Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 15 de marzo de 1999 Páx. 2.974

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. de Queirugás, no concello de Verín. (Expediente IN407A 98/109-3 A.T.).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Sáenz Díez nº 45, 32003 Ourense, solicitou desta delegación provincial a autorización administrativa e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados no capítulo III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 10/1996, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria 1ª da indicada Lei 54/1997.

Na fase de información pública presentou alegacións o titular do predio nº 21 da relación de afectados que manifesta a súa oposición ó trazado da liña polo prexuízo económico que aquela lle ocasiona. As ditas alegacións foron desestimadas polas razóns que se lle notifican ó afectado en escrito á parte, e que non se transcriben na presente resolución para evitar repeticións.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que nela non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do citado Decreto 2619/1966.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

1. Autorizar a Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. o establecemento da instalación eléctrica que conta cos seguintes datos básicos para un orzamento de 11.869.859 pesetas:

-L.M.T. aérea a 20 kV, de 2,636 m de lonxitude, en conductor LA-56, con orixe no apoio de formigón nº 27 da L.M.T. Verín-Laza e remate no C.T. proxectado en Queirugás, de tipo intemperie, de 100 kVA de potencia e r/t 20/0,380-0,220 kV; R.B.T. aérea de 1,508 km en conductor R.Z. e apoios de formigón.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios deles e zonas de servidume pública.

3. Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, se dea comezo ó levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique individualmente, dos predios contidos na resolución desta delegación provincial do 20 de maio de 1998, que se publicou do DOG do 10-7-1998, no BOP de Ourense do 15-7-1998 e no xornal diario La Región do 12-6-1998.

Esta resolución non é definitiva en vía administrativa e contra dela poderase interpoñer recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes a contar desde o día da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ourense, 9 de febreiro de 1999.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense