Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 16 de marzo de 1999 Páx. 3.030

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 11 de decembro de 1998 pola que se autoriza a ampliación dos tubos de toma de auga de mar para o servicio da granxa mariña sita no Pindo-Quilmas, termo municipal de Carnota (A Coruña), da que é titular Martesanal, S.L.

Vista a solicitude e o proxecto presentados por Pablo García Rodríguez, en representación de Martesanal S.L. con CIF B-36.764.041, para amplia-la granxa mariña dedicada ó engorde de rodaballo, localizada no Pindo-Quilmas, Carnota (A Coruña), da que é titular a citada empresa.

Examinado o proxecto de ampliación, elaborado polo enxeñeiro de camiños Ángel Delgado Cid en xaneiro de 1998, e demais documentación achegada.

Visto que a Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente) o 24-8-1998, outorgoulle a concesión administrativa para a ampliación de 733 m de ocupación de terreos públicos, que sumado ós 735 m que tiña autorizado, fan un total de ocupación de 1.468 m.

Esta consellería, de acordo coa lexislación vixente, á vista dos informes obtidos, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños, tralo informe favorable do Servicio Técnico-Xurídico

RESOLVE:

Outorgarlle a Martesanal, S.L. con CIF B-36.764.041, autorización para a ampliación dos tubos de toma de auga de mar para o servicio da granxa mariña sita no Pindo-Quilmas, Carnota (A Coruña) outorgada por Orde do 21-9-1989 (DOG nº 233) con fin de vixencia o 5-12-1999.

Baixo as seguintes condicións:

Primeira.-As obras, que poderán dar comezo no momento que se dispoña de tódalas autorizacións dos organismos competentes na materia, realizaranse no prazo máximo de 2 (dous) anos, contados a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Do remate destas darase conta á Delegación Territorial desta consellería na Coruña, para a súa inspección e elaboración do correspondente informe.

Segunda.-As condicións da ocupación de dominio público serán as establecidas na orde ministerial do 24-8-1998. Ó establecemento seralle de aplicación o disposto na orde inicial de outorgamento e disposicións legais concordantes.

Terceira.-O outorgamento desta autorización non exime o titular da obtencións das licencias ou outras autorizacións legalmente procedentes, esixibles por outros organismos en función das súas competencias.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo na forma e prazos previstos no artigo 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa do 27 de decembro de 1956.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura