Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 29 de marzo de 1999 Páx. 3.533

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Limpiezas Domiciliarias Lucenses, S.L. para o Centro Rehabilitador San Rafael en Castro de Ribeiras de Lea.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Limpiezas Domiciliarias Lucenses, S.L. para el Centro Rehabilitador San Rafael en Castro de Ribeiras de Lea, (código 2700730), da provincia de Lugo, asinado o día 18 de xaneiro de 1999, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexitro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 27 de xaneiro de 1999.

José María Fernández Olea

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal de limpeza do Centro Rehabilitador San Rafael de Castro de Ribeiras de Lea 1999

Capítulo I

Ámbito de aplicación e duración

Artigo 1º.-Ámbito territorial e persoal.

As estipulacións deste convenio colectivo teñen carácter de mínimas e son de aplicación a todo o

persoal de limpeza que presta servicios no Centro Rehabilitador San Rafael, de Castro de Ribeiras de Lea.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia do presente convenio iníciase o 1 de xaneiro de 1999 e termina no 31 de decembro de 1999. Chegado o final da vixencia, considerarase prorrogado tacitamente de ano en ano se non media denuncia dalgunha das partes, que terá que se formular cunha anticipación de catro meses, como mínimo, respecto da data de expiración do prazo de vixencia do convenio ou de calquera das súas prórrogas.

Non obstante, a denuncia do convenio non significa modificación ningunha na aplicación do seu texto articulado, que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan.

Capítulo II

Xornada, vacacións, horas extraordinarias

e licencias

Artigo 3º.-Xornada laboral.

A xornada laboral establécese alternativamente nunha semana de 39.30 horas e a seguinte de 33.30 horas efectivas de traballo, que se cumprirá conforme a seguinte distribución horaria:

Con criterio alternativo, establécese que a prestación laboral será:

a) De luns a sábado

b) De luns a venres, librando o sábado con diminución horaria de seis horas de traballo.

c) A xornada realizarase de mañá e de tarde, en quendas rotatorias entre tódolos membros do cadro de persoal.

O traballo en domingos e festivos dará dereito á percepción da gratificación estipulada, así como compensación en descanso á semana seguinte. Os días 24 e 31 de decembro consideraranse con carácter xeral como xornada non laborable.

Non obstante, nos casos en que sexa necesario, por así demandalo a empresa ou organismo arrendatario dos servicios de limpeza, o persoal que presta servicios neste centro de traballo estará obrigado a realizar un servicio mínimo nas seguintes condicións:

A xornada de traballo verase reducida na metade do tempo da que se realiza habitualmente, terminando os traballos antes das 18 horas. Nestes casos a empresa e a representación dos traballadores negociarán a forma de compensar, ben economicamente ben por medio da gratificación de traballo en domingos e festivos prevista no artigo 15 bis deste convenio, ben mediante descansos, a reducción antes aludida. Tal compensación negociarase igualmente para aquelas persoas que pola natureza do traballo que desenvolven realicen as súas funcións en quendas rotatorias, persoas que se exceptúan das reduccións horarias previstas neste artigo.

Artigo 4º.-Descansos.

Todo traballador que en cómputo semanal realice 35 horas de traballo efectivo terá dereito a 30 minutos

de descanso, computable para tódolos efectos como tempo de traballo.

O mencionado descanso desfrutarase do seguinte xeito:

a) Persoal en quenda de mañá: entre as 11 horas e as 11.30 horas

b) Persoal en quenda de tarde: entre as 18 horas e as 18.30 horas

c) Persoal con xornada que non coincida coas quendas sinaladas anteriormente: nos trinta minutos seguintes á metade da xornada.

d) Persoal en xornada de mañá e tarde: nos 30 minutos seguintes á metade do horario da mañá.

Artigo 5º.-Vacacións.

O período de vacacións será de 30 días e serán desfrutadas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, salvo petición concreta dos traballadores interesados noutra data.

O persoal de novo ingreso ou que non teña dereito a vacacións completas terá dereito a desfrutar no citado ano dun número de días proporcional ó tempo de servicio.

O persoal deberá concretar durante o mes de marzo a petición de vacacións para que, unha vez planificadas as necesidades da empresa e oída a representación sindical, se faga pública no taboleiro de anuncios antes do 1 de maio a relación definitiva das quendas. Os traballadores poderán establecer quendas rotativas para anos sucesivos.

En calquera caso, e con independencia do sistema establecido, cabe a posibilidade de permuta de datas de desfrute entre os traballadores, sempre que non haxa problemas de tipo organizativo.

Durante o período vacacional non se percibirá o sobresoldo de transporte nin o de asistencia.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

Só se realizarán por forza maior ou as estructurais, entendendo como tales, ademais das previstas no decreto regulador, as necesidades por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, baixas de enfermidade ou accidente que no motiven substitución superior a 15 días, por permisos retribuídos e por tempo debido a desprazamentos.

Artigo 7º.-Licencias retribuídas.

As establecidas na ordenanza laboral do sector e Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei do Estatuto dos traballadores.

En todo caso, o traballador, avisando con suficiente anticipación e posterior xustificación, terá dereito ós seguintes permisos retribuídos:

a) 18 días naturais por casamento

b) 2 días naturais por cambio de domicilio

c) 3 días por falecemento, enfermidade grave ou intervención cirúrxica de parente por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao. Se o feito ocorrese noutra provincia, o permiso ampliarase a 2 días máis.

d) Polo tempo necesario ata un máximo de 16 horas anuais para asistir a consulta médica; estas ausencias pódense fraccionar.

e) Polo tempo necesario para o cumprimento de deberes públicos.

f) 5 días retribuídos para asuntos propios.

Capítulo III

Mellora das condicións de traballo

Artigo 8º.-Situacións particulares.

Durante o embarazo, a muller traballadora terá dereito a que se lle asigne un posto de traballo que esixa menos esforzo físico que o que viña realizando habitualmente, se for posible e o dito posto existir.

Artigo 9º.-Recoñecementos médicos.

A empresa velará pola práctica de recoñecementos médicos iniciais e periódicos, conforme o establecido polas disposicións vixentes.

Pola súa parte, os traballadores estarán obrigados a se someteren a cantos recoñecementos médicos dispoña a empresa a cargo dela, tanto en situación activa como en situación de I.T. ou análoga.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e efectuaranse, sempre que for posible, dentro da xornada laboral do traballador e facendo entrega a este do resultado do recoñecemento.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará ós traballadores a roupa e material de traballo necesarios, en cada caso, para o desenvolvemento das funcións que teñan asignadas, sendo obrigatorio o cumprimento da entrega anual de dous uniformes. Así mesmo, entregaranse luvas, calzado e roupa de auga sempre que for preciso.

Capítulo IV

Adscrición do persoal

Artigo 11º.-Subrogación do persoal.

Ó final da contrata de limpeza, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos traballadores, calquera que for a situación na que se encontren e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles que fosen incorporados nos últimos catro meses, se a dita incorporación non se debe á ampliación da contrata ou unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de tres días hábiles a empresa saínte deberá facilitar á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social

-Fotocopia das cinco últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos cinco últimos meses

-Relación de persoal na que se especifique o nome, os apelidos, o domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade de contratación e data do desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará, así mesmo, obrigado a liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retribuídos dos traballadores con obxecto de estes poderen desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza a subrogación neste por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador, sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servicio o suspenda por un período inferior a dous meses.

Artigo 12º.-Salario.

Durante o ano 1999 os traballadores afectados por este convenio percibirán os salarios establecidos na táboa anexa, que reflicte un incremento global do 4%.

Artigo 13º.-Gratificación de asistencia.

Os traballadores afectados por este convenio percibirán durante o ano 1999 a cantidade de 240 pesetas diarias de traballo efectivo.

Artigo 14º.-Plus de transporte.

Os traballadores afectados por este convenio percibirán durante o ano 1999 a cantidade de 250 pesetas por día efectivo de traballo, con independencia dos medios de transporte ou distancia que, en cada caso, existan entre o centro de traballo e o domicilio respectivo.

Artigo 15º.-Gratificación por traballo penoso e perigoso.

Aboarase a cantidade resultante de aplica-lo 20% ó salario base de cada categoría profesional.

Artigo 15º bis.-Gratificación de traballo en domingos e festivos.

Os traballadores percibirán 1.800 pesetas como compensación por cada domingo ou festivo traballado, no que realicen xornada laboral, con independencia das demais retribucións que segundo o presente convenio lles puidese corresponder.

Artigo 16º.-Gratificación de nocturnidade.

O incremento por traballo nocturno consistirá nun 25% do salario base, regulándose polas normas contidas na ordenanza laboral do sector e lexislación xeral.

Artigo 17º.-Antigüidade.

Establécese un complemento persoal de antigüidade por cada período de tres anos de servicios prestados na empresa.

O importe de cada trienio será para cada traballador dunha contía igual ó 4% do salario base.

Artigo 18º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores terán dereito a dúas pagas extraordinarias, que serán percibidas o día laboral anterior ó 25 de xullo e 22 de decembro respectivamente. Estas pagas serán percibidas na contía de 30 días do salario base máis antigüidade.

Como norma xeral, o devengo das gratificacións extraordinarias previstas neste artigo, así como a prevista no artigo seguinte será anual. Sen embargo, aquelas que veñan empregando o devengo semestral terán que especificar nas nóminas relativas as gratificacións extraordinarias ó emprego de tal devengo.

Artigo 19º.-Paga de beneficios.

A paga de beneficios será de 30 días. Será percibida durante o primeiro trimestre do ano, de acordo co salario base, máis antigüidade vixente o 31 de decembro do ano anterior.

O tempo en que o traballador permaneza en situación de IT terase en conta como tempo de traballo efectivo para o devengo da paga de beneficios.

Artigo 20º.-Anticipos.

Os traballadores afectados por este convenio poderán solicitar anticipos á conta do seu salario cunha anticipación mínima de 48 horas á data do pagamento; a este respecto, a data fica establecida nos días 15 de cada mes.

Artigo 21º.-Pagamento da nómina.

A empresa deberá aboar dentro dos 6 primeiros días de cada mes os salarios devengados no mes anterior. Se o día de pagamento for inhábil, adiantarase para o día hábil inmediatamente anterior.

Artigo 22º.-Vinculación á totalidade.

O presente convenio constitúe un todo orgánico e indivisible, polo que os acordos contados nel teñen validez considerados conxuntamente. Se algunha das partes for declarada sen efecto pola xurisdicción competente, deberá reconsiderarse o seu conxunto globalmente.

Artigo 23º.-Incapacidade temporal.

Considéranse dous supostos:

a) No caso de hospitalización correspondente, percibirá o 100% do salario de convenio máis antigüidade, en canto dure esta.

Así mesmo, no caso de intervención cirúrxica con hospitalización mínima de 48 horas, o/a traballador/a percibirá no período de convalecencia cunha duración máxima de 120 días naturais un complemento de ata o 100% do salario de convenio máis antigüidade.

b) O traballador que cause baixa por accidente laboral acaecido no centro de traballo percibirá o 100% do salario do convenio máis antigüidade, desde o primeiro día de baixa e en canto dure esta. Se o accidente laboral se producise fóra do lugar de traballo, a empresa completará o dito salario a partir do décimo día da baixa.

Capítulo VI

Acción social

Artigo 24º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores que se xubilen voluntariamente antes de alcanzaren a idade regulamentaria percibirán as seguintes cantidades segundo a idade:

-Ós 60 anos: 225.000 ptas.

-Ós 61 anos: 200.000 ptas.

-Ós 62 anos: 175.000 ptas.

-Ós 63 anos: 150.000 ptas.

-Ós 64 anos: 75.000 ptas.

As cantidades mencionadas establécense para aquelas persoas contratadas a xornada completa. Nos contratos a tempo parcial serán percibidas proporcionalmente ó tempo contratado.

Capítulo VII

Acción sindical

Artigo 26º.-Dereitos sindicais.

Aplicarase o disposto no vixente Estatuto dos traballadores e na Lei de liberdade sindical.

O delegado de persoal gozará como mínimo de 15 horas sindicais ó mes retribuídas para tódolos efectos, das cales quedan excluídas as empregadas para a asistencia á negociación colectiva.

Artigo 27º.-Póliza de accidentes.

A empresa contratará unha póliza de seguros individual ou colectivo para os traballadores que cubra os casos de:

-Morte ou invalidez total: 2.750.000 ptas.

-Invalidez absoluta ou gran invalidez: 3.000.000 de ptas.

Disposicións derradeiras

Primeira. Comisión mixta paritaria.

As partes que asinan este convenio constituirán unha comisión paritaria que terá as funcións de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia de canto se estipula no presente convenio, composta por un representante da empresa e un en representación do sindicato que asina este convenio. As partes poderán levar ás reunións asesores con voz e sen voto. As discrepancias que se presenten serán sometidas á xurisdicción laboral.

Segunda.-Normas subsidiarias.

Para o non previsto no presente convenio, aplicarase o que dispón o convenio provincial de limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo, Estatuto dos traballadores de demais disposicións legais vixentes.

Terceira.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que a título persoal puidese ter calquera outra persoa afectada polo convenio.

Cuarta.-Comisión negociadora.

As partes asinantes comprométense a inicia-la negociación do novo convenio dentro do último cuadrimestre de vixencia do presente con anticipación suficiente de cara á elaboración dos orzamentos económicos do seguinte exercicio.

ANEXO

CategoríaS. base/mes/D.S. base anualP. extra

Ben. Xull. Nadal

Plus P. e P.Plus transportePlus Asist.Total Devenga.

Enc./94.6741.136.097284.024227.21968.50065.7601.876.274

Limp.2.713990.620244.182198.50068.50065.7601.569.834

Plus transporte día 250 ptas.

Plus asistencia día 240 ptas.