Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de perfeccionamento de informática, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
O curso ten por obxectivo principal chegar a coñecer a un nivel profundo as características avanzadas do sistema e do paquete Microsoft Office.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que previamente realizaran o curso básico ou acrediten coñecementos de informática; e no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
O número de prazas que se ofertan neste curso é de 11.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 23 de marzo, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo á non admisión no devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:
a) Windows 98.
b) Microsoft Office.
Datas.
O curso celebrarase en datas do 5 ó 23 de abril, en horario de 18 a 20 horas.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 26 de marzo no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
O curso desenvolverase na aula de informática da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.
Certificado de asistencia e aproveitamento.
Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e superen unha proba de coñecementos.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1999.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade