Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 08 de marzo de 1999 Páx. 2.626

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xaneiro de 1999 pola que se convocan axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa Acción B do Programa Lingua (capítulo 3 do Programa Sócrates).

O Programa Sócrates foi adoptado o 14 de marzo de 1995 polo Consello de Ministros da Unión Europea como un programa de acción para a cooperación entre os estados no campo da educación.

No marco deste programa, e no capítulo 3, encóntrase o Programa Lingua, que ten como principais obxectivos promove-lo coñecemento das linguas dos diversos estados membros e contribuír á mellora cualitativa do ensino e aprendizaxe de linguas da Unión Europea.

Das cinco accións que comprende o Programa Lingua, a Acción B (anteriormente Acción I) establece medidas destinadas a promove-la formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras.

Para a xestión e concesión de axudas e subvencións públicas financiadas en todo ou en parte con fondos da Unión Europea, esta convocatoria está regulada polos artigos 81 e 82 da Lei xeral orzamentaria, na súa nova redacción, dada pola Lei 31/1990, do 27 de decembro e o Real Decreto 2225/1993 de 17 de decembro (BOE do 30).

Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

1. Convócanse bolsas (denominadas de formación continua), de acordo coa Acción B do Programa Lingua, destinadas a mestres, profesores de secundaria e formadores de linguas estranxeiras, co fin de dárlle-la oportunidade de participar en actividades de formación continua noutros estados membros da Unión Europea durante o verán de 1999.

2. Para o desenvolvemento da citada Acción B, destinaranse nesta Comunidade Autónoma fondos procedentes do Programa Sócrates.

3. A actividade de formación terá como finalidade principal o perfeccionamento da actividade docente e formativa do solicitante.

4. Terán prioridade:

a) Os solicitantes dos que a actividade de formación cumpra unha das seguintes condicións:

-Contribúa á diversificación da oferta de linguas estranxeiras, así como ó ensino das linguas menos utilizadas e ensinadas do Programa Lingua. Para estes efectos consideraranse como tales tódalas linguas citadas no punto 6 deste apartado primeiro, excluíndo o inglés e o francés.

-Estea directamente relacionada co uso de novas tecnoloxías ou da educación a distancia.

-Vaia dirixida ó ensino de persoas desfavorecidas e que teñan necesidade dun apoio especial para a aprendizaxe das linguas estranxeiras.

b) Os solicitantes que participaran anteriormente nun proxecto educativo europeo (Comenius 1) ou nun proxecto educativo conxunto (Lingua E).

c) O profesorado que non teña desfrutado dunha axuda do programa Lingua B (antes Acción I) previamente.

5. As axudas, de ata un máximo de 1.500 ecus por beneficiario, asinaranse para contribuír ós gastos de ensino, viaxe e estadía ocasionados pola asistencia á actividade de formación. A contía das axudas será fixada individualmente, tendo en conta a actividade de formación, a duración, os gastos de inscrición e ensino, así como o seu lugar de celebración.

6. As linguas que abarca o programa para efectos de solicitude destas axudas son: alemán, danés, finlandés, francés, grego moderno, islandés, neerlandés, inglés, irlandés (gaélico), italiano, luxemburgués, noruego, portugués e sueco, ensinadas como linguas estranxeiras.

Requisitos.

Segundo. 1. Poderán solicitar estas axudas:

1.1. Os mestres, profesores de secundaria e de escolas oficiais de idiomas de centros docentes públicos ou privados de acordo coa normativa vixente que teñan como actividade regular o ensino dunha ou máis linguas do Programa Lingua citadas no apartado primeiro 6. Enténdese por actividade regular o ensino de linguas estranxeiras cun mínimo de seis horas semanais en ensino secundario e 1.30 horas semanais en ensino primario. Este profesorado deberá ter, como mínimo, tres anos de experiencia docente en linguas estranxeiras.

1.2. Os mestres, profesores de secundaria e profesores de escolas oficiais de idiomas que, estando en situación de excedencia, vaian incorporarse ó seu posto de traballo no curso 1998-1999 como profesores de linguas estranxeiras. Esta circunstancia deberá ser acreditada convenientemente.

1.3. Os mestres e profesores de secundaria que estean impartindo un nivel, área ou disciplina na lingua estranxeira para a que solicita a actividade de formación, sempre que non sexa a súa lingua materna.

1.4. Os inspectores técnicos de educación que teñan relación co ensino de linguas estranxeiras e os asesores técnico-pedagóxicos de linguas estranxeiras nos centros de formación continuada do profesorado.

2. Os solicitantes deberán cumprir obrigatoriamente as seguintes condicións:

a) Non teren desfrutado dunha axuda da Acción Lingua B (anteriormente Acción I) nas dúas convocatorias anteriores.

b) Non teren desfrutado dun reintegro individual de gastos para asistencia a actividades de formación do profesorado durante o ano 1998 nin desfrutalo durante 1999.

c) Non teren desfrutado dunha axuda nas actividades formativas para o curso 1998-1999 destinadas ó profesorado de inglés e francés convocadas na Orde do 30 de marzo de 1998 (DOG do 14 de maio)

3. A actividade de formación deberá ter unha duración igual ou superior a dúas semanas e corenta horas lectivas.

4. Dado que a participación nas axudas para a formación continua de profesores e formadores, de acordo coa Acción B do Programa Lingua non dá lugar á substitución destes, a actividade deberá realizarse nos meses de período vacacional (xullo e agosto).

Terceiro.-Solicitudes.

1. Os solicitantes que reúnan as ditas condicións formularán a súa solicitude por medio de instancia, segundo modelo que figura no anexo I desta orde, á que se xuntará a documentación que figura a continuación:

1.1. Relación numerada, datada e asinada, da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no baremo establecido no anexo II desta orde.

1.2. Para o profesorado destinado en centros docentes públicos:

a) Certificación de servicios específica para a Acción B do Programa Lingua, certificada polo secretario e secretaria do centro co Vº. e Pr. da dirección segundo o modelo que figura no anexo III.

b) Certificado expedido pola dirección do centro de destino no que se faga consta-lo idioma que impartiu o solicitante durante os dous últimos cursos (1996-1997 e 1997-1998), ou, no seu defecto, dos dous cursos nos que impartise o idioma, así como o idioma que imparte durante o curso 1998-1999, especificando niveis e número de horas impartidas á semana. No caso de que durante os cursos anteriores os centros de destino fosen distintos ó actual, son necesarios os respectivos certificados da dirección dos ditos centros, facendo consta-lo especificado neste apartado.

1.3. Para o profesorado de centros docentes privados, certificado dos servicios prestados, expedido pola dirección do actual centro de traballo e co visado da inspección técnica correspondente, no que se faga constar nivel educativo, área impartida e número de horas á semana. En caso de que en anos anteriores o concursante prestara servicios en centros distintos ó actual, deberá xunta-los certificados respectivos que acrediten o anteriormente expresado.

2. Non serán tidos en conta nin, por conseguinte, valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se xustifiquen fóra do prazo ó que se refire o apartado quinto da presente convocatoria.

Cuarto.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes do profesorado destinado no ámbito territorial desta Comunidade Autónoma dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, San Lázaro, número 107, 15771 Santiago de Compostela, presentándose a través do rexistro xeral.

2. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que os solicitantes optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

Quinto.-Prazo de presentación.

As solicitudes individuais e documentos a que se fai referencia no apartado terceiro 1. desta orde deberán ser presentados ata o día 23 de marzo de 1999 inclusive.

Sexto.-Selección.

1. A selección do profesorado realizarase, logo da valoración dos méritos dos aspirantes de acordo cos criterios que figuran nos apartados primeiro, segundo e terceiro e o baremo que figura no anexo II desta convocatoria, por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, ou persoa na que delegue.

Vocais: un inspector; o xefe do Servicio de Formación do Profesorado; o xefe de Servicio de Ensinanzas Profesionais.

Secretario: unha persoa destinada na subdirección xeral.

2. A comisión seleccionadora poderá dispoñe-la constitución de subcomisións técnicas especializadas só para o efecto de colaborar na valoración dos méritos dos candidatos.

Sétimo.-Resolución da convocatoria.

1. Dentro dos tres meses seguintes á finalización do prazo de recepción de solicitudes, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional unha relación provisional, na que se fará constar:

a) Relación de solicitudes seleccionadas, puntuacións obtidas e cantidades en ecus asignadas a cada unha delas.

b) Relación de solicitudes suplentes por orde de puntuación e puntuacións obtidas en cada caso.

c) Relación de solicitudes excluídas, con especificación da causa.

2. Os candidatos poderán presentar reclamacións ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional durante o prazo de dez días hábiles, contados a partir da data na que se fixeron públicas as indicadas relacións.

3. Transcorrido o dito prazo, e unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva de concesión de axudas, realizada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional; na que se incluirá unha relación alfabética dos beneficiarios, expresando a contía da axuda concedida en cada caso, así como unha relación nominativa das solicitudes suplentes por orde de puntuación e solicitudes excluídas con especificación da causa.

Oitavo.-Aceptacións e renuncias.

1. Nos vinte días naturais seguintes ó da publicación da relación provisional da que se fai mención no apartado sétimo 1. desta orde, as persoas seleccionadas deberán remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a súa aceptación ou renuncia, facendo constar calquera cambio, se o houbese, nos datos do participante ou na actividade solicitada.

2. No caso de que non se reciba notificación por parte do interesado no prazo sinalado, entenderase que renuncia á axuda.

Noveno.-Retirada de documentos.

Unha vez publicadas as resolucións definitivas correspondentes e finalizados os prazos para a interposición de recursos, os documentos presentados polos concursantes poderán retirarse da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ata o día 30 de outubro de 1999, directamente polos interesados ou por persoa autorizada. Tamén poderán solicita-la súa devolución por correo, remitindo previamente á dita dirección xeral selos polo valor do custo da franquía. Transcorrido este prazo, perderase todo dereito sobre ela.

Décimo.-Xustificación e percepción da axuda.

1. A Axencia Sócrates enviará a cada un dos seleccionados o modelo de contrato elaborado pola Comi

sión Europea. Unha vez recibidos os fondos da Comisión Europea, a Axencia Sócrates iniciará a tramitación para efectuar-lo libramento ós interesados das cantidades correspondentes. A xustificación económica realizarase tal e como especifica o contrato.

2. Non obstante e segundo a normativa vixente, os beneficiarios deste tipo de axudas quedan obrigados a remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a seguinte documentación, dentro dos vinte días naturais seguintes á finalización da actividade:

a) Informe crítico sobre a actividade realizada, segundo cuestionario que se publicará na resolución definitiva mencionada.

b) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia ó curso no que se especifiquen as datas de realización e o número de horas lectivas.

c) Declaración do interesado manifestando se é ou non beneficiario doutra axuda ou bolsa procedente de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou internacionais, con especificación, se é o caso, da súa contía e finalidade.

3. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Os beneficiarios da axuda estarán obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida polo organismo competente, quedando sometidos ás actuacións de control financeiro que corresponda e ás de comprobación que poidan efectua-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia.

5. A non xustificación da axuda percibida segundo o disposto nestas bases implicará o reintegro das cantidades non xustificadas e a esixencia dos xuros de demora, sen prexuízo das responsabilidades administrativas nas que poida incorrer de acordo co establecido nos artigos 81 e 82 da Ley xeral orzamentaria, na súa nova redacción dada pola Lei 31/1990, do 27 de decembro, nos que se regula a xestión e concesión de axudas e subvencións públicas financiadas, en todo ou en parte, con fondos da Unión Europea.

Décimo primeiro.-Recursos.

Contra a presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e os actos que se deriven dela, os interesados poderán interpoñe-los recursos previstos na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria