Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 15 de marzo de 1999 Páx. 2.946

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 1999 pola que se outorga un novo prazo para a adaptación de instalacións petrolíferas da Comunidade Autónoma de Galicia á Instrucción MI-IP 03 de instalacións petrolíferas para uso propio.

As instalacións receptoras de productos petrolíferos estiveron reguladas por normativas diversas que, nun casos, se remontan ó ano 1936 e, noutros, ós anos 1968 e 1969; normativas que ordenaban estas instalacións de acordo cos materiais e estado da técnica do momento en que foron dictadas.

Nos últimos anos deseñáronse e construíronse novos productos de diversos materiais para estas instalacións que foron sancionados pola práctica e, á súa vez, foron dictadas varias normas UNE que normalizaban aqueles que, sen embargo, non eran expresamente admitidos polos regulamentos de seguridade, polo que, para a súa utilización, cumpría percorrer a unha interpretación ampla de directivas europeas referidas a estes productos.

As publicacións do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade industrial (DOG nº 129, do 6 de xullo), do Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, que aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas (BOE nº 23, do 27 de xaneiro de 1995), e, especialmente, do Real decreto 1427/1997, de 15 de setembro, que aproba a Instrucción MI-IP 03 de instalacións petrolíferas para uso propio (BOE nº 254, do 23 de outubro de 1997), viñeron a encher esta carencia normativa, adaptando a regulamentación á técnica actual.

Unha vez publicadas as instruccións MI-IP 04 e MI-IP 03, en aplicación destas e debido ás modificacións que aquelas introducían no Decreto 204/1994, estimouse a conveniencia de dicta-la Resolución do 26 de xuño de 1998 (DOG nº 138, do 20 de xullo), pola que se establecen as condicións técnicas de aplicación ás instalacións fixas para distribución polo miúdo de carburantes e combustibles petrolíferos en instalacións de venda ó público e instalacións petrolíferas de uso propio, mediante a que se permitise autoriza-las instalacións reguladas nas referidas instruccións, establecendo un procedemento sinxelo, en concreto para o caso da Instrucción MI-IP 03, que garantise, non obstante, a necesaria seguridade nas instalacións, establecendo un prazo de adaptación.

Tendo en conta o elevado número de instalacións petrolíferas para uso propio existentes nesta Comunidade Autónoma que non se adaptaron á Instrucción MI-IP 03 no prazo sinalado para o efecto no punto quinto da Resolución do 26 de xuño de 1998, e que o devandito prazo resultou palmariamente insuficiente á vista do número de instalacións a adaptar, parece razoable outorgar un novo prazo para a adaptación de tales instalacións.

En consecuencia, e por petición da Asociación Galega de Distribuidores de Gasóleo, no uso da facultade que me confire a disposición derradeira primeira do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, sobre seguridade

industrial, para dicta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento

RESOLVO:

Outorgar un novo prazo para a adaptación de instalacións petrolíferas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia á Instrucción MI-IP 03 de instalacións petrolíferas para uso propio, que remata o día 23 de abril do ano 2000.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio