Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Xoves, 11 de marzo de 1999 Páx. 2.808

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 5 de marzo de 1999 pola que se recoñece a denominación de orixe Queixo do Cebreiro e se nomea o seu consello regulador provisional.

Polo Decreto 69/1988, do 10 de marzo, regulouse a denominación producto galego de calidade, para o sector agroalimentario, que ten por fin garanti-la calidade e a orixe dos productos tradicionais de Galicia, tipificalos, fomentar e mellora-la súa industrialización nas propias bisbarras de procedencia, e acadar, ó mesmo tempo, unha efectiva presencia deles no mercado.

Como consecuencia, por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 16 de abril de 1991 recoñeceuse a denominación producto galego de calidade para o queixo do Cebreiro.

De acordo co disposto na Lei 25/1970 e no Decreto 837/1972, do 23 de marzo, pola que se aproba o regulamento do Estatuto da viña, o viño e os alcohois, e o Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, os interesados no recoñecemento e regulamentación dunha denominación de orixe deberán solicitalo á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Recibiuse a solicitude de recoñecemento e protección deste producto por parte do sector queixeiro interesado, baixo unha denominación de orixe, co nome de Queixo do Cebreiro para os queixos elaborados a partir do leite de vaca producido na bisbarra do Cebreiro.

En consecuencia, por petición do sector interesado, unha vez examinada a viabilidade da proposta e de conformidade co artigo 30.1º.3 e 4, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias

que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñécese a denominación de orixe Queixo do Cebreiro para os queixos producidos e elaborados na bisbarra do Cebreiro, na maneira e condicións que se determinen no seu regulamento particular.

Segundo.-Noméase un consello regulador con carácter provisional que, por proposta do sector interesado, queda formado polos membros seguintes:

Presidente: Jesús Pérez Freijo.

Vocais:

Polo sector elaborador:

Titulares:

Mª del Carmen Arrojo Valcárcel

José Luis Rodríguez Chao.

Abel Pérez Rodríguez

Suplentes:

Mª Encarnación Lago González

Verónica Marcos Arrojo

José Ramón Rodríguez Raposo

Polo sector productor:

Titulares:

José Manuel Celeiro López

Manuel José López Fernández

Manuel Álvarez Lolo

Suplentes:

Javier Piedracova Rodríguez

Luis Fernández Rodríguez

José Luis Arrojo Espín

Terceiro.-Encoméndaselle ó consello regulador provisional a redacción do regulamento particular da denominación, que elevará á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a súa aprobación.

Cuarto.-O consello regulador provisional elaborará os censos de productores de leite e elaboradores de queixo que se encontren interesados en adscribirse á denominación.

Quinto.-A indicación denominación de orixe Queixo do Cebreiro non poderá ser mencionada nas etiquetas, documentación ou publicidade destes queixos ata que sexa aprobado o seu regulamento específico pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las normas precisas para o mellor desenvolvemento do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria