Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 30 de marzo de 1999 Páx. 3.622

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 15 de marzo de 1999 polo que se convoca unha bolsa para a realización de prácticas especializadas na oficina da Fundación Galicia-Europa en Santiago de Compostela.

Ó longo dos seus anos de traballo, a Fundación Galicia-Europa coadxuvou á mellora da formación de xoves titulados universitarios, caracterizados pola súa excelencia académica e interese por afondar no estudo das diferentes facetas da integración europea. Proba do atinado dos seus programas de bolsas é a elevada porcentaxe deles que xa se atopan satisfactoriamente inseridos no mercado laboral. Non obstante, certo número de bolseiros aínda non puido poñer en práctica os coñecementos adquiridos, observándose por outro lado a demanda de incipientes profesionais volcados cara ó mundo da empresa na súa cada día máis estreita relación coa normativa comunitaria.

Nesa liña, a fundación ten constatada a necesidade de afondar na realización de prácticas especializadas no dereito empresarial europeo, e singularmente no eido do dereito da competencia. Tratándose así dunha iniciativa novedosa e considerando as limitacións orzamentarias da entidade, a prudencia aconsella limita-la oferta a unha única bolsa, sen desbotar nun futuro o seu incremento se a avaliación da experiencia fose positiva. En consecuencia convócase unha bolsa para a realización de prácticas especializadas na oficina da fundación en Santiago de Compostela, consonte as seguintes especifidades:

1. Requisitos dos peticionarios:

Os peticionarios deberán ter desfrutado dun período básico de formación en cuestións europeas superior a seis meses na Fundación Galicia-Europa ou co seu patrocinio, que se acreditará mediante copia do documento de acollida ou selección previas. Así mesmo, deberán carecer de experiencia laboral superior a seis meses vencellada á aplicación dos seus coñecementos naquelas cuestións, segundo conste en declaración xurada do peticionario, sen prexuízo de ulterior verificación coa Administración tributaria ou da Seguridade Social.

2. Presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse mediante escrito asinado polo peticionario, indicando lugar e data, dirixido ó director da Fundación Galicia-Europa, adxuntando unha fotografía recente e maila docu

mentación explicitada no número 1, no que figuren cando menos os seguintes datos:

a) Nome e apelidos.

b) Enderezo completo.

c) Teléfono de contacto.

Así mesmo, xuntarase copia actualizada do currículum vitae do peticionario e dos traballos académicos realizados no eido do dereito comunitario da competencia ou memoria das actividades desenvolvidas ó respecto, xunto cun resumo non superior a cinco folios mecanografados a dobre espacio dos estudios aplicados de interese galego que pensa realizar nese eido no caso de resultar beneficiario da bolsa.

As devanditas solicitudes poderán presentarse en man na oficina da fundación en Santiago de Compostela (rúa dos Feáns, 5, baixo, C.P. 15706) ou remitilas a esta por correo certificado urxente con acuse de recibo ata o vindeiro día 9 de abril de 1999.

3. Procedemento de selección:

Dentro dos dez días naturais seguintes ó peche do prazo de presentación de solicitudes unha comisión colexiada de expertos en asuntos comunitarios examinará a documentación e avaliará as solicitudes, priorizándoas en función do grao de formación previa acreditada en materia de dereito da competencia, calidade técnica dos traballos académicos achegados e interese práctico dos propostos que se queren realizar. Igualmente, valorarase o tempo previo de formación na fundación e o conxunto do currículum achegado. A comisión seleccionadora ordenará de xeito prelativo a relación de peticionarios que cumpra os requisitos mínimos esixidos, trasladándolle a súa proposta ó director da fundación. Este tomará razón da proposta e reclamará do primeiro seleccionado por orde de puntuación a aceptación da bolsa. Se a rexeitase ou non manifestase a súa aceptación no prazo de cinco días naturais repetirase a oferta cos sucesivos solicitantes segundo a orde preestablecida.

4. Duración das prácticas:

As prácticas entenderanse do 1 de maio ata o 30 de outubro de 1999.

5. Condicións da bolsa:

A bolsa consistirá no aboamento de seis mensualidades a razón de oitocentos corenta e un euros e corenta e dous cent. (cento corenta mil pesetas) mensuais brutos, debendo o seleccionado acredita-la cobertura das continxencias médico-sanitarias durante o período de desfrute da bolsa. Eventualmente, se o seleccionado non puidese concluír nese período o seu programa de formación e houbese remanente orzamentario nese capítulo, a bolsa podería ser obxecto de prórroga.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1999.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa