Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 24 de marzo de 1999 Páx. 3.325

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 372/1999, do 5 de marzo, sobre traspaso complementario ó aprobado polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, á Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución española establece no seu artigo 149.1.5ª que o Estatuto ten competencia exclusiva en materia de Administración de xustiza.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1º que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ó Goberno do Estado.

Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

A comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia adoptou, na súa sesión do Pleno celebrado o día 16 de febreiro de 1999, un acordo polo que se concreta a contía correspondente a 1999, que se transfire á Comunidade Autónoma de Galicia, destinada ó investimento en infraestructuras de edificios, sedes de órganos xudiciais. A virtualidade práctica do referido acordo esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día cinco de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, sobre a determinación da contía correspondente a 1999, destinada ó investimento en infraestructuras de edificios, sedes de órganos xudiciais, adoptado polo Pleno da dita comisión, na súa reunión do día 16 de febreiro de 1999, que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

A oficina orzamentaria do Ministerio de Xustiza realizará as operacións requiridas para a posta á disposición da Comunidade Autónoma de Galicia das contías aprobadas, de conformidade coa relación anexa ó acordo, e terá efectividade a partir do día sinalado nel.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia o día seguinte ó da súa publicación.

Dado en Madrid o cinco de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Ángel Acebes Paniagua

Ministro de Administracións Públicas

Juan Carlos R.

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia.

CERTIFICAN

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta de Transferencias, celebrada o día 16 de febreiro de 1999, se adoptou acordo de traspaso complementario ó aprobado polo Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, nos termos que a seguir se expresan:

A) Normas constucionais e estatutarias en que se ampara o traspaso.

De conformidade co artigo 149.1.5ª da Constitución, o Estado ten competencia exclusiva en materia de Administración de xustiza.

Segundo o artigo 20.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, en relación á Administración de xustiza, correspóndelle á Comunidade Autónoma exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou atribúan ó Goberno do Estado.

Así mesmo, o artigo 24.2º do referido Estatuto de autonomía para Galicia establece que lle corresponde integramente ó Estado, de conformidade coas leis xerais, a organización e o funcionamento do Ministerio Fiscal.

Polo Real decreto 2166/1994, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

Procede agora, para facer efectivas as previsións contidas no acordo complementario ó acordo aprobado polo referido real decreto, concreta-las contías correspondentes a 1999 que se tranfiren á Comunidade Autónoma de Galicia, destinadas ó investimento en infraestructuras de edificios, sedes de órganos xudiciais.

B) Valoración das cargas financeiras.

A Administración do Estado transferiralle á Comunidade Autónoma de Galicia, para gastos de investimento en infraestructuras de edificios, sedes de órganos xudiciais, por unha soa vez e sen se integrar no custo efectivo dos servicios traspasados, a cantidade que se identifica no anexo a este acordo, con cargo ós créditos orzamentarios situados no Ministerio de Xustiza.

C) Data de efectividade.

O presente acordo terá efectividade a partir do día 1 de abril de 1999.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid o 16 de febreiro de 1999. Os secretarios da Comisión Mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Martín.

ANEXO

Identificación das cantidades que se van traspasar á Comunidade Autónoma de Galicia no ano 1999

ServicioProgramaCapítuloPesetas 1999

1302142 AVI300.816.750