Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 08 de marzo de 1999 Páx. 2.676

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se anuncia a convocatoria dun Programa de Visitas Didácticas á ría de Arousa para alumnos do último ciclo de ensino primario, ensino secundario obrigatorio e ensino postobrigatorio non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia.

A pesar da importancia que o mar ten en Galicia, existe un gran descoñecemento na sociedade galega do que realmente representa o sector marítimo-pesqueiro para a nosa Comunidade Autónoma, sendo este distanciamento moito maior no interior e nas zonas rurais. É de interese, co fin de lograr unha maior conciencia da poboación sobre o que o mar significa para Galicia, programar actividades destinadas a dar a coñecer esta realidade tan importante

e próxima a nós, sobre todo ós xoves en idade escolar. En consecuencia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar un programa de visitas didácticas para escolares de ensinos primario e secundario, que se rexerá pola presente resolución.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-la súa participación no programa os centros escolares públicos de ensinanzas primaria (último ciclo), ensino secundario obrigatorio e ensino postobrigatorio non universitario de toda a Comunidade Autónoma galega.

O número máximo de centros participantes fíxase en 60.

Na visita poderán participar un máximo de 62 persoas por centro (alumnos mais profesores), cun mínimo de 3 profesores e/ou titores e un máximo de 5.

Para os centros de ensino primario os alumnos deberán ser do último ciclo.

Artigo 3º.-Finalidade.

O programa consistirá nunha visita en embarcación á ría de Arousa, con saída e finalización desde o porto que oportunamente se comunique.

Os desprazamentos desde a orixe ó punto de saída, visitas adicionais por terra, do punto de finalización á orixe, así como as comidas, serán por conta dos solicitantes.

Artigo 4º.-Datas de realización.

As visitas realizaranse entre os días 12 de abril e o 28 de maio de 1999, excluídos sábados, domingos e feriados.

Artigo 5º.-Solicitudes.

Presentaranse segundo modelo do anexo, no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) antes do vixésimo día hábil seguinte ó da publicación desta resolución, á que se xuntará un informe favorable do Consello Escolar do Centro para a realización da actividade e autorización escrita dos pais dos alumnos, cando estes sexan menores de idade.

As solicitudes acompañaranse dunha memoria xustificativa explicando os motivos polos que se solicita a viaxe, así como a relación con actividades ou programas educativos que se estean realizando ou vaian a realizarse no centro. En tal caso poderase xunta-la información documental que se considere de interese.

Artigo 6º.-Selección.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación seleccionará os centros participantes entre as solicitudes presentadas, tendo en conta a adecuación da visita ás actividades pedagóxicas realizadas no centro, o contorno social no que se sitúa e se o centro ten realizado esta visita en anos anteriores.

A concesión ou denegación dela seralles comunicada por escrito ós centros solicitantes.

Santiago de Compostela, 1 de marzo 1999.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación