Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 08 de marzo de 1999 Páx. 2.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xaneiro de 1999 pola que se convoca concurso público para a adxudicación de dúas bolsas para realizar estudios relacionados coa Unión Europea no Colexio de Europa en Bruxes, e se anuncia a súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio de Europa en Bruxes teñen asinado un convenio de colaboración, para así contribuír á formación dos nosos titulados universitarios e de profesionais coas institucións, o dereito e a economía europeas.

En virtude de canto antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase concurso público para a adxudicación de dúas bolsas destinadas a titulados superiores en ciencias políticas e da administración, dereito, administración e dirección de empresas ou economía para realizar estudios de especialización en temas relacionados coa Unión Europea e o proceso de integración europeo, no Colexio de Europa con sede en Bruxes.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas bolsas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.483.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, cunha contía máxima de 5.000.000 de ptas.

Artigo 3º.-Requisitos.

As bolsas poderán ser solicitadas por aqueles titulados superiores en ciencias políticas e da administración, dereito, administración e dirección de empresas ou economía, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou seren nacionais dun país membro da Unión Europea.

b) Ter rematados os estudios de licenciatura nos últimos cinco anos, nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia.

c) Acreditar, documentalmente, coñecementos satisfactorios de galego, inglés e francés.

Artigo 4º.-Duración e contía.

A duración das bolsas é a dun curso académico completo (curso 1999-2000).

O importe de cada bolsa ascende a un total de 2.500.000 ptas. brutas, destinadas a:

a) O pagamento das taxas e estadía que será efectuada en nome do bolseiro pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria directamente no Colexio de Europa en Bruxes.

b) A cantidade restante ingresaráselle ó bolseiro nun só pagamento, en concepto de axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes, segundo modelo ED 429 A, que se publica como anexo I desta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes deberán ir acompañdas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Currículum vitae do solicitante, acompañado dos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa que acredite a súa condición de licenciado en ciencias políticas e da administración, dereito, administración e dirección de empresas ou economía.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e deberase xuntar, se é o caso, as oportunas táboas de equivalencias oficiais das cualificacións.

d) Certificación ou calquera outro documento que acredite o nivel de coñecemento de galego, inglés e francés.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Estudiantes e Docencia da Universidade de Vigo.

Xefe do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria e emendada, no caso de ser requirida, a documentación necesaria no prazo de dez días desde a súa notificación, a comisión avaliadora elaborará unha relación na que figurarán aqueles candidatos que conten co mellor expediente.

A selección realizarase tendo en conta o expediente académico, o currículum presentado e os coñecementos de galego, inglés e francés.

A nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se teña cursado, esta nota media calcularase do xeito seguinte:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma das notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados en créditos:

Media=(N1.P1+N2.P2+N3.P3+...)/(C1.N1+C2.N2+...).

Onde:

N1 = nº de créditos de cada materia.

P1 = puntuación de cada materia

C1 = nº de convocatorias empregadas en cada materia.

Unha vez que o Colexio de Europa confirme a selección dalgún dos candidatos propostos (máximo de 2), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá a resolver con carácter definitivo a presente convocatoria mediante orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Obrigas dos bolseiros.

a) O bolseiro está obrigado a incorporarse ó centro correspondente ó comezo do curso académico 1999-2000, e deberá informar inmediatamente disto á Dirección Xeral de Universidades.

b) A Dirección Xeral de Universidades poderá, en calquera momento do curso, solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades. Así mesmo, poderáselle solicitar este informe ós responsables do programa de estudios. No caso de producirse unha

avaliación desfavorable poderá decidirse o cesamento inmediato da axuda e, incluso, a devolución das cantidades xa pagas.

c) O bolseiro comprométese a elaborar unha memoria cun resumo dos estudios realizados, así como de tódolos extremos que xulgue convenientes. A dita memoria entregarase ó remate dos estudios.

d) O desfrute da bolsa é incompatible coa realización de calquera traballo remunerado ou con outra bolsa.

Artigo 9º.-Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

Disposicións adicionais

Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituido pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Terceira.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo (DOG do 26 de agosto), polo que se aproba a relación de procedementos iniciados a solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicions necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria