Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 17 de marzo de 1999 Páx. 3.088

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de febreiro de 1999 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitarios.

A institucionalización pola Real Academia Galega, a partir de 1963, do Día das Letras Galegas o 17 de maio, foi sen dúbida un acontecemento que ano tras ano colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que en toda a Comunidade Autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, ó mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida para a celebración desta efeméride a publicación no ano 1863 de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

O Goberno galego declara o ano 1999 como ano do insigne periodista e escritor galego Roberto Blanco Torres, personalidade que contribuíu cos seus artigos xornalísticos e a súa poesía a acada-lo maior esplendor da literatura galega.

Os galegos de todo o mundo debémoslle recoñecemento a esta personalidade da nosa cultura e das nosas letras, polo que debemos contribuír non só a dar a coñecer na nosa terra a figura deste galego insigne, e a súa obra, senón tamén a anima-los galegos a segui-lo seu exemplo de traballar a prol do seu país e da dignificación da nosa lingua e cultura e polo tanto, da nosa identidade.

Por iso, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes da Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo co proxecto que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades escolares que considere oportunas para un mellor coñecemento do persoeiro ó que se lle adica esta data.

Terceiro.-En calquera caso, cando menos, dedicarase en cada un dos grupos de cada curso unha hora ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ó escritor e xornalista homenaxeado este ano: Roberto Blanco Torres.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria