Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 22 de marzo de 1999 Páx. 3.248

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 1999, do Servicio Provincial de Estradas de Pontevedra, pola que se sinalan as datas para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens afectados polas obras do proxecto de construcción da estrada PO-300, Pontevedra-Cambados, p.k. 12+000, clave E/SC/PO/97.1, concellos de Ribadumia e Meis.

O artigo 28 do vexente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu apartado 2º a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

As obras indicadas no encabezamento da presente resolución, atópanse incluídas no programa de obras a realizar con cargo ó programa 413-B: Construcción, Conservación e Explotación de Estradas.

Por resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda de data 12 de xuño de 1997, aprobouse o correspondente proxecto de trazado.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 5 de febreiro de 1999, acordou declara-la utilidade pública das mencionadas obras, e así mesmo, urxente a ocupación dos bens afectados por estas, para os efectos do establecido no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 55 e seguintes do Regulamento para a súa aplicación, este servicio en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convoca-los titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello que a continuación se cita, para que comparezan nos lugares, datas e horas que se detallan, para proceder ó levantamento das actas previas á ocupación, nas que se recollerán os datos necesarios para determina-los dereitos afectados, o valor destes, e os prexuízos dimanantes da rápida ocupación, sen prexuízos de se trasladaren ó lugar dos predios se o consideran necesario.

Lugar: casa do concello de Ribadumia.

Día 6 de abril de 1999 de 9 ás 11 horas: do predio nº 0027 ó último predio; lugar: concello de Meis.

Día 6 de abril de 1999 de 12 ás 14 horas: do predio nº 0001 ó úlitmo predio.

Ó dito acto deberán acudi-los titulares afectados, persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, podendo facerse acompañar, poal súa conta, e se o estiman oportuno, dos seus perito e notario.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución ou ata o momento do levatamento da acta previa á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servicio Provincial de Estradas da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Said Armesto nº 1, as alegacións que estimen pertinentes, co obxecto de emendar en posibles erros padecidos ó relaciona-los bens afectados pola urxente ocupación.

Pontevedra, 10 de marzo de 1999.

Enrique Prado Landrove

Xefe do Servicio Pronvincial de Estradas

de Pontevedra