Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 22 de marzo de 1999 Páx. 3.202

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 16 de marzo de 1999 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios do persoal ó servicio de empresas concesionarias do servicio de ambulancias adscritas á Asociación Nacional de Empresarios de Ambulancias (ANEA), durante a folga convocada para os días 22, 23, 24, 25, 26 e 27 de marzo de 1999.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20 de xuño de 1998), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria, así como dos seus corolarios, non se poden ver afectados gravemente polo lexítimo dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde, e perante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividades necesarias para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta ó persoal dependente das empresas integradas na citada asociación, concesionarias do servicio de ambulancias, que prestan os seus servicios ó Sergas en todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a efecto os días 22, 23, 24, 25, 26 e 27 de marzo de 1999; cumprido o preceptivo trámite de convocatoria de audiencia ó comité de folga e recepción das ale

gacións formuladas polo seu representante, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta o persoal dependente de empresas concesionarias do servicio de ambulancias adscritas á Asociación Nacional de Empresarios de Ambulancias (ANEA), que se levará a cabo os días 22, 23, 24, 25, 26 e 27 de marzo de 1999, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial respecto ós servicios de ambulancias e evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios do servicio de ambulancias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Entrando na análise dos criterios da determinación dos servicios mínimos, pódese sinalar que para a fixación destes se tivo en conta a necesidade de manter unha porcentaxe da actividade imprescindible e como tal irreductible, para cubri-las necesidades asistenciais da poboación en canto ó servicio de ambulancia.

E para garantir tal actividade de aseguramento da prestación asistencial do servicio, requírese unha fixación de servicios esenciais cunha cobertura do 100% respecto á atención urxente.

No que concierne á atención ordinaria procede manter, en certos casos, o 100% de cobertura, na procura de concilia-lo dereito de folga coa prestación do servicio ós cidadáns.

As porcentaxes referidas enténdense respecto ós efectivos de cada unha das empresas afectadas.

Entenderase, en todo caso, como atención urxente, a demandada como tal en calquera circunstancia por institucións sanitarias. Entenderase como atención ordinaria os servicios programados de carácter non urxente, específicamente: altas, tratamentos e traslados intercentros.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección das empresas integradas na citada asociación, concesionarias do servicio de ambulancias; procederase á súa publicación nos taboleiros de anuncios dos centros correspondentes.

Artigo 3º

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do

Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977)

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Consellería de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Servicios mínimos en transporte sanitario

-Urxente:

100% dos servicios.

-Non urxente:

100% dos seguintes servicios, cando o paciente necesite ser trasladado en padiola ou con soporte terapéutico:

Transporte para diálise.

Transporte para tratamentos oncolóxicos.

Transporte para controis hematolóxicos.

Transporte para altas hospitalarias.

Transporte para rehabilitación.

Transporte para consultas.

100% dos servicios de transporte para traslados intercentros en calquera situación do paciente.

Non se precisan servicios mínimos en transporte para extracción periférica de mostras.