Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Mércores, 10 de marzo de 1999 Páx. 2.779

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Matadero Comarcal del Deza, S.A., no municipio de Lalín, provincia de Pontevedra, e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 98/209).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Matadero Comarcal del Deza S.A., con domicilio para efectos de notificacións no polígono industrial de Botos, 36500 Lalín (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Con data do 26 de agosto de 1998, a citada empresa solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, derrogado polo R.D. 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, actualmente vixente.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración prevista serán as seguintes:

-Un grupo motoxerador de 1.100 kW. Dous tanques de 30.000 litros para almacenamento de gasóleo. Transformador de 1.600 kVA de potencia. Equipo de control, regulación, protección e adaptación.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra dictou Resolución do 7 de outubro de 1998 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 9 de novembro e no BOP de Pontevedra do 29 de outubro e 3 de novembro, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Cuarto.-O proxecto recibiu informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982,

do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Matadero Comarcal del Deza, S.A., que se situará nas súas instalacións do termo municipal de Lalín, na provincia de Pontevedra.

Recoñecer á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998, e incluíla no grupo a.1 do artigo 2 do dito Real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral da Consellería de Industria

e Comercio