Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 12 de marzo de 1999 Páx. 2.870

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 54/1999, do 18 de febreiro, polo que se regula o procedemento de revisión das autorizacións marisqueiras en zonas marítima e marítimo-terrestre da Comunidade Autónoma de Galicia.

Á Comunidade Autónoma galega correspóndelle unha acción de protección e tutela das autorizacións das zonas marítima e marítimo-terrestre. Estas competencias foron asumidas pola Xunta de Galicia en virtude do Decreto 169/1982, do 15 de decembro, e no exercicio delas o Parlamento da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobou a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, que na súa disposición transitoria segunda faculta á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para proceder «á revisión das autorizacións nas zonas marítima e marítimo-terrestre» á entrada en vigor da antedita lei.

Polo tanto, faise necesario proceder á revisión en profundidade de tódalas autorizacións marisqueiras de Galicia. Afronta-lo proceso irá acompañado da elaboración do catálogo das autorizacións afectadas, da posta ó día da súa situación administrativa, das condicións nas que se outorgaron, así como da racionalización da explotación dos recursos, de forma que se acade un reparto máis equitativo do espacio entre as entidades do sector, que terá que gardar proporción co número de persoas que se dediquen á explotación.

Isto é un proceso delicado que será levado a cabo de maneira sistemática en toda Galicia, con criterios comúns e de aplicación obxectiva, que adecúe a situación e superficie das autorizacións marisqueiras a unha máis racional explotación dos recursos, e que incida nunha máis clara distribución do dominio público marítimo-terrestre, mantendo o equilibrio co deber de protección dos recursos naturais, recollido no artigo 45 da Constitución española.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de acordo co dictame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo único

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º

1.1. Declárase de interese marisqueiro a revisión das autorizacións marisqueiras nas zonas marítima e marítimo-terrestre da Comunidade Autónoma de Galicia, que se realizará de acordo co procedemento regulado no presente decreto.

1.2. A zona afectada polo procedemento é a marítima e a marítimo-terrestre do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.3. O sometemento ó procedemento de revisión é obrigatorio para tódolos titulares das autorizacións a que se refiren os anteriores apartados.

1.4. O procedemento de revisión comprenderá a totalidade dos títulos administrativos, anteriores á entrada en vigor da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, calquera que sexa a súa denominación, que habilitan para a utilización do dominio público marítimo ou marítimo-terrestre.

Artigo 2º

2.1. O procedemento de revisión dos títulos administrativos mencionados no artigo precedente terá como finalidade adapta-los referidos títulos á denominación e cualificación de autorizacións marisqueiras seguindo os criterios da Lei 6/1993, sempre que se adecúen a tal condición.

2.2. A revisión realizarase en forma sucesiva e graduada, por zonas xeográficas, para todo o litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.3. A delimitación das zonas e o inicio da revisión nelas acordarase mediante resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, así como nas confrarías afectadas e nos xornais de maior difusión na zona, sen prexuízo da notificación individualizada ós que nos rexistros administrativos aparezan como titulares das autorizacións administrativas afectadas polo procedemento de revisión.

Sección segunda

Do catálogo das autorizacións

Artigo 3º

3.1. Publicado o anuncio a que se refire o artigo 2º.3, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura realizará as actuacións precisas para elabora-lo catálogo de autorizacións afectadas.

3.2. O catálogo conterá a seguinte documentación:

a) Plano da zona.

b) Localización sobre plano das autorizacións.

c) Datos de titularidade das autorizacións.

d) Superficie e modificacións, se é o caso.

e) Data de outorgamento.

f) Referencia ó boletín ou diario oficial no que se publicou o outorgamento.

g) Período de outorgamento e prórrogas, se é o caso.

h) Data de caducidade.

i) Especies obxecto da autorización.

Artigo 4º

Unha vez elaborado o catálogo, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura acordará un período de información pública que se anunciará nos lugares previstos no artigo 2º.3 do presente decreto, co fin de que os interesados poidan examinalo.

O anuncio sinalará o lugar de exhibición e determinará o prazo para formular alegacións, que en ningún caso poderá ser inferior a vinte días.

Artigo 5º

5.1. Finalizado o período de información pública e introducidas as modificacións que resulten procedentes, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura acordará a aprobación do catálogo.

5.2. Así mesmo, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura declarará a revogación das autorizacións nas que se producise un cesamento da actividade normal por un período de doce meses consecutivos, inmediatos anteriores á data de inicio do procedemento de revisión, así como nos casos nos que se produza un uso impropio ou unha manifesta infrautilización da explotación.

5.3. Tanto a aprobación do catálogo como as revogacións a que se refire o anterior apartado, publicaranse nos lugares e na forma prevista no artigo 2º.3 deste decreto.

Artigo 6º

Aprobado o catálogo, abrirase un prazo dun mes, mediante resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, publicada na forma descrita no artigo 2º.3, para que os titulares das autorizacións en explotación incluídos nel, soliciten a adaptación daquelas á Lei 6/1993, achegando os seguintes datos e documentación:

a) Solicitude, na forma establecida no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Identificación da autorización para a que se solicita a adaptación, mediante referencia ó catálogo.

c) Descrición das técnicas de semicultivo que se van aplicar na explotación obxecto da autorización.

d) Plan de explotación e xestión dos recursos que terá o contido indicado no artigo 4 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13 do 20-1-1994), polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, con excepción do sinalado no primeiro inciso do apartado 1.

e) Número dos permisos de explotación dedicados á explotación obxecto da autorización e relación dos seus titulares con tódolos datos que permitan a súa identificación.

f) Especies que se van explotar.

g) Proxecto de balizamento ou sinalización da superficie de explotación obxecto da autorización, con datas concretas de compromiso para a súa realización.

h) Datos da persoa que desempeñará a dirección técnica e xestora da explotación, que deberá estar, alomenos, en posesión do título de técnico superior en producción acuícola e datas concretas de compromiso para a súa incorporación á explotación.

i) Plan de vixilancia da autorización con expresión do número de persoas adicadas e das datas concretas de compromiso para o inicio da súa actividade.

Sección terceira

Das autorizacións e da súa revisión

Artigo 7º

7.1. Cando as solicitudes de adaptación non reúnan os requisitos sinalados no artigo anterior ou os esixidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, emenden a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixeran, teranse por desistidos da súa petición, arquivándose sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada Lei 30/1992.

7.2. Transcorrido o prazo o que se refire o artigo 6 sen que se presente solicitude de adaptación, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo de audiencia do titular, declarará a caducidade da autorización. Procederase do mesmo xeito coas solicitudes afectadas polo prevenido no artigo 7º.1.

Artigo 8º

8.1. Comprobado o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 6º polos solicitantes, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura elaborará o proxecto de outorgamento das autorizacións revisadas, adaptando a súa extensión, se é o caso, ó número de persoas que nelas veñan desenvolvendo actividade extractiva.

8.2. A delimitación da extensión das autorizacións revisadas realizarase conforme as seguintes regras:

a) Determínase a superficie media de explotación (SME), que será o resultado do cociente entre a superficie total de tódalas autorizacións incluídas no catálogo da zona en revisión e o número total de permisos de explotación dedicados á explotación das referidas autorizacións.

b) A superficie adaptada de cada autorización revisada (SR), será o resultado de multiplica-la SME polo número de permisos de explotación dedicados á explotación da autorización de que se trate.

c) Se a SR resultase maior que a superficie real do banco natural obxecto da autorización, considerarase como superficie adaptada a correspondente ó banco natural, polo que a autorización revisada erá en conta tal limitación espacial.

8.3. O sinalado no apartado 8.2, realizarase independentemente para as autorizacións en zona marítima e marítimo-terrestre, diferenciándose, igualmente, as autorizacións para percebe das autorizacións para outras especies.

8.4. As superficies que non resulten adxudicadas nas autorizacións revisadas declararanse zonas de libre marisqueo.

Artigo 9º

9.1. Redactado o proxecto a que se refire o artigo 8º, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura acordará un período de información pública que se anunciará nos lugares previstos no artigo 2º.3 deste decreto, co fin de que os interesados poidan examina-lo expediente.

O anuncio sinalará ó lugar de exhibición e o prazo para formular alegacións, que en ningún caso poderá ser inferior a vinte días.

9.2. Igualmente, o proxecto de revisión, someterase a informe das administracións públicas afectadas sobre os aspectos da súa competencia, informes que deberán emitirse no prazo de vinte días.

Artigo 10º

10.1. Finalizados os períodos indicados nos puntos 9º.1 e 9º.2 e introducidas as modificacións que resulten procedentes, a Dirección Xeral de Recursos Mariños elevará ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura proposta de resolución do procedemento de revisión.

10.2. Por orde do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura elevarase a definitiva a revisión, publicándose no DOG, relacionándose tódalas autorizacións revisadas, expresando ás condicións de outorgamento que serán conformes co prevido no capítulo V da Lei 6/1993, de pesca de Galicia. As autorizacións revisadas notificaranse individualizadamente a cada un dos titulares.

Disposición adicional

Correspóndelle á Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura exerce-las funcións descritas nos artigos 3º.1, 4º, 5º.1, 6º, 8º e 9º.1 do presente decreto.

Disposición transitoria

As titularidades das autorizacións nas zonas marítima e marítimo-terrestre manterán, provisionalmente, a súa vixencia, mentres non finalice o proceso de revisión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para que adopte as medidas que procedan para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura