios de comunicación que, ademais de responderen ás devanditas premisas e de acordo cos artigos 1, 5, 27.19-20 e concordantes do Estatuto de autonomía, defendan a identidade de Galicia e o seus intereses, a súa lingua , a súa cultura e, en xeral, a galeguidade entendida como vínculo histórico dos galegos de dentro e de fóra de Galicia. Singular atención deben concitar, ademais, os medios que cumpran os devanditos obxectivos entre as comunidades galegas asentadas no exterior, por se constituíren precisamente en instrumento ó servicio do dereito daquelas, reflectido no artigo 7 do sstatuto, e colaboraren na vida social e cultural do pobo galego e compartírena.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécense axudas económicas ás empresas xornalísticas domiciliadas en Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda, segundo a forma empresarial que adopten, entendéndose como tales as que teñan por obxecto da súa actividade, entre outros, a edición e distribución de publicacións xornalísticas diarias, cun mesmo título e numeración sucesiva, así como as empresas radiofónicas privadas de ámbito galego.

Artigo 2º

As axudas teñen por finalidade alenta-la defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses, a promoción dos seus valores, a normalización da súa lingua e o afondamento e difusión da súa cultura.

Artigo 3º

Poderán solicitar estas axudas as empresas xornalísticas ou radiofónicas a que alude o artigo 1º, que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións encamiñadas á consecucións dos fins establecidos no artigo 2º.

Artigo 4º

Os criterios de valoración na concesión das axudas basearanse no uso da lingua galega, na tiraxe de exemplares, no número de lectores ou oíntes, nos espacios destinados ó cumprimento das demais finalidades sinaladas no artigo 2º e en cantos outros parámetros determine a orde de convocatoria, acordes cos obxectivos expresados nel.

Artigo 5º

1. A contía global das axudas será determinada anualmente, dentro dos límites das consignacións orzamentarias, pola Consellería da Presidencia e Administración Pública, na correspondente orde convocatoria.

2. A devandita orde tamén determinará a composición da comisión de estudio das solicitudes que se presenten; nela estará tamén representada a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión elevaralle ó conselleiro a correspondente proposta de resolución.

Artigo 6º

As empresas xornalísticas ou radiofónicas sinaladas no artigo 1º deste decreto que cumpran as finalidades enumeradas no artigo 2º, poderán recibir axudas adicionais nos termos que se establezan no convenio anual que con elas outorgue a Consellería da Presidencia e Administración Pública a través da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 417/1990, do 31 de xullo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión así como a publicidade institucional, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan o disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para o desenvolvemento e a execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública