Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 12 de marzo de 1999 Páx. 2.910

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV subestación Tambre II-subestación Santiago II, nos termos municipais de Noia, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela (A Coruña). (Expediente 98/321).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificación en Avda. de Arteixo, 171, 15008 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 5 de novembro de 1997, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV desde a subestación de Tambre II ata a subestación de Santiago II, discorrendo polos termos municipais de Noia, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela (A Coruña); xuntan o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 52 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, de aplicación ó presente expediente de acordo co disposto na alínea segunda da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña de alta tensión a 220 kV, de 26.721 m de lonxitude (19.450 m ata o entroncamento coa liña Mesón-Santiago II e 7.271 m desde o dito punto á subestación de Santiago II). O trazado da liña é o xa existente, tanto no tramo que se modifica (de 66 kV a 220 kV) como no tramo que se aprobe o segundo circuíto dispoñible da liña Mesón-San

tiago II, modificándose unicamente á saída da subestación de Tambre II. A tensión máis elevada é de 245 kV e a potencia de transporte de 307 MW. Conductores de tipo Condor con 1 conductor por fase e cable de toma de terra tipo OPGN. Apoios metálicos de celosía no primeiro tramo de simple circuíto disposto en triángulo e o segundo tramo de dobre circuíto en hexágono ata a entrada á subestación de Santiago II, onde se utilizarán de triple circuíto.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública, sendo publicado no DOG do 2-10-1998, BOP da Coruña do 2-10-1998, diario El Correo Gallego do 18-9-1998, no taboleiro de anuncios dos concellos de Noia, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na devandita relación.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1) Victoria Esparís Túñez, no seu propio nome e en representación do resto dos herdeiros de Vicente Esparís Suárez, titular do predio nº 346-A, solicita que se proceda ó cambio do apoio nº 62, xa que ademais dos 23 m de expropiación lle produce unha afección de 150 m nos accesos a este, solicitando ademais que se lle pague un prezo xusto.

2) Ramiro Dapena Fernández, titular do predio nº 552-A solicita que se desestime a solicitude de declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto, debido á existencia, segundo o seu parecer, de alternativas ó proxecto que resultarían menos gravosas para el e coas que se conseguiría suprimi-lo apoio nº 75 que afecta o terreo da súa propiedade.

3) Virtudes Bellón Bascuas, en referencia ós predios nº 553-A e 560-A, solicita a modificación da titularidade deste último, asignado por erro a nome de Virtudes Bellón Blanco; así mesmo, solicita a desestimación da solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, xa que o trazado actual non afecta as súas propiedades, e a modificación proposta produciríalle graves prexuízos de tipo agrícola, forestal e urbanístico.

4) Ramón Martínez Vilacoba, titular do predio nº 561-A, solicita a desestimación da solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, xa que o trazado actual no afecta as súas propiedades, e a modificación proposta produciríalle graves prexuízos de tipo agrícola, forestal e urbanístico. Engade que a extensión da afección indicada na resolución é inferior á real.

As alegacións remitíronse á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais solicitadas.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña, comprobándose, mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións previstas no artigo 25 do Decreto 2617/1966.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1) A empresa beneficiaria da expropiación procederá ó cambio de situación do apoio nº 62, sempre que este cambio se realice dentro do mesmo predio, no eixe da liña e se o nivel do terreo o permite. Non se toman en consideración o resto de cuestións referidas ó pagamento das indemnizacións correspondentes, por non se-lo prezo xusto obxecto desta fase do expediente.

2) Non se pode acepta-la alegación formulada por Ramiro Dapena Fernández, xa que as variantes de trazado propostas ou ben exceden notablemente o 10 por 100 de sobrecusto que recolle o artigo 26 do Decreto 2619/1966, ou ben incorrerían en supostos de prohibición de establecemento de servidume de paso ou incrumprirían as distancias esixidas polo Regulamento xeral de estradas.

3) Unión Eléctrica-Fenosa procederá a rectifica-la titularidade do predio 560-A, proseguindo o resto das actuacións con Virtudes Bellón Bascuas. Por outra banda, non se poden acepta-lo resto das súas alegacións, xa que a solicitude de modificación do trazado existente se fundamenta na eliminación da servidume de paso ó centro escolar que existe na

zona, que incorrería nun dos supostos de prohibición expostos no artigo 56 da Lei 40/1994, reiterados no artigo 57 da Lei 54/1997. Con respecto ós posibles prexuízos económicos, non se valoran por non se-lo prezo xusto obxecto desta fase do expediente.

4) A superficie real da afección provocada no predio nº 561-A, propiedade de Ramón Martínez Vilacoba, será verificada o día do levantamento de actas previas polo perito da Administración, data que lle será notificada para que poida estar presente no dito momento e manifesta-lo que considere oportuno. Por outra banda, non se poden acepta-lo resto das súas alegacións, xa que a solicitude de modificación do trazado existente se fundamenta na eliminación da servidume de paso ó centro escolar que existe na zona, que incorrería nun dos supostos de prohibición expostos no artigo 56 da Lei 40/1994, reiterados no artigo 57 da Lei 54/1997. Con respecto ós posibles prexuízos económicos, non se valoran por non se-lo prezo xusto obxecto desta fase do expediente.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV desde a subestación de Tambre II ata a subestación de Santiago II, nos termos municipais de Noia, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela (A Coruña).

Segundo.-Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

En contra desta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria